Un total de 150 novos inmobles dos núcleos de Atín, Casal, Campo de Eiró e Rebullón, no concello pontevedrés de Mos, xa poden dispoñer de accesos a internet de ata 500 megas simétricos e do resto de servizos avanzados de R. O municipio de Mos rematará 2021 con máis de 3.200 inmobles preparados para recibir todos os servizos de nova xeración de R.

O municipio pontevedrés de Mos conta cuns 150 novos fogares e negocios dos núcleos de Atín, Casal, Campo de Eiró e Rebullón conectados ás redes avanzadas de R. Grazas ao operador galego, todos eles poden gozar xa de accesos ultrarrápidos a internet de ata 500 megas simétricos e doutros servizos de telecomunicacións de última xeración.

R vén de rematar arestora un novo treito dos traballos de despregadura de rede neste concello pontevedrés, aproveitando ao máximo as infraestruturas municipais dos lugares. Desta volta, os 150 inmobles dos devanditos núcleos de Mos proseguen co 'suma e segue' do Plan Avanza que situará o municipio nos 2.460 fogares e negocios con conexión á infraestrutura de nova xeración do operador galego a peche de ano.

Así mesmo, á marxe do programa do Ministerio, R incorporou noutras accións á súa infraestrutura arredor de 750 vivendas e empresas no municipio, co que Mos comezará 2022 con máis de 3.200 fogares e negocios preparados para recibir todos os servizos avanzados de telecomunicacións de R (2.460 do Avanza + 750 doutras depregaduras do operador galego).

10 millóns de investimento e fondos europeos

Esta e outras actuacións de extensión de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxesen de alta velocidade ata o momento ('zonas brancas').

No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ están sendo subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, esta última despregadura en Mos, nos núcleos de Atín, Casal, Campo de Eiró e Rebullón, encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos de municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 3M€. Un segundo proxecto fala igualmente da despregadura de banda ancha de nova xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. O terceiro dos proxectos adxudicados desenvólvese en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo). Para estas actuacións, cun investimento total de 2,6M€ destínase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€.

65.000 fogares e negocios conectados a peche de 2021

Arredor de 32.000 novos fogares e negocios de Galicia quedarán conectados ás redes de nova xeración de R cando rematen as actuacións adxudicadas en 2018 ao operador galego polo Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital.

A estes traballos hai que lles unir as tarefas de extensión de redes avanzadas que R desenvolveu dende 2016 en virtude doutro concurso do Plan PEBA do Ministerio para achegarlles tamén a tecnoloxía FTTH a diferentes 'zonas brancas' da xeografía galega; en concreto, para conectar 33.000 fogares e negocios, cuxos servizos están en fase de comercialización, ás redes de nova xeración de R.

Deste xeito, ao remate dos dous plans, preto de 65.000 novas residencias particulares e empresas quedarán preparadas para recibir os servizos avanzados de R.

A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, R ten chegado por vez primeira coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos municipios do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía e Ponte Caldelas.

Todas estas localidades poden desfrutar por vez primeira de accesos ultrarrápidos a internet de 500 megas simétricos con velocidade garantida, do desco Android 4k da televisión dixital de R e de pura alta definición co servizo rebobina para ver a tele como e cando se queira.

Así mesmo, as/os clientas/es de R poden aforrar no seu plan de datos móbiles e conectarse de balde a arredor de 130.000 puntos da rede wificlientes R espallados pola xeografía galega. E todo isto, cunha atención ao/á cliente/a próxima, de calidade e sempre dende Galicia.

R, tamén nos polígonos de Mos

Ademais, dende os primeiros meses deste ano, preto de 130 empresas dos polígonos de Rebullón, Avenida de Peinador e Veigadaña, no concello de Mos, poden beneficiarse da despregadura da tecnoloxía de fibra óptica de R. Este avance permite unha navegación máis rápida, de ata un Xigabit por segundo, á vez que garante unha maior estabilidade, homoxeneidade e seguridade de rede.

Con este cambio, R segue demostrando o seu esforzo incondicional por estar a carón das empresas da comunidade galega para darlles reposta ás súas demandas, sobre todo nun momento tan crucial no que o uso das redes e as esixencias por manterse operativos, en moitas ocasións a distancia -a través do teletraballo-, tense incrementado de xeito significativo.

Imaxe de Fundación Pazo de Mos de Concello de Mos.