Carlos Casares (Ourense 1941 - Vigo 2002) naceu na cidade das Burgas pero pasou a súa infancia en Xinzo de Limia onde o seu pai, Francisco Casares, era profesor. Sempre acordou con agarimo as vivencias na comarca da Limia , que se viron reflectidas en moitas das súas obras literarias.

A edición deste ano das Letras Galegas homenaxea o escritor ourensán e, dende R, aproveitamos esta ocasión tan especial para renderlle a nosa particular homenaxe.

Seguramente recordes ter lido algunhas das súas obras na escola como A galiña azul ou Lolo anda en bicicleta, e se non as liches nunca é tarde para facelo e para promover a súa lectura entre os cativos.

Vida

Aos dez anos Carlos ingresa no Seminario Ourense, orientado pola relixiosidade da súa nai, Manolita Mouriño. Durante esta estancia aproveita para ler os clásicos da literatura universal e comeza a desenvolver a súa faceta escritora. Ademais, nesa época preséntase a un concurso provincial de relatos breves e resulta gañador.

No ano 1961 trasládase a Santiago de Compostela para estudar Filosofía e Letras. Alí comeza a relacionarse con outros estudantes galeguistas e intelectuais como Ramón Piñeiro. Uns anos máis tarde coñece a súa muller, Kristina Berg, que lle mostra o seu país de orixe, Suecia, do que Carlos se volve un namorado.

Lei de Normalización Lingüística

Nos anos oitenta comeza a desenvolver a súa faceta política. En 1982 sae elixido no Parlamento de Galicia como deputado independente do PSdeG – PSOE. Durante esa época aprobouse a Lei de Normalización Lingüística de Galicia e Casares participou na súa redacción e promoción.

A galiña azul

A súa bibliografía  é moi extensa e nela predomina o xénero narrativo e xornalístico, pero Casares tamén lle dedicou tempo aos ensaios e á crítica literaria. A literatura infantil é un dos fitos máis destacados da súa obra. O seu primeiro conto, A galiña azul, foi unha das primeiras obras en galego dirixida aos máis pequenos. Con el gañou a primeira edición do Concurso de Contos Infantís da Asociación “O Facho” da Coruña. Trátase dunha obra destacada da literatura galega e, na súa homenaxe, algunhas escolas infantís de Galicia, foron denominadas con este título.

A obra que presentou ao escritor ourensán no ámbito literario galego foi Vento ferido, publicada en 1967. Este libro recolle unha serie de relatos curtos nos que trata temas como a violencia e a desesperanza.

Traducións, columnas e novelas

Casares traduciu numerosas obras narrativas ao galego, nas que tamén se engloban as de literatura infantil. Foi o encargado de realizar a primeira tradución do Le petit prince de A. de Saint Exupéry como O Principiño coa editorial Galaxia, lectura obrigada para nenos e maiores.

A partir do ano 1994 comezou a escribir diariamente a columna xornalística en galegoÁ marxe no xornal La Voz de Galicia, onde comentaba a actualidade co seu toque persoal.

Por outra banda, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro e Martín Sarmiento foron algún dos protagonistas das biografías que Carlos Casares escribiu.

Ao final da súa carreira escribiu dúas novelas que remataron de confirmar o seu peso na literatura galega: Deus sentado nun sillón azul e o Sol do verán.

Premios

Ao longo da súa carreira recibiu varios premios, o Fernández Latorre e Julio Camba de xornalismo , entre outros; e foi finalista do Premio Nacional de Narrativa no ano 1998.

A súa obra non deixou indiferente a ninguén e, ademais de converterse nun escritor galego coñecido, foi moi querido por toda a sociedade pola súa proximidade co pobo galego. É moi merecida a homenaxe que as Letras Galegas lle rende este ano: estea onde estea Casares, seguramente está sorrindo.

Grande Casares!

Imaxe e vídeo cedidos pola Fundación Carlos Casares.