Hoxe formalizamos en Vigo, coa Fundación Celta, a colaboración co equipo de fútbol Fundación Celta Integra. Nun acto desenvolvido na sede do club na cidade olívica xunto con LG Electronics, os xogadores e a xogadora do equipo recibiron como agasallo cadanseu terminal LG e o servizo de móbilR, de balde durante un ano.
Aproveitando este fito tan importante para R entrevistamos a Alex Abalde, adestrador do Fundación Celta Integra.
- Vén de rematar a primeira fase desta tempada: como valoras o inicio da Liga?- O corpo técnico composto por Fran Díaz, Juan Diego Fernández, Eric Nieto e máis eu, estamos moi contentos e satisfeitos, non só polo rendemento deportivo -que foi fantástico- senón polo gran comportamento do equipo, polo crecemento persoal e a actitude de cada mozo e moza. Cada fase de LaLiga Genuine Santander supón unha grande experiencia e unha nova aprendizaxe: cambiar hábitos e rutinas, saír dunha contorna e contexto coñecido, descubrir novos lugares e compartir momentos con outras persoas supón unha grande achega ao desenvolvemento persoal de cada xogador e xogadora.
Á súa vez, tres meses despois de conseguir a vitoria na tempada pasada, a expectación e ganas por iniciar unha nova tempada eran enormes, esperabamos ansiosos e moi ilusionados o comezo da competición.
- Vencedores a pasada tempada de LaLiga Genuine tras gañar todos os vosos partidos. Empezastes imparables gañando todos os encontros da primeira fase. Ides a por todas? O obxectivo é revalidar o título?- Xogamos unha competición onde todos os equipos participantes se senten gañadores e onde o máis importante é compartir antes que competir. A tempada pasada quedamos campións de LaLiga Genuine Santander, ten un mérito enorme e estamos moi satisfeitos diso, pero o noso obxectivo non era ese e tampouco o é agora o revalidar o título.
O que queremos é volver vivir ao máximo unha competición única e diferente, queremos aproveitar a convivencia, desfrutar do xogo e tentar facer as cousas cada día un pouco mellor. Como consecuencia diso poderemos estar preto de poder revalidar o conseguido o ano pasado, pero insisto, non é o noso obxectivo principal. Valoramos a competición como unha parte importante do proceso de formación, pero non como o resultado final desa formación.
O noso obxectivo principal e primordial na tempada 2019/2020 é mellorar a posición alcanzada en ano pasado na clasificación de FairPlay.
- Durante esta parada entre fases, como vos preparades para a seguinte quenda de partidos?- Actualmente a Fundación Celta Integra ten un gran volume de traballo; as actividades, tanto relacionadas co balón de fútbol como non, son constantes e diarias.
Adestramos dous días á semana nas instalacións deportivas da Madroa, luns e xoves de 16:00 a 17:30, e tamén xogamos a liga Galega de Fútbol sala organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptada (FGDA). Á súa vez, o número de torneos dirixidos a equipos compostos por xogadores con discapacidade intelectual cada vez é maior, e a nosa participación e colaboración na súa organización é habitual. Outras actividades e formatos propios que nos permiten ter aos xogadores activos e en movemento, son por exemplo os adestramentos compartidos con outros equipos, asociacións e colexios, ou a integración de xogadores da Fundación Celta Integra en adestramentos de equipos das categorías inferiores do RC Celta.
Fomentando a variabilidade e diversidade no proceso de ensino-aprendizaxe, ofrecemos outro tipo de actividades e tarefas co obxectivo de axudar á formación integral e inclusión de todos os xogadores e xogadoras. O descubrimento doutros deportes colectivos e individuais, a participación como voluntarios en actos e eventos organizados pola Fundación Celta (torneos, carreiras, campus de verán, etc.), a asistencia como recollebalóns aos partidos que o filial do RC Celta xoga no estadio de Barreiro, excursións, charlas e talleres de formación, son algunhas das moitas actividades que realizamos cos mozos e mozas.
Á súa vez, co obxectivo de lle dar visibilidade ao colectivo de persoas con discapacidade intelectual e dar a coñecer a experiencia da Fundación Celta Integra, os técnicos impartimos constantemente diferentes charlas en asociacións, colexios e congresos.
- Vides de fichar a primeira moza no equipo. Un paso máis cara á igualdade?- A finais da tempada pasada a familia de Lucía contactou connosco. Tiñan un grande interese en xogar na Fundación Celta Integra. Co obxectivo de lles dar oportunidades a todas as persoas interesadas en xogar no equipo e despois dos primeiros adestramentos non dubidamos e decidimos incorporala ao equipo.
