Rubén de Sá Malheiro (Santander, 1998) é unha das novas promesas da danza do noso país. No último campionato de España de danza gañou a medalla de ouro e tres bolsas para seguir coa súa formación en Madrid e Italia. Con só 18 anos os seus premios triplican os anos que leva enriba dos escenarios

A familia de Rubén é de Portugal, concretamente da localidade de Vila Nova de Cerveira, aínda que el naceu en Santander. Cando era pequeno mudouse a vivir a Tomiño, moi preto da localidade portuguesa, dende onde acudía diariamente á academia de danza de Vila Nova xa que, como el afirma, “non había outra”.

A súa axenda actualmente está chea de compromisos e traballos, mais Rubén fixo un oco para contarnos algún detalles da súa traxectoria no mundo da danza. Pero antes, que mellor que o coñezas a través dunha das súas actuacións.

-A que anos comezou a túa paixón pola danza e que foi o que te chamou a atención para comezar a practicala?

Empezou aos sete anos, cando vin de Santander (onde nacín). Aquí as miñas primas frecuentaban unha academia de baile, xa dende moi pequeno sentía curiosidade por dito tema, a través delas entrei, e así xurdiu todo.

-Resulta curioso que comezases nunha academia de Vila Nova de Cerveira. Portugal, ao final, forma parte de nós para moitos galegos; non semella que crucemos a fronteira. Pero como xurdiu o tema?

As miñas primas portuguesas dixéronme que probase e aquí sigo, facendo o que me gusta, bailando, he he… Aínda que nunca pensei chegar a onde estou chegando.

-E que tal é o nivel de danza que se imparte en Galicia?

Está moi ben para unha primeira etapa da vida, pero cando acadas un determinado nivel é lei de vida voar para algo mellor. Aínda que a arte en España, na miña opinión, está moi mal vista e nada apoiada, aínda sendo algo bonito.

-Como foi a túa experiencia para combinar a formación académica e artística?

A base está na organización. Eu teño boa memoria e, ao atender en clase, moitas veces era suficiente, así tiña a tarde libre para adestrar e dedicala ao que me gusta realmente, o baile. Aínda que unha boa formación académica tamén é superimportante e unha non quita a outra.

“Unha boa formación académica é superimportante”

-Despois de gañar o campionato de España de danza e conseguir varias bolsas de formación marcharás a Madrid para seguir formándote. Como levas deixar a terra?

Como dicía, é lei de vida voar para algo mellor. Custarame, pero neste mundo soamente os mellores sobreviven e se non aproveitas as oportunidades, outros farano por ti, entón hai que coller o tren e voar.

-Cal é o teu bailarín preferido?

Non teño bailarín preferido. Creo que cada bailarín ten o seu estilo e a súa forma de facer o que lle gusta e por iso cada un é característico á súa forma.

“Neste mundo só os mellores sobreviven. Hai que aproveitar as oportunidades, coller o tren e voar”

-Sempre se fala dos estereotipos sexuais cos homes que se dedican á danza e foi moi sonada a túa actuación sobre ‘La chica danesa’. Cres que a sociedade está a cambiar ou aínda queda moito que pelexar neste sentido?

Eu, de pequeno, paseino moi mal cos estereotipos. Aínda así, non por iso deixei de facer o que a min me gusta, que é bailar. É gracioso que todos os que se riron de min cando eu era pequeno agora ven que triunfo e felicítanme. En relación á actuación, creo que serviu a todos os que me viron para darse de conta de que cada persoa é como é, sexa alta, gorda, delgada, homosexual, transexual, etc. Cambia pouco a pouco, pero aínda queda moito.

“A miña actuación serviu para que moitos se desen de conta de que cada persoa é como é, sexa alta, gorda, delgada, homosexual, transexual, etc…”

-Asusta ser tan novo, ter que adestrar tantas horas e facer tantos sacrificios, ou para ti o importante é superarte e desfrutar de todo o que estás a conseguir?

Se realmente che gusta, non custa. Falo por amor e por vivir o que a ti che gusta, desfrutar.

-Cal sería a túa maior aspiración?

Chegar a bailarín profesional e máis adiante conseguir ensinar ás novas xeracións o bonito que é o mundo da danza.

Agardamos que Rubén siga recollendo éxitos e que triunfe fóra das nosas fronteiras.

Fotografía: Gustavo Rivas