Todos coñecemos a calidade do marisco galego, un dos máis saborosos e recoñecidos do mundo. As ostras son un exemplo de todas as bondades do marisco galego e en Arcade, capital deste molusco, celebran entre o 4 e o 6 de abril a Festa da Ostra de Arcade 2025 para enxalzar a súa importancia na economía local. Contámosche aquí o programa completo que preparan para a súa festa.
Os produtores de ostras de Arcade foron uns dos primeiros en vender e comercializar este codiciado marisco no mercado español e no europeo. Dende 1987 celébrase nesta vila mariñeira da ría de Vigo unha das festas gastronómicas máis famosas de Galicia, promovendo o consumo dun produto imprescindible na súa economía.
Programa da Festa da Ostra de Arcade 2025

A estrela indiscutible da Festa da Ostra de Arcade 2024 só pode ser a ostra. Consúmense todo o ano, cociñadas ou crúas, pero o que ben saben os produtores é que a mellor época para degustalas é o mes de abril, que é cando está no seu mellor momento.
Este ano, entre o 4 e o 6 de abril de 2025, as ostras de Arcade serán o centro de de todas as miradas na súa festa. E de todos os padais, tamén. Sexa cal for o motivo, durante a Feira da Ostra de Arcade repártense máis de 100.000 unidades deste manxar.
Dentro do programa da Festa da Ostra de Arcade 2025 instálase unha carpa no peirao, onde achéganse máis de 30.000 persoas a degustar a ostra local, mentres a organización se esmera en abrila, con moito coidado e habilidade, cun coitelo curto e ancho, no momento de ser servidas para o seu consumo crúas e con limón.
A organización segue apostando outro ano máis polos prezos populares, coa ducia de ostras a 10 euros e cos viños albariños de Soutomaior a 12 euros a botella, mantendo así o acceso a este produto tradicional para todos os visitantes.
O programa da Festa da Ostra de Arcade 2025, que publica o Concello de Soutomaior, é moi variado e para todos os públicos. Aos días oficiais da festa do 4 ao 6 de abril de 2025, este ano engádense actividades extras a fin de semana anterior, para ir abrindo boca:
Venres, 28 de marzo
- 17:00 h. No Obradoiro Luís Seoane de Alxán: Curso de apertura de ostras. As inscricións poderán facerse en liña a través da páxina web municipal entre o 17 e o 24 de marzo.
Sábado, 29 de marzo
- 01:00 h. Multiusos de Arcade: Programa especial de Pensando en ti en directo (Radio Galega) sobre a Festa da Ostra á que está invitada toda a cidadanía.
Domingo, 30 de marzo
- 11:00 h. Peirao de Arcade: Carreira Infantil da Ostra. Poderán participar nenos de entre 5 e 14 anos. As inscricións serán gratuitas e poderán realizarse en liña do 13 ao 23 de marzo a través da páxina web do Concello.
Venres, 4 de abril
- 22:00 h. Peirao de Arcade: Verbena popular coas orquestras América de Vigo e París de Noia.
Sábado, 5 de abril
- 12:00 h.: Pasarrúas a cargo de Brassica Rapa.
- 12:00 h. Peirao de Arcade: Apertura das casetas de degustación.
- 22:00 h. Peirao de Arcade: Verbena popular coas orquestras Olympus e Kubo.
- 00:00 h. Peirao de Arcade: Gran tirada de fogos artificiais.
Domingo, 6 de abril
- 10:00 h.: Dende a rúa Calvario ata o peirao, animación coa Banda Artística de Arcade e a Banda Cultural de Arcade.
- 11:00 h. Peirao de Arcade: Apertura das casetas de degustación.
- 12:00 - 15:00 h. Peirao de Arcade: Música en directo a cargo do Fernando Sánchez Jazz Cuartet.
- 13:00 h. Peirao de Arcade: Lectura do Pregón a cargo de Celso Fernández Sanmartín, “Celsiño”.
- 18:00 h. Peirao de Arcade: Actuación musical a cargo de Festicultores Troupe.
Festa da Ostra de Arcade, un evento con historia

