Esta vez, case 230 novos inmobles dos núcleos de Gándara, Campo Eiro e Balteiro, en Mos (Pontevedra), quedaron conectados á nova rede de fibra ultrarrápida do operador galego.
Todos eles xa poden gozar dos servizos de telecomunicacións máis innovadores e de posibles accesos de ata 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K grazas á nova rede de fibra de R que o operador galego está a modernizar nas catro provincias de Galicia.
Despregadura de rede
R vén de rematar outro tramo das tarefas de despregadura da súa rede de fibra en Mos, aproveitando ao máximo as infraestruturas dos devanditos núcleos, onde quedaron conectados 78 fogares e negocios en Gándara, 78 en Campo Eiro e 73 en Balteiro respectivamente.
O operador galego xa acometera hai meses en Mos a extensión das súas redes nos núcleos de Atín, Casal, Campo de Eiro e Rebullón, onde daquela se conectaran ás redes avanzadas de R un cento longo de vivendas e empresas deste concello da Ría de Vigo.
Cando terminen os traballos do Plan Avanza, 3.064 fogares e negocios teranse unido xa á súa modernísima rede de fibra no concello de Mos, pois aos inmobles incorporados na contorna do plan do Ministerio haberá que sumarlles os conectados a través doutros traballos de desenvolvemento de rede que R vén realizando na zona dende hai anos.
Máis fibra óptica de R para o sudoeste de Galicia
Ao Sur de Galicia atópase Mos, concello veciño de Vigo, O Porriño e Ponteareas.
Un paseo polas súas rúas móstranos un rico patrimonio artístico composto por petos de ánimas (pequenos santuarios en camiños ou encrucilladas), coidadas igrexas e multitude de cruceiros.
Tamén é indubidable a súa riqueza natural. A Serra do Galleiro é un dos mellores miradoiros naturais de toda a provincia de Pontevedra. Nela nace o Regato de Chenlo, que termina nunha fervenza de case 30 metros de alto, formando a Fervenza de San Xoán de Chenlo.
Por Mos pasa tamén unha antiga calzada romana que unía Bracara Augusta con Tui e Santiago, paso habitual de peregrinos/as que camiñan á tumba do Apóstolo. Aos pés deste vial sitúase o histórico Pazo de Mos, hoxe convertido en Fundación de interese galego.
Agora, Mos suma máis fogares e negocios conectados á rede de fibra óptica de ata 10 xigas simétricos de R.
10 millóns de investimento e fondos europeos
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento do tres plans investirase un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Mos enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos de municipios do sudoeste de Galicia (Pontevedra). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€.
A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, R chegou por primeira vez coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos concellos do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Mos, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía, Valga, Vilaboa e Ponte Caldelas.
A rede máis rápida do mercado para os/as clientes/as de R
Os/as clientes/as de R dos núcleos de Mos conectados xa poden gozar dos servizos máis innovadores que lles ofrece a nova rede de fibra do operador galego, coa posibilidade de accesos de ata 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K sen ningún custo adicional. Estas vantaxes vanse traducir, entre outras cousas, nunha cobertura óptima dos servizos de R nos fogares e nunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos á vez.
A nova rede de R, a máis rápida de España segundo o prestixioso estudo da empresa francesa nPerf, utiliza a tecnoloxía FTTH, que accede directamente aos fogares e permite velocidades simétricas (iguais de suba e de baixada) en toda a súa extensión. É a última tecnoloxía baseada no estándar XGS-PON, preparada para o futuro, idónea para simultanear tarefas de teletraballo, teleformación, videochamadas, streaming, gaming… etc. Un sistema que permite habilitar eses accesos de ata 10 xigas, o que supón 4 veces máis capacidade de descarga que a tecnoloxía actual e ata 8 veces máis capacidade de subida.
Cambio de equipos gratuíto e 5G
A medida que se vai despregando a nova rede, os/as clientes/as de R son avisados/as e informados/as dos pasos que deben seguir para cambiar os seus equipos por outros de nova xeración, máis avanzados, de forma totalmente gratuíta. E as novas altas de R xa están a contratar maioritariamente sobre a nova rede de fibra óptica.
Cando en 2022 se completen os traballos de despregadura da tecnoloxía 5G e da nova rede de fibra FTTH, os novos equipos quedarán instalados en todos os inmobles e Galicia converterase nunha das rexións máis avanzadas de Europa en tecnoloxía, preparada para o uso e desenvolvemento de todos os servizos da chamada quinta xeración. Esta tecnoloxía avanzada 5G apóiase na rede de fibra óptica, supón máis velocidade (10 veces máis que o 4G), maior capacidade e a posibilidade de xestionar unha cantidade inxente de datos, establecendo comunicacións ultrarrápidas sen apenas latencia.
Con esta infraestrutura de última xeración que R desprega dende a pasada primavera, Galicia poderá competir en calquera lugar do mundo ao máximo nivel, ofrecendo a fogares e negocios galegos os servizos de telecomunicacións máis avanzados do territorio.
Imaxe de Concello de Mos: Fundación Pazo de Mos.