Deixa de “pelexar” polo mando da tele. Con tv comigo podes ver a televisión de R no teu ordenador, no teu móbil ou tablet. E que fago se a miña tablet non ten SIM? Moi fácil, podes converter o teu móbil nun punto de acceso wifi.
Aproveita os datos do teu smartphone para convertelo nun punto de acceso wifi, unha práctica que se coñece como «Tethering». Noutras palabras, navega na túa tablet coma se tiveses wifi grazas aos datos do teu teléfono.
É moi fácil! Sexa cal for o teu móbil explicámosche como facelo paso a paso nos seguintes pantallazos, pero lembra facer un uso moderado para que non se che acaben os datos.
Para compartir internet dende o teu móbil podes elixir entre facelo por bluetooth, por medio de USB ou por wifi. Nós ímonos centrar nesta última opción.
Compartir datos dende Android
Se o teu dispositivo é Android vai aos axustes do teu teléfono e abre o botón de conexións. Alí atoparás a opción «Zona Wifi portátil» ou directamente o botón «Tethering», dependendo do modelo.
Unha vez activado, atoparás debaixo o nome da túa rede, que che permitirá identificala para introducir o contrasinal.
Compartir datos dende iOS
Se dispós dun iPhone, terás que pulsar a icona de «Punto de acceso persoal» e activar a opción «Permitir a outros conectarse».
Xusto debaixo verás os datos xerais do teu dispositivo, un nome asignado ao teu móbil e xusto debaixo un contrasinal.
Estes son os dous datos que necesitas para conectarte á rede wifi do teu móbil dende outro dispositivo: selecciona o nome asignado á rede do teu móbil e introduce o teu contrasinal. Automaticamente estarás conectado a internet.
Con todo, e aínda que esta sexa unha solución que che pode sacar dun apuro, sempre vén ben ter presente que a práctica do «Tethering» fai que tanto a batería do teu teléfono móbil como os datos do teu plan se consuman moito máis rapidamente.