A última fin de semana de agosto, Ribadavia trasládase ao medievo coa Festa da Istoria. É unha das festas máis populares de Galicia, na que podes ver unha auténtica voda xudía ou degustar unha Comida Medieval, con traxes de época e marabedís. Aquí tes toda a información sobre as actividades e o programa da Festa da Istoria de Ribadavia 2025, do 29 ao 31 de agosto.
Como era o medievo nun barrio xudeu? A Festa da Istoria, unha das festas históricas máis antigas de Galicia, recrea a Ribadavia medieval e pon en valor oficios e saberes tradicionais, á vez que representa culturas, relixións e clases sociais da época.
A Festa da Istoria en Ribadavia foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 1997 e é unha cita multitudinaria na que resulta indispensable a participación cidadá.
Programa Festa da Istoria de Ribadavia 2025

Fonte: Festa da Istoria
A Festa da Istoria de Ribadavia 2025 celébrase os días 29, 30 e 31 de agosto.
O cartel que anuncia a edición 36ª das festas é obra de Javier Roda, de Estella, Navarra. A súa proposta representa “unha reinterpretación contemporánea da figura do bufón medieval, símbolo da teatralidade, dos espectáculos de rúa e do espírito lúdico da época.”.
O seu autor dixo que se “inspirou na linguaxe visual das vidreiras medievais e na iconografía festiva” e o cartel da Festa da Istoria Ribadavia 2025 destaca pola súa cor e dinamismo, evocando a diversidade cultural e histórica de Ribadavia
O programa da Festa da Istoria de Ribadavia 2025 aínda non se fixo público polo Concello, cando estea dispoñible xa volo presentaremos completo aquí.
O que si sabemos é que non faltará, como todos os anos, o Mercado Artesanal que abrirá o primeiro día, o venres 29 de agosto, así como a apertura das portas do castelo.
O sábado 30 de agosto será o momento do pregón e do gran desfile, así como do nomeamento dos Notables e do Baile Medieval de Donas con Cabaleiros.
E como non, todos os días haberá comidas, actividades e moita música que amenizarán a Festa da historia en Ribadavia 2025.
Actividades na Festa da Istoria de Ribadavia
Por todo Ribadavia respírase festa, pero o epicentro da celebración é o barrio xudeu de Ribadavia.
Engalanado para a ocasión, está repleto de xente ataviada con roupaxes antigas, con cabaleiros e saltimbanquis paseando polas rúas e mestres artesáns comercializando os seus produtos no Mercado Medieval.
Un consello: se vas á Festa da Istoria, unha das primeiras cousas que debes facer é achegarte ás caixas de cambio ou ao Banco da Alhóndiga.
Porque a Festa da Istoria usa como moeda o marabedí, a oficial en España en tempos medievais, e só poderás pagar con eles nos diferentes postos e actividades.
Co teu traxe de época (para o que existen múltiples opcións de alugueiro) e os teus marabedís no peto, prepárate para gozar dos momentos imprescindibles da festa.
O pregón da Festa da Historia en Ribadavia

A primeira gran cita é o Pregón Inaugural na Praza Maior, co pregoeiro da edición enxalzando as virtudes do medievo e de Ribadavia e rodeado por un séquito de excepción integrado, entre outros, polo Rei Don Pedro e a Raíña Dona Ana.
No acto tamén se recoñece aos Notables da Istoria, persoas ou entidades que destacaron na difusión da festa.
O Desfile na Festa da Historia de Ribadavia
Tras o pregón, chega o gran Desfile, a actividade máis espectacular e multitudinaria, con reis, raíñas, doncelas e cabaleiros medievais, o Señor de Ribadavia, o bispo de Tui e unha colorida comitiva vestida con traxes de época e composta por unha nutrida representación de todos os protagonistas das actividades da festa.
A todos/as eles/as acompáñaos a música do Grupo de Gaitas da Festa da Istoria interpretando o Himno do Reino de Galicia.
O desfile finaliza no Castelo dos Sarmiento. Alí esperan os tronos oficiais de Don Pedro e Dona Ana, dende onde gozarán de toda unha infinidade de actividades.
Voda Xudía da Festa da Istoria
A Voda Xudía é unha das actividades máis populares da Festa de Istoria de Ribadavia.
A cerimonia, oficiada por un rabino conforme ao rito tradicional, recréase no Centro de Estudos Medievais, convertido nun particular jupá, e a comitiva percorre logo as rúas da localidade, asombrando aos visitantes co seu vestiario e cos seus cánticos sefardís.
A Comida Medieval da Festa da Istoria en Ribadavia
A Comida Medieval converte a igrexa da Madalena nunha multitudinaria celebración gastronómica medieval, na que as bandeiras e motivos heráldicos medievais conviven con manxares máis actuais e que nunca faltan nunha boa festa galega, como a empanada, os chourizos ou as tortas de castañas.
Todo iso regado e acompañado por bos viños, licores e augardentes do Ribeiro.
É o único acto de pago do evento e é obrigatorio acudir vestido/a con traxe de época.
Xadrez Humano, Torneo Medieval e Mercado Medieval

