Responder WhatsApps e correos, ver que se coce nas túas redes, consultar o tempo... Ao final do día pasaches máis tempo mirando a pantalla do ordenador e do móbil que desfrutando de todas as cousas bonitas que te rodean. Debes atopar o teu equilibrio coa tecnoloxía, algo moi de moda que chaman “benestar dixital”. E se aproveitas a paréntese de vacacións para desconectar un pouco da tecnoloxía?

“benestar dixital”

Nas típicas horas mortas do día a día, botas sempre unha ollada á tablet, ao móbil, ao ordenador... e falo por inercia porque xa é un hábito máis. O ‘benestar dixital’ proponche botar o freo para que aprendas a desenvolver e manter hábitos tecnolóxicos saudables.

Para lograr ese equilibrio coa tecnoloxía, para que realmente sexa unha axuda e non unha distracción, é importante que sexas consciente do uso e frecuencia que lle dás a internet, ás túas redes, etc.

Google axúdate a desconectar do móbil

Hai moitas aplicacións que te axudan a afastar a vista da pantalla do teu smartphone, pero nós queremos propoñerche estes experimentos de Google que son moi tolos e moi divertidos á vez.

Screen Stopwatch

Esta aplicación diche canto tempo pasas co móbil cada día. Cada vez que o desbloqueas, o cronómetro segue contando. Descárgaa e a ver canto tempo che sae a ti.

Activity Bubbles

Parecida á anterior, esta app o que fai é encher a pantalla de burbullas en función do tempo que usas o teléfono. Descárgaa e compróbao.

Desert Island

Aquí Google desafíate a pasar un día só coas túas aplicacións esenciais, as que ti elixas. Serías quen de facelo? Instálaa no teu móbil e cóntanos.

Unlock Clock

Non se trata dunha aplicación en si mesma. O que descargas é un fondo de pantalla que che mostra con que frecuencia desbloqueas o teléfono. Descárgao e atoparalo na túa biblioteca habitual.

Morph

Abre as aplicacións que necesitas en cada momento. Por exemplo, se estás a traballar, poderás utilizar Gmail, Drive e Calendar. As apps de cada momento elíxelas ti. Instálaa e selecciona as túas.

Post Box

Elixe con que frecuencia queres recibir as notificacións de WhatsApp, correo, etc. Así non te distraerás cando estás centrado en algo. Próbaa xa.

We Flip

E se queres desconectar da tecnoloxía en grupo, este outro experimento é para ti. Esperas a que todos se unan e logo activas o interruptor. Se alguén se desbloquea, a sesión finalizará. Descárgaa e decide con quen queres desconectar.

E ti, canto tempo pasas diante do móbil ao día? Comproba se é o que calculaches.