Todos temos redes sociais. Non só unha. Seguro que ti, que nos estás lendo, tes polo menos tres ou catro e que usas a diario, ou case. Facebook, Instagram, Twitter, TikTok,... Chegaron para quedarse e é difícil vivir á súa marxe. Hoxe presentámosche dez influencers de Galicia que teñen éxito nas redes sociais e que fan delas o seu traballo diario.

Todos, nalgún momento, fantasiamos con poder vivir subindo contidos ás redes. E tendemos a pensar que os influencers tardan tanto en crear contido coma nós. Nada máis lonxe da realidade. Conseguir o éxito nas redes sociais é un traballo duro e constante. Se por algo se trunfa (e se pode chegar a vivir diso) é porque se vive por e para as redes. Estes dez influencers que seleccionamos son un exemplo de que en Galicia tamén se pode vivir das redes sociais.

Alexandra Pereira: 2,3 millóns de seguidores en Instagram

Influencers Galicia

Se o seu nome non che soa ao principio, é porque a coñecerás como "Lovely Pepa". Esta viguesa comezou hai máis de 10 anos cun blog e agora é un referente na Rede polos seus contidos relacionados coa moda.

Dende que publicou a primeira entrada no seu blog pasou moito tempo e traballo, pero agora converteuse nunha marca pola que se pelexan empresas como Chanel, Fendi ou Celin e mesmo se subiu á pasarela nun desfile Dolce & Gabbana.

Xurxo Carreño: 2,2 millóns de seguidores en Instagram

Influencers Galicia

Este ourensán era xogador de balonmán e comezou a subir vídeos case por casualidade, ata conseguir un millón de seguidores en Instagram e TikTok grazas ao seu peculiar humor.

Todo comezou no Nadal de 2016, cando os seus pais lle regalaron unha guitarra. Iso non funcionou e comezou a ver que en YouTube había un americano que facía humor dobrando vídeos bromistas e, aínda que non entendía nada, pareceulle gracioso. Así que el decidiu dobrar tamén vídeos, con distintas voces e co seu peculiar humor como bandeira… ata o día de hoxe.

Wismichu: 3,1 millóns de seguidores en Instagram

Influencers Galicia

Ismael Prego Botana, de 29 anos, coruñés, máis coñecido como Wismichu, é un dos youtubers máis famosos de España. A provocación é a arma que máis emprega para conquistar o público. E non lle está indo nada mal, xa que acumula máis de tres millóns de seguidores en Instagram e 9 millóns en YouTube.

El Xokas: 1,7 millóns de seguidores en Youtube

Influencers Galicia

É considerado o streamer máis valorado e máis grande en relación co World of Warcraft. A súa experiencia e dominio neste videoxogo elevouno a ser o gran referente que é hoxe nas redes.

Case un millón de seguidores en Instagram e 3,3 millóns en Twitch. Onde queira que vaia arrasa. Gañou o premio ESLAND no 2021, recibindo o título de "Streamer revelación do ano". Ademais, en xaneiro do 2022, bateu un récord de espectadores ao reunir 1,2 millóns de persoas seguindo o minuto a minuto da súa participación nos "SquidCraft Games".

Gala González: 1,6 millóns de seguidores en Instagram

Influencers Galicia

Comezou a súa carreira na industria téxtil traballando para Adolfo Domínguez. Agora, Gala González é unha das empresarias máis coñecidas do noso país. Cando se uniu a Adolfo Domínguez como deseñadora creativa da súa nova liña, seguramente non pensou que sería unha das grandes influencers da moda galega, pasando do millón de seguidores en Instagram.

Silvia García: 438.000 seguidores en Instagram

Influencers Galicia

Silvia García é actualmente unha das blogueiras de moda máis seguidas de España. O éxito venlle pola creación de contidos para as redes sobre como comprar roupa cun orzamento reducido. Coñecida en Instagram como “Barbatacmode”, Silvia é a creadora de “Bartabac”, un dos 5 blogs de moda máis seguidos de España, con 30.000 visitas diarias.

Ademais, Silvia ten a súa propia marca de roupa e de complementos "A Bicyclette", que xa está presente en 5 países. Tamén desenvolveu a súa faceta de escritora cun libro titulado “Bartabook”, onde fala de propostas para diferentes destinos e estilos, así como de consellos sobre beleza e moda.

Cristina Cerqueiras: 451.000 seguidores en Instagram

Influencers Galicia

Cristina Cerqueiras naceu en Boiro e a fama chegoulle despois de abrir o seu blog en 2013. Traballou como camareira e, tras pasar un tempo no paro, comezou a amosar os seus looks e a colaborar con marcas ata que no 2014 puxo en marcha a súa propia marca. Con "The Desire Shop" Cristina cumpriu o seu soño de vivir da moda, traballando como deseñadora e manequín das súas propias creacións.

Os seus 400.000 seguidores en Instagram, onde comparte as súas campañas con marcas como Clarins ou Gisèle Denis, son unha proba do seu éxito, baseado en confiar no seu propio criterio e ser valente.

Enrique Dans: 263.000 seguidores en Twitter

Influencers Galicia

Este coruñés arrasa en Twitter e leva anos traballando na súa marca persoal en diferentes redes sociais. As súas publicacións e análises sobre os movementos de Facebook, as previsións sobre o futuro de Instagram ou a relevancia que pode ter TikTok no futuro son lidas con atención por millóns de persoas.

Enrique Dans ten un blog moi popular porque é un gran divulgador. No seu blog escribe un post ao día sobre novas tecnoloxías, privacidade, cambio climático, redes sociais...

Paola Freire: 288.000 seguidores en Instagram

Influencers Galicia

Chámase Paola Freire, pero nas redes sociais probablemente a coñezades máis como “Foodtropia”. Esta avogada coruñesa deixou o dereito a un lado para dedicarse á súa paixón: a cociña. Máis de 250.000 persoas seguen cada día todas e cada unha das súas publicacións para tentar imitar cada prato que sube a Instagram.

Se queres comer rico e saudable, non podes perder as receitas e propostas culinarias de "Foodtropia".

Michael Chenlo: 355.000 seguidores en Instagram

Influencers Galicia

Michael Chenlo gañou a súa fama cun perfil peculiar en Instagram. As súas fotografías, cheas de efectos especiais, amosan situacións irreais nas que ás veces participa en primeira persoa. Este interesante influencer combina o seu arriscado contido visual coa súa paixón polos festivais, dos que saca interesantes e particulares estilos para cada evento e compárteos nas súas redes.

Coñecido en Instagram como “Michenlo”, este mozo de Valga adoita estar en multitude de festas, nas que se relaciona con outros personaxes coñecidos das redes sociais.

Estes dez influencers galegos son referentes de éxito, nas súas disciplinas, nas redes sociais. Non todos poden ter éxito nin destacar, xa que non existe unha única clave para o éxito. Se queres seguir o seu camiño, o primeiro paso que tes que facer é seguilos e analizar ben as súas redes. Se a túa ilusión ou soño é ser influencer, tes que comezar a aprender dos mellores.