Por que ser do “team” Papá Noel, se en Galicia temos a O Apalpador. Este personaxe tan entrañable da nosa tradición do Nadal nin bebe Coca-Cola, nin o levan en zorra uns renos 😉, nin conta con campañas de márketing e espazo en películas e anuncios. De xeito que ten moito, moito mérito. Queres saber quen é O Apalpador, onde nace esta historia, onde vive o Papá Noel galego? Segue a ler.

Quen é O Apalpador?

O Apalpador é unha figura lendaria, un señor gordecho e mangallón, algo esfarrapado, de profesión carboeiro e un gran corazón.

Cada Noiteboa e Noitevella baixa das montañas para palpar as barrigas dos nenos e comprobar se comeron ben, déixalles un puñado de castañas e agasallos para desexarlles un ano de prosperidade e comida con estas palabras: “Así, así esteas todo o ano”.

Onde e por que nace O Apalpador?

Do interior rural galego xorde a lenda do Apalpador. Crese que ten a súa orixe nas montañas do Courel e Os Ancares, aldeas de Sarria, Terra de Trives, onde alí chámaselle Pendigueiro.

É dicir, que O Apalpador nace nunha contorna rural onde os nenos, ademais, non tiñan todas as comodidades que poidan ter hoxe en día. En todo caso, el encargábase de levar un pouco de felicidade ás aldeas, co seu aspecto de bonachón, coa súa gran barba e o seu enorme pelo vermello baixo boina, fumando en pipa e camiñando grazas a un pau de carballo.

Dende estas montañas baixaba ás aldeas os días 24 ou 31 de decembro, entraba nos cuartos dos nenos e palpáballes a barriga para ver se comeran o suficiente ese ano e deixáballes unha chea de castañas, desexándolles abundancia e boas colleitas.

O Apalpador, el carbonero que trae la Navidad a Galicia

Imagen de: Turismo de Galicia

Por que O Apalpador deixaba castañas?

Entón as necesidades eran outras. Hoxe non podemos imaxinarnos un Nadal sen caixas e caixas de agasallos. Desexamos que O Apalpador nos deixe un móbil, unha videoconsola ou a nosa colonia favorita, mentres que, no seu día, este personaxe o único que buscaba era tentar cubrir unha necesidade tan básica para os nenos como era a comida. E, como non, desexarlle saúde e un bo ano a toda a familia.

Por que castañas e non outros alimentos? Pois sinxelamente porque a castaña, durante moito tempo, foi o alimento fundamental das familias no rural, ao achegar moitas calorías. Lembremos que a pataca chegou moitos anos despois, porque veu de América, mentres que a castaña a trouxeron os romanos e en Galicia está moi estendida. Só hai que pensar na cantidade de magostos que aínda se celebran agora.

Iso si, á pataca en Galicia aínda hai zonas onde lla chama “castaña” ou “castaña da terra”.

Canción do Apalpador

Para tranquilizar aos nenos ante a chegada do Apalpador, os habitantes da montaña adoitaban cantarlles esta cantiga para que se fosen pronto á cama:

Vaite logo meu neniño,

marcha agora para camiña.

Que vai vir o Apalpador

a palparche a barriguiña.

Xa chegou o día grande,

día do noso Señor.

Xa chegou o día grande,

E virá o Apalpador.

Mañá é día de cachela,

que haberá gran nevarada

e ha vir o Apalpador

cunha mega de castañas.

Por aquela cemba,

xa ven relumbrando

o señor Apalpador

para darvos o aguinaldo.

Recuperación da historia do Apalpador

As lendas tradicionais sobre O Apalpador foron quedando aos poucos no esquecemento. Foi grazas a algúns testemuños escritos que empezou un proceso de recuperación desta figura, hoxe tan querida por peques e maiores en toda Galicia.

Os primeiros textos sobre O Apalpador son de Xesús Taboada Chivite sobre La Navidad gallega y su ritualidad. José André Lôpez Gonçâlez tamén escribiría sobre este personaxe nun estudo publicado en AGAL en 2008, que A Gentalha do Pichel retomou na súa publicación Teoria de Inverno. Os Presentes do Apalpador, iniciando así a recuperación definitiva deste personaxe lendario.

Grazas a ese traballo, hoxe gozamos de novo desta tradición tan nosa. E non hai Nadal sen que O Apalpador coe nas casas dos nenos galegos para deixarlles agasallos.

E, por suposto, veralo en pasacalles, actuacións, desfiles... en cada aldea e cidade de Galicia.

Somos do “team” Apalpador 😊, e ti?

Imaxe: Ilustración de Leandro Lamas.