Prepárate para vivir o desafío lendario que sacudirá Galicia. Prepárate para facer historia nun reto que só sucede unha vez na vida. Prepárate para o 'Dragal Challenge'. Seguramente o nome xa che dará unha pista, e precisamente pistas vas ter para longo. Serás ti o elixido que consiga controlar ao último dragón de Galicia?

Mergúllate no universo de Dragal

O mundo imaxinario de Dragal salta das páxinas da escritora Elena Gallego Abad a un xogo interactivo, que te levará a percorrer lugares extraordinarios dunha Galicia máxica.

Unha Galicia onde un día gobernaron os dragóns, ata que foron desaparecendo un a un. Durante séculos, a Orde do Dragal foi a encargada de custodiar o seu legado. Un legado que agora depende de vós, porque só vós poderedes chegar a controlar o último dragón de Galicia.

Como se xoga ao 'Dragal Challenge'?

Prepárate para vivir unha experiencia interactiva como nunca antes viras. O 'Dragal Challenge' xógase na nova plataforma PetisGO!, que puxeron en marcha R, cinfo, Sixtema, Xoia e Ficción Producciones, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Os elixidos para este desafío, pero tamén todos/as os/as que queirades seguir o Challenge en directo, debedes descargarvos a aplicación PetisGo! dende o móbil Android e iOS ou a través da versión para pc.

Asegúrate de que o teu smartphone sexa compatible con Realidade Aumentada (AR) para que poidas seguir os retos. O son os iPhone 6S ou superior ou os iPad de 5ª xeración ou superior. No caso de móbiles con Android, comproba aquí a compatibilidade.

E a por todas!!

Os 10 equipos seleccionados para este reto seredes recibidos polos sabios da Orde do Dragal, que vos contarán todos os detalles da misión que vos van encomendar.

Cal é a misión?

Galicia vaise converter nun gran taboleiro de xogo. Os participantes teredes que atopar os ovos de dragón esparexidos por toda a xeografía, a través de pistas que vos leven ata a súa posición. Pero tamén debedes escondelos para poñerlles as cousas difíciles aos vosos rivais.

Os 4 equipos con máis puntuación mediranse nunha final épica que ten como escenario a Alameda de Santiago. É 'O Desafío Final' do 'Dragal Challenge'. Os ovos de dragón estarán escondidos en lugares significativos de Compostela. A rapidez descifrando as pistas será fundamental para atopalos antes que ninguén e convertervos nos gañadores do 'Dragal Challenge'.

Dragal Challenge

Recruta o teu equipo para participar no 'Dragal Challenge'

Enrólate nesta aventura épica que poñerá a proba a túa habilidade e coñecementos. Para participar neste desafío debes crear o teu equipo, formado por 1 adulto -que exercerá o papel de titor escudeiro-, e 4 nenos ou nenas de entre 6 e 16 anos. Únete en familia ou amigos e fai o teu equipazo.

Podedes crear un berro de guerra, disfrazarvos de dragón ou 'facer o parvo' o que queirades para gravar a vosa candidatura nun vídeo de non máis de 3 minutos de duración. Despois, só tedes que envialo antes do 5 de xaneiro á dirección de correo electrónico [email protected].

A Orde do Dragón poñerase en contacto convosco para comunicarvos se sodes os elixidos para participar no 'Dragal Challenge'.

Serás ti?

Moi atentos ao noso blog e ás redes sociais porque seguiremos descifrando enigmas.

+ info