Dende a túa área de cliente de R tes acceso nun clic a toda a información sobre os teus servizos contratados. Tamén ao detalle de chamadas realizadas, que é algo polo que nos preguntades bastante. Así que imos aclarar todas as dúbidas que che poidan xurdir sobre como ver ese detalle de chamadas realizadas dende o teu teléfono móbil e fixo. Tanto as do mes en curso, dende a túa área de cliente de R, como as de meses anteriores.
Que é o detalle de chamadas realizadas
Fíxate que falamos de chamadas realizadas e non de chamadas recibidas. Porque para acceder á lista de chamadas que recibiches na túa liña de teléfono necesítase unha autorización xudicial.
Así que neste minititorial imos referirnos sempre ás chamadas realizadas.
E que información inclúe ese detalle de chamadas realizadas? Todas as chamadas saíntes de móbil e fixo, exceptuando as chamadas gratuítas e as numeracións especiais, que están excluídas por lei. Deste xeito, nunca aparecerán no detalle de chamadas realizadas números que empecen por 118xx, outros números curtos (1717, 1718...) ou números especiais.
O mesmo pasa coas chamadas metropolitanas ou locais que fas desde a túa liña de fixo. Non se detallan na factura. A razón é que no artigo 22 do Real Decreto 899/2009, do 22 de maio, polo que se aproba a carta de dereitos do usuario dos servizos de comunicacións electrónicas, se establece que este tipo de chamadas están excluídas de ir no detalle da factura.
Dito isto, onde podes ver esa listaxe de chamadas realizadas?
Como ver o detalle de chamadas realizadas
En R dámosche varias opcións para consultar o detalle de chamadas realizadas:
- Resumo mensual na factura de R: ao final da factura que recibes cada mes, en formato papel ou electrónico, verás o detalle de consumos realizados dende o teu teléfono fixo e móbil.
- Consumos do mes en curso na área de cliente de R: podes ver o detalle de chamadas que realizaches no mes en curso dende a túa área de cliente, entrando na web clientes.mundo-r.com/ ou a través da app de cliente R para dispositivos Android ou iOS.
- Detalle de chamadas realizadas nas facturas futuras: se queres que incluamos en todas as túas próximas facturas de R a listaxe de chamadas que realizas dende o teu teléfono, podes contratar un servizo adicional que ten un custo mensual. Se estás interesado, só tes que chamarnos.
- Detalle de chamadas realizadas nunha factura concreta: no caso de que necesites acceder á listaxe de chamadas que realizaches nun ciclo de facturación en concreto, R ofréceche un servizo cun custo puntual que podes solicitar por correo electrónico. Contámosche máis abaixo, como facelo.
Como acceder ao detalle de chamadas na área de cliente R
Como che diciamos, dende a túa área de cliente de R podes ver o detalle de chamadas realizadas dende a última factura; é dicir, as do mes en curso.
Para iso, só tes que entrar na túa área de cliente dende a web ou app para Android ou iOS. Se nunca accediches, neste titorial contámosche como rexistrarte na área de cliente.
Pasos para ver o detalle de chamadas realizadas dende o teléfono fixo:- Entra na sección “Teléfono”.
- Pulsa a opción “Consumo teléfono fixo dende a última factura”.
- Selecciona a liña de teléfono.
- Consulta a lista de chamadas realizadas desde esa liña de teléfono fixo.
- Entra na sección “móbilR”.
- Pulsa o botón “Consumo móbil dende a última factura”.
- Elixe a liña de teléfono que queres ver.
- Verás o resumo dos consumos de datos e de chamadas realizadas.
- Dálle ao botón “ver detalle” e accederás á listaxe completa de chamadas realizadas. Tamén podes descargar esta lista nun arquivo .cvs e Excel.
Como acceder á listaxe de chamadas realizadas en meses anteriores
Se queres consultar o detalle das chamadas realizadas en meses anteriores, debes solicitalo a través dun correo electrónico a fala-con-R@mundo-r.net.
Este servizo ten un custo por cada ciclo de facturación ou factura de 6€ (IVE incl.).
Nesa solicitude que nos envíes por correo electrónico, terás que achegar un formulario cuberto e asinado onde indiques a liña de teléfono e os ciclos de facturación que necesites. Se o prefires, podes escribir esta solicitude a man. Tamén deberás achegar a fotocopia do DNI do titular.
Mandarémosche ese detalle de chamadas realizadas que nos solicitaches ao teu correo electrónico nun arquivo comprimido para garantir a máxima seguridade.
Ver sempre na miña factura o detalle con todas as chamadas
Como che indicabamos arriba, tes outra opción, que é solicitar un servizo específico para ter todas as chamadas que realizases. Trátase do servizo “Detalle de chamadas en factura”.
De novo, lembrámosche que na túa factura xa contas coas chamadas que fas, por exemplo, a móbiles e aos fixos da provincia. Pero se queres ver a que números locais telefonaches, tamén se pode pedir.
O custo mensual deste servizo é de 3,27€ (con IVE) ao mes. O servizo non ten permanencia, co que o podes dar de baixa se nalgún momento che deixa de interesar.
Esperamos que esta guía che resultase de axuda 😊.
E se che quedan dúbidas, ponte en contacto connosco e estaremos encantados de botarche unha man.