Cando chega o verán, Galicia convértese nun fervedoiro de festas e celebracións de todo tipo: relixiosas, gastronómicas, históricas... Pero hai unha que destaca sobre o resto, polo seu carácter ancestral e popular, é a Rapa das Bestas 2024 de Sabucedo, do 4 ao 8 de xullo. Contámosche o programa, como comprar entradas e a orixe desta ancestral celebración.

Na parroquia de Sabucedo na Estrada, Pontevedra, ten lugar unha das máis impresionantes manifestacións de arraigo e vontade grupal de todas as que conforman a cultura festiva galega. A Rapa das Bestas, que este ano se celebra dende o xoves 4 ao luns 8 de xullo de 2024, pon no mapa mundial todos os anos a este pequeno núcleo rural de apenas seis quilómetros cadrados.

Programa da Rapa das bestas 2024 de Sabucedo

Programa de la Rapa das bestas 2024 de Sabucedo
Imaxe: Asociación Rapa das bestas de Sabucedo

Cada ano só hai tres rapas que se celebran sempre o primeiro sábado, domingo e luns de xullo. Se queres asistir como público ten en conta que hai que mercar entrada.

Para asistir a unha das tres rapas de Sabucedo, a do sábado 6 de xullo ás 19:00 h e a do domingo 7 e luns 8 de xullo ás 12:00 h, non terías máis que sacar a entrada no siguiente enlace: Comprar entradas para a Rapa das bestas 2024 de Sabucedo.

Ten en conta que os menores de 4 anos non pagan entrada (se non ocupan un asento) e que se mercas o boleto non se devolve o diñeiro. O sábado 6 e o domingo 7 de xullo os maiores de 13 anos pagan 15€ por entrada, e as crianzas de 5 a 12 anos só 10€. O luns 8 de xullo os prezos baixan: os menores de 12 anos pagan 5€ e os adultos 10€.

Para que non perdades ningún evento, traémosvos o programa das festas da Rapa das bestas 2024 de Sabucedo, que publica a Asociación Rapa das bestas de Sabucedo. Toma nota.

Xoves, 4 de xullo

  • 21:00 h. Gala en homenaxe aos "aloitadores".

Venres, 5 de xullo

  • 06:30 h. Misa na honra de San Lourenzo, patrón de Sabucedo.
  • 07:00 h. Saída para buscar as "bestas" dende O Celeiro.
  • 20:00 h. Desfile a cargo de Tralla da terra de Montes.
  • 22:30 h. Festival Rapasons: Roi Casal (no Curro), O Sonoro Maxín, A Quinkillada, Adri Cumbia (Dj).

Sábado, 6 de xullo

  • 11:00 h. Recollida das “bestas" no Castelo.
  • 14:00 h. Entrada das "bestas" por Sabudedo.
  • 15:00 h. Concerto de Alvariza.
  • 16:30 h. Concerto de Comando Curuxás.
  • 17:00 h. Pasarrúas de Airiños de Caldelas.
  • 17:30 h. Apertura de portas do Curro.
  • 18:30 h. No Curro: actuación de Tequexetéldere.
  • 19:00 h. Primeiro Curro.
  • 21:00 h. Concerto de Mekanika Rolling Band.
  • 23:00 h. Campo do Medio: verbena coa actuación de Miramar e América S.L.

Domingo, 7 de xullo

  • 11:00 h. Apertura de portas do Curro.
  • 11:30 h. No Curro: concerto de Proxecto Valladares.
  • 12:00 h. Segundo Curro.
  • 14:00 h. Concerto de Festicultores Troupe.
  • 16:00 h. Palco da Fonte: festival de música con Pandereteiras do Val de Quireza (16:00 h.), Peter Punk (17:30 h.) e Lidia India (18:30h.).
  • 23:00 h. Campo do Medio: verbena coa actuación de New York e Los Coleguitas.

Luns, 8 de xullo

  • 11:00 h. Apertura de portas do Curro.
  • 11:30 h. Gaiteiros Airiños de Caldelas, no Curro.
  • 12:00 h. Terceiro Curro.

