Buscas unha praia para ir con cans en Galicia? Neste post falámosche da normativa galega sobre o acceso con cans ás nosas praias e enumerámosche areais aos que podes levalo durante todo o ano.
Ir co teu can á praia no verán esixe procurar un areal onde poidas acceder con el e, por suposto, levar toda a súa documentación en regra e coñecer a normativa que aplica en Galicia respecto ao acceso dos animais ás praias.
Normativa cans praias de Galicia
En Galicia, a normativa establece que os cans non poden ir ás praias galegas os meses de verán, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, aínda que si poden camiñar por elas o resto do ano.
Ademais, establece unhas pautas xerais de obrigado cumprimento:
• Leva sempre bolsas para recoller os seus excrementos.
• Non esquezas o correspondente microchip identificativo nin a cartilla de vacinas do can.
• Se o teu can pertence a unha raza potencialmente perigosa, debe levar buceira e ir atado.
De todos os xeitos, correspóndelle a cada concello concretar as súas propias normas e destinar praias para ir con cans en Galicia, mesmo no verán. Algúns habilitan areais enteiros, outros certas zonas ou mesmo determinados horarios. En xeral, nas praias con bandeira azul adoita estar prohibido o acceso de animais.
Así que non sempre resulta fácil atopar unha praia á que poidas ir acompañado do teu can en pleno verán, pero si contamos en Galicia con diferentes areais repartidos pola costa da Coruña, Pontevedra e Lugo nos que o teu can é benvido durante todo o ano e en calquera momento do día. Toma nota.
Praias de Galicia para cans
Praia O Areal e San Antonio (A Pobra do Caramiñal)
No coruñés concello da Pobra do Caramiñal están as praias do Areal e San Antonio.
O Areal é unha praia urbana, situada en pleno centro da localidade, e ampla, con máis dun quilómetro de lonxitude.
Conta con augas tranquilas que convidan ao baño e tamén é unha zona perfecta para gozar de actividades náuticas ou pasear polo paseo marítimo anexo.
O acceso a mascotas está permitido na súa parte sur.
E tamén poden acceder cans todo o ano á veciña praia de San Antonio, no outro lado da desembocadura do río Xundeirama.
O Espiño e O Portiño (O Grove)
O Espiño e O Portiño son dúas praias veciñas e semiurbanas situadas en San Vicente do Mar (O Grove) ás que podes acceder con cans en calquera época do ano.
Situadas preto do club náutico, son facilmente accesibles e contan con pouca ondada e area grosa, o cal as fai perfectas para cans de todos os tamaños, incluso os máis pequenos.
Praia de Cesantes e Chapela (Redondela)
De carácter semiurbano son tamén as praias de Cesantes e Chapela, na localidade pontevedresa de Redondela.
O areal de Cesantes, coñecido tamén como praia da Punta, é amplo, con case dous quilómetros e medio de longo, e conta cunha zona canina. Está situada á beira esquerda da ría de Vigo e xusto enfronte da illa de San Simón.
Chapela é unha pequena cala situada no paseo de Cardona, na zona do porto deportivo.
Praia de Cunchiña (Cangas)
É unha pequena praia de Cangas situada fronte á antiga Conserveira Massó á que tamén podes levar ao teu can durante todo o ano
Salvo se o teu can corresponde a unha raza potencialmente perigosa, podes deixalo solto para que goce do areal e da auga, aínda que sempre téndoo controlado para evitar molestar a outros usuarios.
Praia de Ares
Ares habilitou un tramo da súa praia urbana para que poidas acceder con cans durante todo o ano; iso si, especifican que deben estar atados ou haberá multa para os donos.
É unha praia de area moi fina e augas tranquilas e a zona "petfriendly" é a máis próxima ao porto.
Praia A Magdalena (Cabanas)
Na ría de Ares, en Cabanas, está a praia A Magdalena.
No extremo sur deste areal hai unha zona para cans durante todo o ano. Mide uns 150 metros e a contorna natural que a rodea é un dos seus grandes atractivos. Xusto á beira, hai un piñeiral e pola zona transcorren tamén diferentes roteiros de sendeirismo.
Cala de Bens (A Coruña)
É a primeira praia canina na Coruña á que podes levar o teu can en calquera momento do ano, "sempre baixo o control e a responsabilidade dos seus donos".
É un areal que non dispón de bandeira azul e nada multitudinaria. Malia o seu reducido tamaño, non adoita haber problema para atopar un oco e, ademais, conta con fácil aparcamento e acceso para persoas con discapacidade.
Praia O Castelete (Vilagarcía de Arousa)
Este pequeno areal situado xunto ás naves de Pita, na localidade de Vilagarcía de Arousa, é un dos máis visitados polos usuarios con cans.
Conta cunha fonte-bebedoiro, bancos, papeleiras e valos para evitar que os cans se perdan ou se afasten demasiado, especialmente tendo en conta que a praia está á beira da estrada.
Praias A Foz e A Calzoa (Vigo)
Amurallada está tamén unha das praias caninas habilitadas en Vigo: a praia da Foz, situada á esquerda de Samil, na parroquia de Coruxo.
Á súa dereita, está a praia A Calzoa, coa que comparte acceso.
En ambos os dous casos, é o tramo final do río Lagares quen dá forma a estes areais, xusto antes da súa desembocadura no mar.
Son praias de fácil acceso e con área próxima habilitada para aparcamento, xunto a un miradoiro da ría de Vigo.
A Seca (Poio)
Preto do parque do mesmo nome, está a praia A Seca, un areal de Poio no que os cans poden gozar da praia durante todo o ano, mesmo sen estar atados (se non son potencialmente perigosos).
Ao estar nunha zona céntrica e contar con bos accesos e prazas de aparcamento, é un lugar moi frecuentado por bañistas e paseantes.
Punta Corveira (Barreiros)
Na Mariña de Lugo, hai unha praia que destaca como unha das máis populares entre aqueles que acoden co seu can: Punta Corveira.
Os animais poden acceder sen correa, salvo os de razas potencialmente perigosas.
O areal dispón mesmo de duchas para cans.
Así que, xa sabes, se che apetece un día de praia co teu can, comproba cales admiten mascotas, respecta a normativa e goza das nosas fantásticas praias galegas.
Fonte imaxe cabeceira: Santiago Turismo.