A aula móvil de Cruz Vermella e R xa puxo o GPS para iniciar Enredando tour R, en colaboración coa Consellería de Política Social. Un road trip dun mes de duración que percorrerá 11 localidades galegas para formar persoas maiores a partir de 60 anos interesadas en competencias dixitais.

Imos romper a fenda dixital para que ninguén quede atrás

Menos do 23% das persoas maiores de 75 anos utiliza internet e só o 6,5% ten habelencias dixitais. Con estes datos de Eurostat podes facerte unha idea da barreira que supuxo para eles/as durante a pandemia pedir unha cita médica, acceder ao banco ou comprar online sen saír da casa.

Por iso, Cruz Vermella e R poñemos en marcha este circuíto, para enredar ás persoas maiores no mundo dixital.

Enredando Tour R

Que queremos conseguir?

Para romper esa fenda dixital, é esencial que lle perdan o medo ás novas tecnoloxías. Así poderán desenvolver habelencias básicas que lles permitan despois avanzar e aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo ou enviar unha mensaxe.

E, sobre todo, que non se sintan en soidade e saiban que persoal especializado e persoas voluntarias da Cruz Vermella daranlles o apoio dixital que necesiten a través da páxina enredando.gal.

E como imos facelo?

Pois a través dunha aula móbil con contidos formativos, que percorrerá 11 localidades entre setembro e outubro.

A verdade é que leva de todo, está superequipada: smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes... para que as persoas maiores poidan fedellar con tranquilidade mentres se familiarizan coas tecnoloxías.

Por suposto, ademais de que os talleres se celebrarán no exterior, cumpriranse as medidas anti Covid-19.

Enredando Tour R

Menú formativo del día

Dependendo das necesidades ou intereses de cada un, temos 4 formacións diferentes que se realizarán en quendas duns 45 minutos, dende as 10:00 h.

  • Vivo non mundo analóxico, rapaza: menú básico para comezar a “enredar” en internet.
  • E ti... de quen vés sendo?: para saber que é e como funciona o Whatsapp.
  • Dixitalízate, ho!: para aprender como se pode acceder ao SERGAS, ao banco, facer a compra e, en xeral, como xestionar o máis cotián por internet.
  • Menú R: móbilR: para coñecer a factura electrónica e outras utilidades e aplicacións prácticas en internet.

Dende A Coruña ata A Guarda

A partir de hoxe e ata o 6 de outubro a aula móbil percorrerá 11 localidades das 4 provincias galegas. O periplo comezou esta mañá en pleno centro da Coruña e continúa no resto das localidades previstas segundo este calendario:

  • 13 de setembro: A Coruña
  • 17 de setembro: Cedeira
  • 20 de setembro: Viveiro
  • 21 de setembro: Sarria
  • 22 de setembro: Monforte de Lemos
  • 27 de setembro: O Carballiño
  • 28 de setembro: Verín
  • 29 de setembro: O Barco de Valdeorras
  • 4 de outubro: Lalín
  • 5 de outubro: Ponteareas
  • 6 de outubro: A Guarda

Onde apuntarse?

Para participar nas actividades de “Enredando Tour R” as persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a [email protected].