Conciertos das festas da Rapa das Bestas 2024 en Sabucedo

Conciertos de las fiestas de la Rapa das Bestas 2024 en Sabucedo
Imaxe: Asociación Rapa das bestas de Sabucedo

Xa cho contamos no programa que acabas de ver, pero destacamos tamén o cartel con todos os concertos das festas de Rapa das Bestas 2024 en Sabucedo para que non te perdas nin un. Podes velos todos na imaxe de arriba.

Que é a Rapa das bestas

A Rapa das Bestas é unha festa cultural, social e turística que se celebra en Sabucedo e que consiste en recoller do monte unha vez ao ano todos os cabalos que viven libres e salvaxes para baixalos á vila e axeitalos para que poidan sobrevivir sen problemas. Os traballos de aseo consisten en cortarlles as crinas, quitarlles os parasitos e curar as súas feridas.

Pero a festa comeza moito antes deses traballos de aseo dos cabalos. Como boa festa galega, sempre hai un aspecto relixioso. A Rapa non ía ser menos. O primeiro día celébrase a denominada “misa da alborada”, onde se solicita a protección de san Lourenzo, patrón de Sabucedo, para os animais e, tamén, para as persoas que participan na festa.

Deseguido, súbese á montaña en busca dos cabalos. A veciñanza e os visitantes colaboran en pequenos grupos recollendo os rabaños. Finalmente, o sábado, son conducidos nun gran grupo ata a aldea.

Os “aloitadores” da Rapa das bestas

Qué es a Rapa das bestas
Imaxe: Cultura de Galicia

A parte máis espectacular da festa é a que ten lugar no Curro, (o lugar onde se desparasita os animais), onde os “aloitadores” (veciños e veciñas que doman as “bestas”) pelexan corpo a corpo cos cabalos, literalmente, para inmobilizalos sen facerlles dano e cortarlles as crinas.

En Sabucedo os "aloitadores" non utilizan ningunha ferramenta nin utensilio para reducir o animal, só a forza e a destreza do seu corpo. As técnicas empregadas vanse ensinando de xeración en xeración, xa que hai xente de todas as idades e profesións (os aloitadores só fan este traballo unha vez ao ano, o resto do tempo teñen outros oficios).

A orixe da Rapa das bestas

A Rapa das bestas
Imaxe: Cultura de Galicia

As orixes ancestrais destes traballos de limpeza e desparasitación dos cabalos non están rexistrados. A crenza popular entre a veciñanza de Sabucedo é que a orixe reside no feito dunha gran peste que arrasou a comarca.

En tal situación, dúas irmás da aldea ofrecéronlle a san Lourenzo, patrón da parroquia, dúas eguas (“bestas”) da súa propiedade se as defendía do contaxio. Durante o tempo que durou a ameaza da peste, segundo conta a tradición, as irmás refuxiáronse nunha cabana non moi lonxe da vila, xa que fuxir era, naquela época, a mellor forma de librarse da peste e non morrer.

Pasada a peste, as irmás cumpriron a súa promesa, entregando ao cura as eguas, que foron liberadas polos montes veciños e, co paso do tempo, se multiplicaron nos arredores.

Rexistros sobre o comezo da Rapa das bestas

Sobre esta posible orixe da Rapa das bestas non hai moitos rexistros nos libros eclesiásticos, aínda que hai algúns datos que poderían coincidir co que conta a tradición do lugar onde se refuxiaron as irmás durante a peste. Hai topónimos en Sabucedo que poderían estar relacionados.

Como conta a lenda, as irmás refuxiáronse nunha cabana e “A Cabana” (“O Coto da Cabana”) é unha finca situada nunha carballeira a un quilómetro máis ou menos da aldea onde quedan restos de muros ou paredes dunha antiga casa.

Tamén hai outros topónimos na contorna da “Cabana”, como “Carballeira das Vellas”, “Lebagueiras vellas”, “Fonte das Vellas”, etc. que podería facer referencia ás dúas irmás.

A tradición oral podería basearse tamén nunha das pestes da que hai constancia que se produciu a partir da segunda metade do século XVI. Hai rexistros dunha peste bubónica no ano 1567 en documentos da Catedral de Santiago.

O que non hai é constancia das pestes nos documentos parroquiais, xa que se comezaron a escribir a finais do século XVII (no ano 1682).


Fonte da imaxe de cabeceira: Spain Info