O concello de Moraña, na provincia de Pontevedra, xa dispón de accesos ultrarrápidos a internet de ata 500 megas e pode desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R.

500 megas

Dende R vimos de rematar as tarefas de despregamento da rede de fibra óptica neste municipio pontevedrés, que están a aproveitar ao máximo as infraestruturas de Moraña. Así, preto de 320 fogares e negocios morañeses están preparados a día de hoxe para recibir os servizos avanzados de teléfono, internet de ata 500 megas simétricos e televisión dixital multicanle de R. A esta cantidade sumaránselle outros 300 inmobles ao longo do mes de decembro, co que a peche de ano falaremos xa de máis de 620 residencias particulares e empresas conectadas a estas redes avanzadas.

10 millóns de investimento e fondos europeos

Este e outros despregamentos na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que en R resultamos adxudicatarios en 2018 para despregar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata o momento ("zonas brancas").

No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o despregamento de Moraña encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea.

Un segundo proxecto fala igualmente do despregamento de banda ancha de nova xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo. Para estas actuacións, cun investimento total de 2,6M€ destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€. O terceiro dos proxectos adxudicados desenvolverase en 196 núcleos doutros municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). Os despregamentos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 3M€.

65.000 fogares e negocios conectados antes de 2021

Arredor de 32.000 novos fogares e negocios de Galicia quedarán conectados ás redes de nova xeración de R cando rematen as actuacións adxudicadas o ano pasado ao operador galego polo Ministerio de Economía e Empresa. A estes traballos hai que unirlles as tarefas de extensión de redes avanzadas que R desenvolve dende 2016 en virtude doutro concurso do Plan PEBA do Ministerio para igualmente achegarlles a tecnoloxía FTTH a diferentes “zonas brancas” da xeografía galega; en concreto, para conectar ás redes de nova xeración de R a outros 33.000 fogares e negocios, moitos de cuxos servizos están xa en fase de comercialización. E así, ao remate dos dous plans, antes de 2021, preto de 65.000 residencias particulares e empresas quedarán preparadas para recibir os servizos avanzados de R.

De feito, R xa ten levado con este plan as súas redes de nova xeración a núcleos das catro provincias galegas en Cuntis, Muros, Cerceda, Abegondo, Lourenzá, Barreiros, Palas de Rei, Monterroso, Ribadumia, Meaño, Combarro, Pontecaldelas, Tomiño, Petín, Camariñas, Curtis, Ortigueira ou Porto do Son. Proximamente o operador galego proseguerá as súas actuacións en núcleos de Póboa de Trives e Cariño.

Servizos avanzados de R

Todas estas localidades poden desfrutar de accesos ultrarrápidos a internet de 500 megas simétricos con velocidade garantida, do desco 4k da televisión dixital de R e de pura alta definición co servizo rebobina para ver a tele como e cando se queira. Así mesmo, os clientes de R poden aforrar no seu plan de datos móbiles e conectarse de balde a milleiros de puntos da rede wificlientes R espallados pola xeografía galega. E todo isto cunha atención ao cliente próxima, de calidade e sempre dende Galicia.

Imaxe de Luscofusco_Gz