O saber non ocupa lugar e menos se o tes no móbil . Descarga e consulta estas apps para aprender galego en calquera momento, de forma amena e divertida. Dicionarios, tradutores, formación, recursos audiovisuais e o Xabarín que non falte. Imos aló?

Dicionario RAG

Aplicación desenvolvida pola Fundación Barrié e a Real Academia Galega para resolver todas as túas dúbidas sobre léxico. Podes realizar procuras con texto preditivo, escoitar como se pronuncian as palabras, gardar palabras favoritas, acceder ao teu histórico, coñecer definicións, sinónimos e antónimos, saber como se conxuga un verbo ou compartir termos en redes sociais. Ademais, se sacodes o móbil, proponche unha palabra. Tes dispoñible unha chea de xogos e a palabra do día. E o mellores que funciona sen necesidade de estar conectado a internet. Como ves, unha ferramenta moi útil e completa.

Dispoñible para Android e iOS.

Apps para aprender gallego Diccionario RAG

ConxuGalego

Xa sabemos que os verbos espertan bastantes dores de cabeza en todo os idiomas. Para saber conxugar perfectamente un verbo en galego podes confiar nesta app feita en Galicia. Ademais de mostrarche a conxugación completa, podes buscar o significado e traducir a palabra.

Dispoñible para Android e iOS.

Apps para aprender gallego Conxugalego

Beginner Galician

Esta app está centrada no vocabulario. Baséase na aprendizaxe construtiva con máis de 12 palabras diarias que poderás repetir para memorizar as veces que queiras. Así, cun pequeno esforzo diario, poderás aprender máis de 4.000 palabras en menos dun ano.

Dispoñible para Android.

Apps para aprender gallego Beginner Galician

Tradutor Gaio

Non só se estás a aprender idiomas, consultar un tradutor en calquera momento resulta tremendamente útil para non darlle patadas ao dicionario . Gaio permíteche traducir automaticamente textos entre galego, castelán, portugués, inglés e catalán. E se non atopas a palabra que necesitas, podes suxerir que a inclúan. Na sección preguntas frecuentes atoparás unha explicación ás dúbidas máis frecuentes.

Dispoñible para Android e iOS.

Apps para aprender gallego Tradutor Gaio

Google Traductor

O tradutor de Google tamén che pode botar unha man, aínda que as expresións galegas non as leva moi ben :

Dispoñible para Android e iOS.

Apps para aprender gallego Google Traductor

Isto é galego!

Aplicación de Cuac FM en formato audio para que poidas aprender galego a base de escoitalo. Con este curso de galego aprenderás de forma divertida: pon a proba o que sabes de vocabulario xogando a atopar a palabra escondida, aprende modismos co tradutor hiperenxebre "Galegotrón", identifica falsos amigos, coñece a historia de Galicia e a súa literatura. Rirás un intre con Isto é galego! :).

Dispoñible para Android e iOS.

Apps para aprender gallego Isto é galego

CRTVG Informativos e Directos

Con esta aplicación podes ver contidos en galego en directo e á carta dos canles Televisión de Galicia (Galicia TVEuropa e Galicia TVAmérica) e ás tres emisións da Radio Galega (Radio Galega, Radio Galega Música e Son Galicia Radio). É outra maneira entretida de adestrar o oído.

Dispoñible para Android e iOS.

Non podes perder especialmente o programa #DígochoEu con Esther Estévez.

Apps para aprender gallego CRTVG

Pasouoquepasou

Máis recursos audiovisuais da CRTVG neste arquivo en liña, unha selección do mellor fondo informativo. Sabías que nevou na Coruña no 1987?

Dispoñible para iOS.

Apps para aprender gallego Pasouoquepasou

Xabarín TVG

Debuxos animados 100% en galego en streaming para ver no móbil. A app inclúe control parental e é compatible con Chromecast.

Dispoñible para Android e iOS.

Apps para aprender gallego Xabarín

Lingua.gal

Web da Secretaría Xeral de Política Lingüística onde podes atopar recursos e formación online dos cursos CELGA.

Apps para aprender gallego Lingua.gal

R en galego

Lembra ademais que podes configurar a túa tele de R en galego e escoller as comunicacións que recibes de R no idioma que prefiras.

Xa ves que choveu moito desde aquel programa didáctico de televisión "Imos aló?” a finais dos 80:

Ata pronto!