
Semana Santa Ferrol 2023: procesións, horarios e historia
A Semana Santa de Ferrol é unha das celebracións de carácter relixioso máis recoñecidas dentro e fóra de Galicia. Dende o Domingo de Ramos ao de Resurrección, polas rúas da cidade transitan as procesións e os pasos de cinco confrarías ante a atenta mirada de miles de visitantes. Contámosche máis sobre a historia e a axenda da Semana Santa ferrolá.
A Semana Santa de Ferrol é unha tradición que conta con máis de 400 anos de historia e que no ano 2014 foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional.
Historia da Semana Santa de Ferrol
A primeira referencia oficialmente documentada sobre procesións en Ferrol é de 1616, aínda que se cre que xa se celebraban con anterioridade.
En concreto, tiñan lugar no chamado Ferrol Vello e na antiga igrexa de San Julián, desaparecida en 1762.
Como lugar obrigado no seu traxecto tiñan a porta da casa familiar dos Bermúdez, situada na rúa da Merced, xa que, como liñaxe importante que eran, contaban co que se chamaba “regalía de paso”.
Cos anos, as procesións foron ampliando o seu percorrido e fóronse desprazando a zonas como a das igrexas de San Francisco e San Roque.
Ruta Cofrade e Museo da Semana Santa
No ano 2016, coincidindo coa conmemoración do cuarto centenario, púxose en marcha a Ruta Cofrade por Ferrol, un percorrido por aqueles lugares máis representativos da Semana Santa ferrolá.
E en decembro de 2018 inaugurouse o Museo da Semana Santa de Ferrol, integrado por elementos relixiosos, imaxes e pezas que participan nas procesións cedidos, no seu maior parte, por Irmandades.
Irmandades e confrarías da Semana Santa de Ferrol
A irmandade ferrolá máis antiga é a de “Angustias”, con máis de 250 anos de historia.
Xa en 1992 créase a de “Dolores”, aínda que a súa orixe remóntase a unha congregación de tipo gremial do século XIII. Actualmente é a máis numerosa, con máis de 1.000 membros.
E por iniciativa dun grupo de confrades xorde, en 1950, a “Cofradía del Santo Enterro”.
A “Confradía da Mercede”, pola súa banda, é a herdeira da tradición de honrar á Señora dos Cautivos e conta con moitos nenos/as e mozos/as; mentres que a da “Soledad”, a menos numerosa, recolle o carácter penitencial da orde franciscana de Ferrol.
Esta cinco irmandades e confrarías, cada unha cos seus propios pasos e simbolismos, dan forma cada ano ás procesións da Semana Santa de Ferrol. De feito, en 2023 cúmprense 30 anos da súa alianza para formar conxuntamente a “Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades”.
Cartel da Semana Santa Ferrol 2023
E precisamente esta Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades” de Ferrol é a encargada de elixir cada ano, mediante o concurso “Paixón Confrade”, o cartel da nova edición da Semana Santa.
Este ano, o elixido é obra de Alejandra Varela Tizón, quen describe o arco de campá do trono da Mercede que elixiu para a imaxe como “O toque de campá é a comunicación que se establece entre o mordomo e os portadores e tamén co público”.
Tradición e simbolismo que chaman á participación de veciños e visitantes na ampla axenda de actividades da Semana Santa ferrolá.
Axenda de procesións da Semana Santa de Ferrol
Dende o Domingo de Ramos, que este ano se celebra o día 2 de abril, ata o Domingo de Resurrección, o día 9, as rúas de Ferrol acollen máis de 20 procesións que rememoran a Paixón, Morte e Resurrección de Jesús.
Unha Semana Santa chea de contrastes con procesións moi diferentes.
Hainas máis buliciosas, como as Bendicións dos Ramos; hainas multitudinarias e solemnes, como o “Santo Encontro”; hainas máis dramáticas, como o “Ecce Homo”; e hainas silenciosas e recollidas, como os “Caladiños”.
Procesións do Domingo de Ramos en Ferrol
- 11:30 h: “Xesús Amigo dos Nenos”. Tras a bendición dos ramos na porta do Santuario das Angustias, confrades con palmas e ramos percorren o barrio de Esteiro.
- 12:30 h: “Entrada triunfal de Xesús en Xerusalén”. É unha das procesións máis populares. Comeza coa bendición dos ramos na praza de Amboage e porta os pasos de “San Xoán Evanxelista” e “A Borriquiña”.
- 19:00 h: “Ecce Homo”. O principal acto desta procesión que se realiza dende 1743 consiste en lembrar a tradicional lectura da Paixón de Cristo.
Procesións do Luns Santo de Ferrol
- 21:00 h: “Cristo Rei e a Virxe da Amargura”. Conta coa participación de moitos nenos e nenas do colexio Cristo Rei, organizador desta procesión.
