Ola. Hoxe temos unha noticia moi interesante que contarche, porque dende o 15/05 chamar aos países do Espazo Económico Europeo vai ser moito máis barato.

Esta mellora, fixada dende a Comisión Europea, aplica tanto ás chamadas que se fagan dende o teléfono fixo como ás que realices dende o móbil.

Internacional, non roaming

O primeiro de todo é aclarar que é unha chamada internacional. Moitos clientes confunden as chamadas en roaming coas internacionais, e non son o mesmo.

  • chamada internacional: a que fas dende España a calquera outro país do mundo.
  • chamada en roaming: a que realizas conectado á antena móbil doutro operador, fóra de España.

É dicir, chamar dende España a Portugal é unha chamada internacional.  Pero facelo dende Portugal a España é roaming.

Novos prezos

Se tes un familiar ou un amigo ou ben se tes que viaxar a outro país da Unión Europea e necesitas facer algún trámite previo, estes son os novos prezos das chamadas:

  • dende o fixo: antes tiñas un custo de establecemento de 30 céntimos, que agora desaparece. E por minutos pagarás só 23 céntimos/minuto.
  • dende o móbil: o custo do establecemento de 54,45 céntimos tamén se elimina. Pola súa banda, fronte aos 59 céntimos/minuto de antes, agora o custo será de 23 céntimos/minuto.
  • SMS: tamén baixan o seu custo, de 36,3 a 7 céntimos.

Lembra que o cambio se aplica de forma automática dende o día 15 de maio.

Países

Esta mellora non aplica a todos os países de Europa, senón aos que son membros do Espazo Económico Europeo. É dicir, que chamar a Suíza ou a Andorra custa como sempre, non baixa. Indicámosche os países aos que podes chamar máis barato:

Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia, Xibraltar, Grecia, Guadalupe (Caribe Francés), Güiana Francesa (Caribe Francés), Hungría, Irlanda, Islandia, Illas Feroe, Italia, Reunión, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Malta, Martinica, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía, Suecia e Vaticano.

Con calquera dúbida, coma sempre, estamos por aquí á túa disposición.

Un saúdo!