Xa son 37 as edicións da Festa da Ostra de Arcade. No ano 1987 a idea xurdiu dos ostreiros da zona que consideraban que a vila de Arcade era idónea para esta celebración, xa que foron os pioneiros no consumo, comercialización e exportación deste molusco polo mundo.
A intención de celebrar esta festa foi promover o consumo de ostras, xa que teñen un importante papel na economía da vila, e proxectar deste xeito a imaxe de Arcade, referente en Galicia na súa produción e comercialización.
Así, os ostreiros, hostaleiros e comerciantes colaboran co Concello para celebrar a festa, que hoxe está considerada unha das grandes da gastronomía galega.
A tradición da ostra en Arcade

Arcade sempre estivo relacionado coas ostras. Vén xa da época romana. A Vía Romana pasaba por Arcade, no seu camiño entre Pontevedra e Santiago. Daquela, moitos viandantes paraban en Arcade para degustar o seu produto local estrela: as ostras.
Tamén está documentado que hai varios séculos a corte madrileña, rexentada por Borbóns ou Austrias, apreciaban moito a ostra de Arcade e mandábanlla fritida e en escabeche almacenada en pequenas barricas de madeira. Unha forma de cociñar pouco habitual na actualidade, que se come case maioritariamente ao natural ou cun chisco de limón.
Diferentes tipos de ostras de Arcade
A ostra é un manxar moi recoñecible pola súa forma e polo seu sabor, aínda que hai lixeiras variacións segundo a variedade.
A maioría das ostras cultivadas en Galicia corresponden á variedade plana, a máis común en toda Europa, a ostrea edulis. Atópase nas costas atlánticas, dende os fiordos de Noruega ata o sur de Marrocos; e nas costas mediterráneas, desde Xibraltar ata o mar Negro.
Nos últimos anos xeralizouse a produción doutro tipo de molusco, a ostra cóncava, chamada crassostrea, e entre esta especie, a xaponesa, de aspecto engurrado e de maior tamaño.
En menor medida tamén se introduciu a veciña ostra portuguesa, chamada ostión, de cunchas máis grandes e de fisionomía máis alongada e estreita.
Cultivo e consumo da ostra

Co paso dos anos, os produtores de ostra son conscientes de que hai menos leitos naturais de ostra nos fondos das rías galegas. Por iso xurdiu con forza o cultivo en viveiros, aproveitando as bateas das rías galegas.
Nas bateas, as crias de ostras colócanse en cestos redondos, uns encima doutros, e mergúllanse na auga ata a súa recollida, unha operación que require un total de dous ou tres anos de espera ata que a ostra alcance o tamaño permitido para a súa comercialización.
Cando estea lista para o seu consumo, as ostras deben venderse sempre pechadas, xa que isto é un indicio da súa frescura. Cando se adquiran nun mercado, convén colocalas coa parte da cuncha cóncava apoiada sobre a bandexa ou recipiente ata o momento de abrilas para que non perdan auga.
Para conservalas é recomendable rodealas cun pano húmido e mantelas a unha temperatura entre 2 e 8 graos.
Á hora de consumilas, deben abrirse cun coitelo especial curto e ancho. Recoméndase abrilas de lado e aínda que os expertos prefiren comelas crúas para que non perdan sabor, é habitual engadir unhas pingas de limón.
Se xa se che fixo a boca auga imaxinando o sabor das ostras, non tes escusa. Entre o 4 e o 6 de abril de 2025, a Festa da Ostra de Arcade 2025 estará preparada para acollerte e ofrecerche as mellores ostras do mundo, as das rías galegas.
Fonte imaxe de cabeceira: Turismo de Rías Baixas da Deputación de Pontevedra