A tele segue sendo a raíña do salón. Pero cando pensas en comprar unha nova, probablemente a túa mente se enche de dúbidas no medio do aluvión de formatos e funcionalidades e cústache decidir. Imos tentar axudarche contándoche as principais tecnoloxías e tipos que hoxe existen no mercado e que aspectos deberías ter en conta á hora de adquirir unha tele nova.
Que tele necesitas? En xeral, un aparello que conte con tecnoloxía actual e que non quede obsoleta en pouco tempo, que se adapte ao tamaño e ao estilo da túa casa, que che permita reproducir comodamente os contidos das túas plataformas e dispositivos e, por suposto, con boa calidade de imaxe e son.
Non é tarefa fácil, pero aquí che trasladamos algunhas pautas básicas:
Calidade de imaxe: a tecnoloxía HDR
Primeiro foi HD-Ready, que evolucionou a Full HD; tras el chegou o Ultra HD e agora estamos en fase HDR.
A tecnoloxía HDR (High Dynamic Range ou Alto Rango Dinámico) permite optimizar a luz, o contraste e a cor do que ves na pantalla.
Existen varias opcións, pero sobresaen dúas: HDR10, o estándar e o que mostra o HDR de forma estática establecendo máximos de brillo para o conxunto do contido; e Dolby Vision, que vai un paso máis aló e xa non se basea en números máximos preestablecidos, senón que axusta o brillo para cada escena, conseguindo mellor calidade de imaxe.
Resolución da pantalla: FullHD ou 4K UHD?
A resolución da pantalla é o número de píxeles que se mostran na pantalla. Mídese en hercios e adoita estar entre 50 ou 60, aínda que en televisores premiun pode chegar aos 120 ou 140 Hz.
A principal diferenza entre unha tele FullHD e unha tele 4K é a súa resolución. A tecnoloxía 4K Ultra-HD ten, aproximadamente, catro veces a resolución dun televisor FullHD; é dicir, se nunha pantalla FullHD a resolución é de 1920 x 1080 píxeles, nunha tele 4K ascende a 3840 x 2160. Ademais, o 4K conta cunha profundidade de cor mínima de 10 bits e a súa escala de cor rolda o 90%.
A diferenza nótase na nitidez e faise máis evidente se consumes contidos en 4K, aínda pouco habituais en canles lineais tradicionais pero cada vez máis numerosos nas principais plataformas de streaming, como Netflix ou Prime Vídeo.
Vaia, que o futuro, e xa o presente, diríxese claramente cara a estándares 4K e similares. O que si é aínda moi incipiente é a tecnoloxía e os contidos en 8K e similares; aínda que xa existen, de momento cínguense a públicos moi especializados :)
Un consello: case tan importante como a resolución é a frecuencia ou taxa de refresco da imaxe; é dicir, o número de veces que unha imaxe se refresca cada segundo na pantalla para conseguir un mellor enfoque e suavidade nos cambios. Non só é cuestión de nitidez, tamén reduce a fatiga visual do visionado.
A frecuencia de refresco estándar é de 60 veces cada segundo, ou 60 Hz, pero é aconsellable que a tele duplique esa frecuencia.
Tipos de panel
Aínda que podes atopar con moitas nomenclaturas, como QLED, LED, ULED, NanoCell ou MiniLED, realmente estas só son variacións, por tipo ou marca, das dúas grandes tecnoloxías de panel: LCD, a máis habitual, e OLED, a máis nova.
A gran diferenza entre elas radica no contraste ou, o que é o mesmo, a media dos valores máximo e mínimo de iluminación. En pantallas LCD parte dos 1.000:1 e en pantallas OLED sobe de 1.000.000:1.
Ás LCD poderiamos definilas como "todoterreo", xa que a súa principal virtude é que posúen maior luminosidade en practicamente calquera contorna e momento, mesmo de día. Por contra, non ofrecen negros absolutos e iso nótase na calidade. Ademais, se usas a pantalla para videoxogos, sofres maiores retardos e latencia, aínda que as versións LCD LED, de maior custo, corrixen e melloran estes aspectos.
Pola súa banda, OLED son as siglas de Organic Light-Emitting Diod. Así que as pantallas con esta tecnoloxía baséanse neste diodo orgánico capaz de xerar e emitir luz por si mesmo para ofrecer unha imaxe de altísima calidade, natural e brillante dende calquera ángulo.