A decisión foi un éxito e os seus primeiros días foron moi satisfactorios. Como a todas as novas incorporacións, o equipo recibiuna cos brazos abertos e en moi pouco tempo é moi querida por todos os seus compañeiros. De forte carácter, alegre e moi divertida, está a demostrar toda a súa valía en cada adestramento, e hai poucos días disputou o seu primeiro torneo oficial.
- Que é o que máis emociona aos xogadores?- A intensidade coa que viven os mozos e mozas o día a día fai que calquera adestramento, partido ou actividade na que participan implique unha gran carga emocional.
Poder cambiar rutinas, saír da súa contorna e contexto habitual, viaxar, descubrir outros lugares, coñecer novos compañeiros e relacionarse con eles, sentirse realizados fóra e dentro do terreo de xogo co fútbol como mellor ferramenta. Viven cada partido coa intensidade dunha final de Champions League e celebran cada gol como aquel que permite gañar un Mundial.
O ser humano é razón e emoción, é cabeza e corazón,... E os nosos xogadores teñen un corazón xigante.
- E ao adestrador? Imaxinamos que debe ser gratificante adestrar esta pequena familia."O ser humano é razón e emoción, é cabeza e corazón,... E os nosos xogadores teñen un corazón xigante"
- Para todo o corpo técnico é moi gratificante formar parte desta gran familia, somos uns privilexiados por ser partícipes e liderar esta bonita aventura onde os protagonistas son os xogadores. Rapaces e rapazas con capacidades diferentes, pero cunha capacidade común, a de emocionar e facer mellores ás persoas que os/as rodean. Cada día con eles é unha montaña rusa de emocións, pasas da risa ao pranto en segundos, a alegría e intensidade coa que viven cada día provoca que os sentimentos e a sensibilidade estean sempre a flor de pel. A súa resposta sempre é maior que o que nós, os técnicos, lles podemos ofrecer.
Á súa vez, despois de cinco tempadas é moi gratificante tamén ver o crecemento de cada xogador, sobre todo a nivel persoal e o que supuxo para as súas vidas ser integrante da Fundación Celta Integra. Dende o 2015 ata hoxe atopamos mozos e mozas máis autónomos e independentes, disciplinados e comprometidos, cunha maior capacidade de atención e concentración, un estilo de vida san e saudable, e cun gran sentimento de pertenza.
- Algunha anécdota?- É difícil quedar só cunha anécdota nestes cinco anos, cada día cos xogadores e xogadoras da Fundación Celta Integra é unha nova aventura.
Son moitos os recordos e momentos inesquecibles: o primeiro adestramento nas instalacións deportivas da Madroa; a estrea do equipo fronte á selección galega da FGDA, a primeira vitoria nun torneo disputado en Baiona ou xogar un partido no estadio de Balaídos; a primeira tempada de LaLiga Genuine Santander, co desprazamento á primeira fase a Vilarreal ou a organización da última fase en Vigo; a viaxe a Madrid para apoiar o primeiro equipo fronte ao Real Madrid no estadio Santiago Bernabéu; a última fase en Valencia onde nos proclamamos campións da segunda tempada de LaLiga Genuine Santander. Pero eu quédome co primeiro día, a emoción e os sentimentos da presentación do equipo Fundación Celta Integra un 17 de setembro do 2015. Ninguén podería imaxinar ese día todo o que conseguimos ata o día de hoxe...
- Na liga Genuine comezaron 18 clubes e agora sodes xa 36. A forza de LaLiga Genuine Santander é imparable? Cres que seguirá a crecer?"Eu quédome co primeiro día, a emoción e os sentimentos da presentación do equipo Fundación Celta Integra. Ninguén podería imaxinar ese día todo o que conseguimos ata o día de hoxe"
- O crecemento de LaLiga Genuine Santander en só dúas tempadas foi moi significativo. Un proxecto que se xestou a través da Fundación de LaLiga e sete clubes pertencentes a LaLiga, un deles nós, co obxectivo de crear unha competición para equipos compostos por xogadores con discapacidade intelectual, atopouse coa aceptación e participación na súa primeira tempada de 18 clubes. O éxito no seu desenvolvemento e resultados provocaron que actualmente na súa terceira tempada contemos cun total de 36 equipos, seis máis que a anterior.
Esta competición única no mundo non ten límites e é moi difícil saber ata onde poderá crecer. O inmediato, seguramente a participación ao completo de todos os equipos que forman parte de LaLiga, entre eles os dous grandes do fútbol español, Real Madrid e FC Barcelona. Nun futuro máis afastado, por que non imaxinarnos viaxando por toda Europa disputando unha competición internacional.
