O municipio coruñés de Ames, na bisbarra de Compostela, conta con 62 novos fogares e negocios do núcleo de Lapido conectados ás redes avanzadas de R. Grazas ao operador galego, todos eles poden gozar xa de accesos ultrarrápidos a internet de ata 500 megas simétricos e doutros servizos de telecomunicacións de última xeración.

500 megas

R vén de rematar arestora un novo treito dos traballos de despregadura de rede neste lugar do municipio de Ames, aproveitando ao máximo as infraestruturas locais. Desta volta, os 62 inmobles do devandito núcleo de Lapido proseguen co ‘suma e segue’ do Plan Avanza que situará este concello nos 663 fogares e negocios con conexión á infraestrutura de nova xeración do operador galego a peche de ano tamén nos núcleos de Biduído de Arriba, Coira, A Agrela, Paramuíño, Millalar, Mourigade, O Outeiro, Carballido e As Punxeiras Altas.

Así mesmo, á marxe do programa do Ministerio, R leva dúas décadas incorporando á súa infraestrutura vivendas e empresas en Ames, co que este municipio da área de Santiago comezará 2022 con 15.267 fogares e negocios preparados para recibir todos os servizos avanzados de telecomunicacións de R (663 do Avanza + 14.604 doutras depregaduras do operador galego).

10 millóns de investimento e fondos europeos

Esta e outras actuacións de extensión de rede na provincia da Coruña forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxesen de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).

No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ están sendo subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, esta última despregadura en Ames, no núcleo de Lapido, encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo), cun investimento total de 2,6M€. Un segundo proxecto fala igualmente da despregadura de banda ancha de nova xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo); o investimento total neste caso é de 3,58M€. O terceiro dos proxectos adxudicados desenvólvese en 196 núcleos de municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra), traballos que nestas zonas suporán un investimento de 3,75M€.

65.000 fogares e negocios conectados a peche de 2021

Arredor de 32.000 novos fogares e negocios de Galicia quedarán conectados ás redes de nova xeración de R cando rematen as actuacións adxudicadas en 2018 ao operador galego polo Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital.

A estes traballos hai que lles unir as tarefas de extensión de redes avanzadas que R desenvolveu dende 2016 en virtude doutro concurso do Plan PEBA do Ministerio para achegarlles tamén a tecnoloxía FTTH a diferentes “zonas brancas” da xeografía galega; en concreto, para conectar 33.000 fogares e negocios, cuxos servizos están en fase de comercialización, ás redes de nova xeración de R.

Deste xeito, ao remate dos dous plans, preto de 65.000 novas residencias particulares e empresas quedarán preparadas para recibir os servizos avanzados de R.

A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, R ten chegado por vez primeira coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos municipios do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía e Ponte Caldelas.

Todas estas localidades poden desfrutar de accesos ultrarrápidos a internet de 500 megas simétricos con velocidade garantida, do desco Android 4k da televisión dixital de R e de pura alta definición co servizo rebobina para ver a tele como e cando se queira.

Así mesmo, as/os clientas/es de R poden aforrar no seu plan de datos móbiles e conectarse de balde a arredor de 130.000 puntos da rede wificlientes R espallados pola xeografía galega. E todo isto, cunha atención ao/á cliente/a próxima, de calidade e sempre dende Galicia.

Imaxe de Concello de Ames: Ponte da Maceira, parroquia de Agrón (Ames).