E se queres algo a medio camiño entre as prestacións e os prezos de LCD e OLED, a opción é QLED.
Son
O son é unha das maiores dores de cabeza dos fabricantes de televisores actuais.
A necesidade de reducir o consumo de enerxía leva ao uso de amplificadores de reducido tamaño e potencia.
E a delgadeza das pantallas provoca que conten con escaso espazo físico para os dispositivos de son, así que en moitos casos deben incorporar barras de son externas para alcanzar unha calidade óptima.
As teles estándar adoitan ter dous altofalantes, con potencias que van entre os 6W e os 15W.
Pero, ademais da potencia, debes atender ao formato. Os máis estendidos son DTS e Dolby e as súas respectivas versións avanzadas, DTS:X e Dolby Atmos, sendo esta última a máis habitual e a máis compatible á hora de reproducir todo tipo de contidos.
Conectividade
Non hai dúbida: mellor cantas máis conexións HDMI teña (mínimo dúas), e que sexan HDMI 2.0 ou superior, os estándares de conectividade multimedia que aumentan o ancho de banda dispoñible ata os 48 Gb/s para poder soportar contidos en altísima resolución, ata o 10K, e compatibles con HDR Dinámico.
Tamén é importante que teña un porto USB mediante o que conectar dispositivos externos, como un disco duro, e que teña a posibilidade de inserir tarxetas SD.
E, sen dúbida, o que non pode faltar é a conectividade wifi e bluetooth, xa que así poderás conectar todos os teus dispositivos nun mesmo lugar, que é xusto a idea do que fai unha Smart TV ou televisor intelixente.
Smart TV. Sistemas operativos
A tele xa non só reproduce as canles habituais; agora tamén queres ver vídeos en streaming, conectarte ás plataformas de contidos ou a canles como Youtube, usala para xogar en liña ou descargar as túas aplicacións favoritas. E para iso necesitas unha Smart TV, un televisor intelixente que conte con conexión á Rede.
Loxicamente, é clave o sistema operativo da túa Smart TV. O máis utilizado e versátil é Android TV, con acceso a Google Store e, por tanto, ás apps máis coñecidas como Netflix, Youtube, HBO...
Doutra banda, se vas descargar aplicacións, necesitas almacenamento interno. Mínimo, 8 GB, e, se es gamer, apunta a teles de 32 GB para evitar problemas.
Tamaño
Na actualidade, a tecnoloxía avanzou tanto que podes gozar dunha altísima calidade de imaxe, sexa cal sexa o tamaño da túa tele. A partir de aí, elixir número de polgadas dependerá de cuestións máis subxectivas e particulares, que van dende os gustos e usos ao tamaño do salón e a distancia que haxa entre o teu sofá e a tele.
Segundo a OCU, as distancias recomendadas serían:
- Tele de 32" se estás a unha distancia entre 1,5 e 2,3 metros
- Tele de 40" a 43" para distancias entre 2 e 2,8 metros
- Tele de 46 a 49" cando a distancia é de 2,4 a 3,2 metros
- Tele de 50 ou 51" se a visualizas a 2,5 ou 3,3 metros
- Tele de 55" para espectadores/as situados entre 2,8 e 3,6 metros
- Teles de 65" nos casos en que a distancia entre ti e a pantalla estea entre os 3,4 e os 4,2 metros
Consumo e eficiencia enerxética
Tal e como está o prezo da luz, o consumo de enerxía non é un tema menor. Neste sentido, debes saber que as teles con tecnoloxía LED son as máis eficientes: consomen un 25% menos que as LCD e ata un 40% menos que as de plasma.
Ata aquí a nosa miniguía básica de consellos para axudarche a atopar a túa tele perfecta na que recompilamos cuestións fundamentais sobre a calidade da imaxe, o son, a resolución da pantalla, a conectividade ou o tamaño.
Ah, e un último consello: sácalle aínda máis partido á túa tele co noso deco 4K con Android TV de R. Contas cun gravador na nube para ver cando queiras os teus programas favoritos. E grazas a rebobina tes acceso ás túas series, programas e contidos emitidos os últimos 7 días, para que non perdas nada. Gozarás tamén da pausa en directo ou podes ir cara atrás se perdiches algo. E todo isto nas mellores canles, como FOX, AXN, TNT, National Geographic, Eurosport…