Que facer un sábado pola mañá con nenos/as? En R temos un ‘planazo’ para que te divirtas en familia dende a casa: os talleres infantís PetisGo! Neste evento en liña, os peques poñerán a proba a súa creatividade e imaxinación para inventar unha aventura con personaxes de contos e realizar unha figura con materiais reciclados.

  • Anota no calendario: sábado 19 de febreiro, a partir das 10:30 h en PetisGo!

En que consisten os talleres PetisGo!?

Son retos en vídeo que lanzamos a través da plataforma interactiva PetisGo!, que R desenvolveu con cinfo, Sixtema, Xoia e Ficción Producciones.

Grazas a esta plataforma, rapaces/as e educadores/as poden aprender e compartir coñecementos a través de novas experiencias audiovisuais: ver vídeos en 360º, entrar en escenarios de realidade virtual, xogar á realidade aumentada ou seguir en directo talleres, como os que hoxe che presentamos.

Os talleres realízanse online a través de PetisGo!, que podes seguir en directo dende o ordenador ou dende o móbil e tablet a través da aplicación para Android e iOS.

Os/as nenos/as, coa axuda dos seus pais e/ou das súas nais, deberán crear pílulas de vídeo, o que chamamos 'petiscos', sobre os retos propostos.

Aí van.

Taller de contos PetisGo!

Taller de contos

Cando?: sábado 19 de febreiro, ás 10:30 h en PetisGo!

Para quen?: nenos e nenas a partir de 6, que poderán estar acompañados de pais/nas ou titores/as.

Obxectivo: fomentar a creatividade e a innovación traballando arredor de contos moi coñecidos.

Reto:
  • Elixir un personaxe de conto favorito: Carapuchiña vermella, Os tres cerdiños, O flautista de Hamelin, O Gato con botas, Pinocho, Hansel e Gretel ou Escarlatina, a cociñeira defunta.
  • Inventar unha aventura con ese personaxe, ao que lle deben dar forma: debuxalo en papel, facelo en plastilina ou arxila ou customizar algún boneco.
  • Gravar un vídeo 'petisco' con esa historia e subilo á plataforma PetisGo!

Taller de reciclaxe PetisGo!

Taller de reciclaxe

Cando?: sábado 19 de febreiro, ás 11:30 h en PetisGo!

Para quen?: nenos e nenas a partir de 6, que poderán estar acompañados de pais/nas ou titores/as.

Obxectivo: lembrarlles aos/ás pequenos/as da casa os principios básicos da reciclaxe doméstica.

Reto:
  • Demostrar canto sabes de reciclaxe respondendo as preguntas de Lucía, a monitora do taller.
  • Crear unha figura a partir de materiais de refugallo que teñas na casa.
  • Gravar un vídeo 'petisco' mentres constrúes a túa obra de arte reciclada e subilo á plataforma PetisGo!

Como podes subir a PetisGo! os 'petiscos' creados nos talleres?

É moi sinxelo e explicaranche como facelo ao principio de cada taller. Os vídeos 'petiscos' que subas a PetisGo! estarán dispoñibles para que poidan velos todos os usuarios da plataforma.

Debes ser o máis orixinal posible para conseguir que o teu vídeo sexa o máis votado e converterte no campión dos creadores de 'petiscos'.

Como participar nos talleres?

Para seguir os talleres en directo, só tes que acceder á plataforma PetisGo! dende o ordenador ou a través da app para o móbil e tablet Android ou iOS. Rexístrate como usuario e goza en directo dos retos.

Ademais, non necesitas apuntarte previamente, porque son gratuítos e en liña para quen queira unirse e pasar un bo intre en familia un sábado pola mañá.

Esperamos que os goces moito!