Somos unha terra ben curiosa, chea de marabillosas extravagancias. Moi de boas costumes e tradicións, moi do noso, verdade? Tamén nos gusta pasalo ben, facer tolerías, e saír un chisquiño da rutina vaites. E así demos en facer celebracións tan diferentes e únicas como a Festa Hortera de Porto do Son, a procesión na que a xente vai dentro de ataúdes en Santa Marta en Ribarteme ou o Luns Borralleiro no entroido de Laza, onde tiran terra con formigas rabiosas á xente.
Curiosa é tamén a tradición que teñen nas Festas de San Antón do Porto de Espasante, no concello de Ortigueira. E non polo mesmo día da festa (o 13 de xuño), que tamén a recomendamos, senón polo que fan antes de chegar a ese momento. O caso é que crían o porco Antón entre todos os veciños, que se sortea o día 6 de xaneiro, coincidindo co Sorteo do Neno.
E aló nos fomos falar coa nosa compañeira Cristina, aproveitando que este ano forma parte da comisión de festas de Espasante. Así xa temos a primicia de cheo, que nunca vén mal, non?
Unha tradición centenaria
Como cada ano, o 13 de xuño noméase a nova comisión para as festas do vindeiro ano. O curioso da estampa deste ano é que todos os membros son persoas novas polo que, como nos conta Cris, dificulta a tarefa de coidar un cochiño. Coméntanos que “ninguén foi da comisión con 25 anos”, polo que temos unha verdadeira pioneira entre mans.
Por outra parte, Cristina fai fincapé en que ningún deles está en Espasante durante a semana. “Eu díxenlle a miña nai, se non me coidas ti o cocho eu non podo ser da comisión e, aínda que seis meses pasan voando, e os veciños contribúen, este tipo de animais requiren moitos coidados”. Deste xeito, a implicación das familias é total.
E Antón de quen vén sendo?
Esta tradición comezou no século XVIII, cando se utilizaba como xeito de financiamento da romaría. Por aquel entón só se vendían rifas e sorteábase o quino. Pero cambiouche moito o conto, “agora explotámolo máis, agora asóciase o cocho a Espasante, como o banco a Loiba”, que é de onde vén precisamente este novo porquiño. Hoxe, Antón é o “neno” da vila do que todos están pendentes.
Tanto que Antón campa ás súas anchas polo lugar, anunciando o seu paso coa campá que leva ao pescozco, acompañando os veciños e facendo trasnadas. É moi habitual volver de bañarte no mar e atoparte ao cochiño rebozándose en area ou descansando na túa toalla!
Pero máis ca neno, di Cristina, “ao final é coma un bebé: tes que mirar de sacalo ás 10 da mañá, volvelo gardar ás 12:30, sácalo ás 9 da noite cando baixa o sol...”.
Vaia se non é traballo, pero os veciños sempre están aí para botar unha man. Se fai calor; bótanlle un cubo de auga fresquiña; se pasa pola súa porta, danlle de comer; se vai de paseo, van con el. “A xente búscanos se ven que está mal, a ti ou á túa familia. Nós coidámolo pero a xente quéreo ben e trátao con moito cariño”.
Un día na vida de Antón
Antón vive nun recinto no centro da vila no que recibe todos os coidados que precisa: ten comida, auga, resgardo do frío ou da calor, e moitos mimos que os veciños lle van facer de cando en vez. Sorprendeunos coñecer que, como é un animal que se cría ao aire libre, precisa que lle boten crema do sol!! E ten unha marca preferida, que non imos revelar ;)
Malia que os primeiros días vive pechadiño no recinto, ata que se adapta ao seu novo fogar e comeza a facer amizade cos seus coidadores, non pasa moito tempo ata que se fai co lugar. E se hai veciños tomando uns viños nunha terraza, aló se senta a facerlles compaña
O futuro do animal favorito de Espasante
Todos o queren ben, pero Antón está en Espasante porque vai a ser rifado o Día do Neno. E a súa fama fai que as festas desta vila sexan un éxito rotundo cada ano. Pero o seu futuro é moi triste, sobre todo para os que o coidan cada día.
Aínda que isto non sempre é así. Aquel que gaña a Antón pode decidir que facer con el, e algunhas veces o noso cocho favorito é indultado. Un dos Antóns de máis sona vive hoxe na granxa escola de Belelle, en Neda. Este Antón é famoso por xerar controversia na vila. Foi un grupo de veraneantes quen o gañou, e doouno á comisión, que non tardou nin medio segundo en decidir que Antón non se comía baixo ningún concepto.
Ata homenaxes
Proba do rápido que se fixo o marrán coa xente é a homenaxe que recibiu o 11 de agosto, cando se cumpría un mes da chegada de Antón ao Porto de Espasante.
Coincidindo coa Canción de Taberna, na que grupos da zona van polos bares interpretando cantos de taberna, celebran o mesniversario da chegada do marrancho. Todos entoarán os cánticos tradicionais vestidos coa camiseta de Antón que con tanto esmero deseñou a comisión.
Así que se despois de ler isto queres pasarte a coñecer a Antón, agárdate coas patiñas abertas nalgunha terraza de Espasante!