No mundo existen na actualidade case 9 millóns de especies de animais, segundo as estatísticas. Así que gañaron a posibilidade de ter un día propio, o Día dos Animais, o 4 de outubro. E, doutra banda, a tecnoloxía propúxose axudarnos a identificalos e a coñecelos un pouquiño mellor grazas a diferentes apps que podes descargar e usar facilmente no teu teléfono móbil.

Parácheste a pensar con cantos animais diferentes te cruzan nun día normal? Algúns recoñeceralos, ou case, pero seguramente a moitos deles non.

Para saciar a túa curiosidade e para que saibas máis sobre os moitísimos animais que existen no planeta, existen diferentes aplicacións que che axudarán a identificar facilmente, e simplemente co teu móbil, especies e razas de animais e contaranche unha chea de curiosidades sobre eles.

Aquí tes a nosa pequena selección dalgunhas das máis interesantes.

iNaturalist

iNaturalist é unha das aplicacións de natureza máis populares do mundo. Un proxecto de ciencia e rede social en liña para naturalistas, biólogos, científicos e cidadáns baseándose no mapeo e intercambio de observacións de biodiversidade.

É dicir, cada usuario pode consultar e á vez introducir as súas observacións e datos. Coas achegas individuais e de expertos conséguese finalmente unha enorme base de datos con información sobre infinidade de animais e especies.

Conta con versións locais en diferentes idiomas e está dispoñible para iOS e Android.

Seek

Relacionada con iNaturalist temos Seek, unha app de realidade aumentada coa que se pode sincronizar.

Seek está máis enfocada a familias e afeccionados e o seu funcionamento é tan sinxelo como eficaz: a app recoñece a foto e busca as especies máis afíns á que ti fotografaches. Podes descargala para iOS ou Android.

Picture Animal

Unha interface intuitiva e moi completa é a carta de presentación de Picture Animal, unha das apps preferidas polos amantes dos animais.

Conta cunha ampla base de datos que non só che permite identificar animais, dende mamíferos a anfibios, senón tamén consultar unha chea de datos interesantes sobre cada especie. Conta con versións especializadas para diferentes tipos de animais.

Picture Bird

Gústanche os paxaros? A túa app é Picture Bird, tanto se es usuario de iOS como de Android.

Para que recoñezas facilmente as aves que te rodean facendo unha foto rápida co teu teléfono.

Picture Fish

Sexa de auga salgada ou doce, seguramente o peixe que queres identificar estea na ampla base de datos de Picture Fish. Saberás cal é a súa especie e detalles como o seu tipo de alimentación ou os coidados que necesita.

Tamén para iOS e Android.

Picture Insect

E se queres descifrar tipos de insectos, a túa app específica é Picture Insect, dispoñible para iOS e Android.

Sabías que podes atopar máis de 1.000 especies de insectos? Tan só tes que facer unha foto de calquera insecto e Picture Insect dáche acceso a unha base de datos de insectos que se actualiza cada día coa que consegues resultados de identificación precisos en cuestión de segundos.

Se queres, mesmo podes crear un rexistro propio das especies identificadas na túa colección persoal. O que se di un entomólogo coa mellor tecnoloxía de Intelixencia Artificial no teu peto.

Leva Identificadora

De identificar insectos vai tamén Leva Identificadora, unha aplicación dirixida a un público máis profesional que se nutre dun algoritmo de aprendizaxe automática alimentada por expertos. Está dispoñible para Android.

Dog Scanner

Aínda que o can sexa o noso mellor amigo, non sempre sabemos exactamente a súa raza.

Dog Scanner pode identificar máis de 370 razas de cans, todas as recoñecidas oficialmente pola Fédération Cynologique Internationale (FCI) e mesmo algunha máis, mediante fotografías ou pequenos vídeos. Funciona aínda que se trate de exemplares mestizos, xa que tamén recoñece as razas mixtas.

Como curiosidade, tamén podes enfocar cara un amigo/a ou a ti mesmo/a e Dog Scanner dirache a que raza de can se parece máis. Unha funcionalidade moi divertida e orixinal.

Tes a app dispoñible para iOS e Android.

Animalia

Unha app con carácter didáctico pensada especialmente para os/as máis pequenos/as que permite, por exemplo, identificar animais nun zoolóxico. Ofrece unha chea de detalles curiosos e incorpora concursos e premios.

Descárgaa para iOS ou Android.

iAnimal

É capaz de identificar automaticamente máis de 1.000 especies de animais comúns de todo o mundo. Quen che ía dicir que existirían tantas razas de cabalos, cans ou polos.

Podes tomar unha foto na aplicación ou cargala directamente dende a galería do teu teléfono e dispón de opcións avanzadas como a función de detección automática que localiza varios animais na mesma imaxe, gráficos e galería de imaxes. A súa capacidade de precisión supera o 95%.

Dispoñible só para iOS.

Así que xa sabes, móbil en man lánzate a descubrir de que raza é o can do veciño/a ou a que especie pertence esa bolboreta que che rolda no parque con algunha das apps que serven para a identificación de animais. E non te esquezas de contárnolo.