- Nesta competición puntúan non só os goles, senón tamén o comportamento e accións de deportividade e xogo limpo de xogadores, adestradores e afeccións. Como valoras este sistema?- Actualmente LaLiga Genuine Santander conta con dúas clasificacións, unha deportiva e outra de FairPlay, a primeira valora o rendemento deportivo e a segunda valora o xogo limpo dos equipos. En cada partido os equipos parten cun total de 30 puntos de FairPlay, en función do comportamento dos xogadores e corpo técnico (faltas e tarxetas) e unha valoración subxectiva do árbitro, organización e equipo contrario, restan puntos ata o resultado final. O total súmase á clasificación correspondente, a cal nestas dúas tempadas gañou o Athletic de Bilbao.
Clasificación que premia o xogo limpo, o compañeirismo e o traballo en equipo, o respecto e a solidariedade, a disciplina e o esforzo, a amizade e a humildade, o saber desfrutar. Valores inherentes do fútbol e deporte, valores que caracterizan a LaLiga Genuine Santander e que representan a verdadeira esencia da competición.
Para nós, esta si é a verdadeira competición, quedar primeiros nesta clasificación supón ser os grandes gañadores de LaLiga Genuine Santander.
- Cres que estes valores deberían servir como exemplo para o resto de ligas?- A competitividade e o rendemento deportivo non está rifado co xogo limpo e o FairPlay, non todo vale, e LaLiga Genuine Santander é o mellor exemplo diso. Todos os valores que caracterizan esta competición son os valores inherentes do fútbol e deberían de estar presentes en calquera outra competición, pero como facelo?
"A competitividade e o rendemento deportivo non está rifado co xogo limpo e o FairPlay, non todo vale"
Son moitas as federacións de diferentes deportes en España que fomentan o comportamento leal, sincero e respectuoso dos deportistas a través de diferentes iniciativas, pero o problema hai que atallalo dende o inicio. Hai que cultivar para poder recoller, por iso, é en etapas de formación cando debemos incidir e promover o xogo limpo dos mozos deportistas. Aí a importancia dos adestradores e formadores durante este proceso de formación.
- Celta e Dépor tamén se miden na Genuine. Hai a mesma rivalidade que nas categorías superiores?- A rivalidade actualmente entre o R.C. Celta e o R.C. Deportivo da Coruña é moi sa, calquera partido entre equipos de ambos os dous clubes sempre se converte nunha festa do fútbol galego, a relación é moi cordial e existe un gran respecto entre ambos.
"O Noso Derbi" en LaLiga Genuine Santander non queda atrás. Ambos os equipos compartimos moitos momentos e experiencias xuntos, son moitas viaxes e torneos, partidos e actividades, a colaboración entre ambos é moi habitual. Existe unha grande amizade entre xogadores, que se apoian e axudan, e mesmo se animan mutuamente; a relación entre os corpos técnicos é moi fluída e a comunicación, constante.
Galicia está moi ben representada en LaLiga Genuine Santander grazas ao R.C.Deportivo Genuine, C.D. Lugo Genunie e a Fundación Celta Integra.
- Fostes galardoados co Premio Deporte Galego como mellor equipo de deportistas con discapacidade. Non paran de chegarvos os recoñecementos. Dá vertixe?- Sentímosnos moi contentos e honrados e estamos moi agradecidos a todas as entidades que recoñeceron o noso labor durante estes anos. Pero é un recoñecemento a cada un dos xogadores da Fundación Celta Integra polo seu traballo e esforzo, pola súa dedicación e compromiso, pola súa capacidade de sufrimento e superación, pola súa loita diaria por superar límites e barreiras. Para nós cada galardón supón o mellor incentivo posible para seguir crecendo e continuar co noso obxectivo, o de estar cada vez un pouquiño máis preto da plena inclusión.
Sinceramente e a nivel persoal, o mellor premio que nos poden outorgar xa o temos connosco, o de poder formar parte desta gran familia e seguir compartindo todos xuntos tantos momentos e experiencias.
- E para rematar, como ves o apoio de empresas como R a LaLiga Genuine?- O apoio de empresas como R é fundamental para lle dar visibilidade e contribuír á inclusión das persoas con discapacidade intelectual. A súa participación e colaboración en LaLiga Genuine Santander seguro que traerá moitísimos máis éxitos dos que xa obtivemos.
No caso de R, como empresa representativa en Galicia, a súa axuda aos equipos da comunidade galega é esencial e significativa.
Estaremos moi atentos ao que sucede no terreo de xogo! Moita sorte a este equipazo!