Procesións en Ferrol do Martes Santo
- 21:00 h: “Xesús atado á columna e Santísima Virxe da Esperanza”. Cabe destacar que o trono da Virxe da Esperanza foi o primeiro portado por mulleres.
Procesións do Mércores Santo en Ferrol
- 19:00 h: “A Nosa Señora dos Cativos e do Santísimo Cristo Redentor”. A chamada “Virxe Branca”, nome co que popularmente se coñece á nosa Señora dos Cativos, conta con marcha propia, “Líbrame”.
- 19:30 h: “Cristo dos Navegantes”. Esta procesión sen capuchóns é a única que entra no Arsenal Militar.
- 21:00 h: “Cristo do Perdón e María Santísima dos Desamparados”. Parte do Santuario das Angustias e incorporouse ao procesionario no ano 1986.
- 22:30 h: “Procesión da Penitencia”. Cruces e cadeas son as protagonistas dunha das procesións máis coñecidas, organizada pola “Confraría de Dolores”.
Procesións en Ferrol do Xoves Santo
- 18:30 h: “Cristo da Boa Morte”. Percorre a zona vella de Ferrol, con parada na igrexa do Socorro para facer unha ofrenda floral ao Cristo dos Navegantes.
- 19:30 h: “Procesión da Confraría da Nosa Señora das Angustias”. É a procesión co percorrido máis longo, que inclúe os barrios da Magdalena e Esteiro.
- 23:00 h: “Santísimo Cristo da Misericordia e María Santísima da Piedade”. É a procesión máis multitudinaria, cuns 1.800 confrades, sete pasos e nove bandas de música, e adoita terminar co canto dos militares da Brilat.
Procesións do Venres Santo en Ferrol
- 11:30 h: “Santo Encontro”. Supón o “encontro” dos pasos de Jesús Nazareno, San Xoán Evanxelista, Santa Muller Verónica e Virxe dos Dolores.
- 16:30 h: “Procesión do Crucificado”. O seu símbolo é a cruz e, neste caso, representa a salvación.
- 18:00 h: “Procesión do traslado”. Cos pasos de San Juan e Virxe de Dolores.
- 19:00 h: “Procesión do Santo Enterro”. Procesión cunha longa tradición, dende o ano 1951. Un dos seus momentos máis emotivos é a cerimonia do Desencravo.
- 21:00 h: “Procesión da Soidade”. Das máis antigas, xa existía antes do ano 1868.
- 23:30 h: “Procesión dos Caladiños”. O protagonista é o silencio, roto só polo son dos tambores e as cadeas.
Procesións do Sábado Santo
- 20:00 h: “Procesión da Caridade e do Silencio”. Unha flor por cada esmola entrega a “Confraría das Angustias”. Ao final do día, os confrades, de loito rigoroso e con capuz negro recollen as doazóns dos fieis.
Procesións do Domingo de Resurrección
- 13:00 h: “Procesión da Resurrección”. A última das procesións está organizada conxuntamente polas tres confrarías irmandadas (A Soidade, A Mercede e As Angustias) e culmina cun “Gozoso Encontro” no que os confrades se quiten o capuz e camiñan xa de cara.
Se queres coñecer con máis detalle horarios, participantes e itinerarios, podes consultar a páxina da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol.
A música nas procesións da Semana Santa de Ferrol
A Semana Santa de Ferrol non sería o mesmo sen as súas bandas e agrupacións musicais, esas que tradicionalmente acompañaron aos pasos ao longo dos anos.
Antigamente, a maioría eran bandas militares, pero actualmente deste tipo só queda a do Terzo Norte de Infantería de Mariña.
Aínda que non por iso deixou de soar a música, xa que existen un bo número de agrupacións, moitas delas cunha longa tradición e historia.
Agrupacións musicais da Semana Santa de Ferrol
A banda decana da cidade é a “Nosa Señora do Nordés”, inicialmente integrada unicamente por cornetas e tambores.
A “Banda das Angustias”, fundada en 1984, posúe a honra de ter participado en todas as edicións da Semana Santa ferrolá.
Tamén destaca a Banda de Veteranos da Asociación Cultural Musical ACOTAGA, que conserva o estilo das bandas de outrora e conta con composicións propias, como a citada “Líbrame” ou o “Quejido de Amargura”.
Pola súa banda, a “Agrupación Musical Virxe da Amargura” conta coa súa propia academia de música.
E outras agrupacións musicais máis recentes, como a de “A Nosa Señora do Carme” ou a do “Santísimo Cristo da Boa Sorte”, foron incorporando novos sons e instrumentos de vento e percusión.
Xa ves que a Semana Santa de Ferrol segue en plena forma tras máis de 400 anos de existencia combinando tradición e celebración.
Imaxes: Turismo de Galicia e Junta General de Cofradías y Hermandades.