Unha das actividades máis peculiares da Festa da Istoria é o Xadrez Humano.
Sobre un gran taboleiro de 12 x 12 metros, pintado sobre a pedra do escenario do Auditorio do Castelo, xógase unha partida curta entre dous adversarios. Nela, pezas viventes ataviadas con traxes de época loitan con espadas de madeira e as que van morrendo son sacadas do taboleiro.
Por outra banda, na Festa da Istoria tes un Mercado Medieval repleto de postos de artesanía, no que non faltan oleiros, cesteiros, alguacís, tecedoras, zoqueiros, zapateiros, lavandeiras, canteiros, ferreiros ou forxadores.
Ademais, actividades de cetrería, tiro con arco, exhibicións de esgrima histórica, Carreira de Barrís e un competitivo Torneo Medieval no que se dan cita os mellores arqueiros de Galicia.
Para os/as máis pequenos/as, xogos populares e tradicionais, como a chave, a billarda ou a galiña cega, e marionetas ou monicreques con temática medieval.
Música na Festa da Istoria

Non falta a música.
A parte máis tradicional inclúe un Concerto Medieval na Igrexa de Santo Domingos no que participa o "Coro da Istoria", a Coral do Club Artístico de Ribadavia, e un coidado Baile Medieval levado a escena pola asociación "Doñas sin caballeros".
Hai concertos e actuacións de grupos de folk e uns animadores musicais moi especiais, os Tabaleiros da Istoria, un grupo de percusión, considerado o grupo histórico oficial, cuxos potentes sons de tambores ecoan en toda Ribadavia.
Teatro na Festa da Istoria
Tamén hai teatro. Represéntanse dúas obras vinculadas á historia da localidade: "O Malsín" e a "Endiañada".
Na primeira delas, a Inquisición debe intervir tras a denuncia a unha familia por "xudaizante"; na segunda, relátase a historia de como o Señor de Ribadavia foi preso por Pedro Madruga.
As "Bodegas de Disfrute" da Festa da Istoria
Non podían faltar a boa comida e bebida, cuxo mellor expoñente son as coñecidas como "Bodegas de Disfrute".
Trátase de adegas e vellas hortas con viñedos dos que se extraen os afamados caldos da zona e que na Festa da Istoria se engalanan e aparecen como por encantamento por todo o casco antigo da localidade.
Hai premio para as mellor adornadas e é frecuente velas abarrotadas de amigos/as que as alugan para a ocasión.
A idea é atopar o mellor lugar para gozar dunha celebración moi especial e con longa tradición en Ribadavia.
Orixe da Festa da Istoria de Ribadavia
A Festa da Istoria de Ribadavia é unha celebración da que xa se ten constancia en 1963.
Tratábase dunha antiga celebración que antecedía ás festas maiores da Virxe do Portal. Pero deixara de celebrarse ata 1989, cando a rescatou do esquecemento a Escola Obradoiro de Santo André.
Coa axuda duns cincocentos voluntarios, creouse a Coordinadora da Festa da Istoria, actualmente chamada Fundación Festa da Istoria.
Dela depende a organización dunha festa que nos traslada á esplendorosa etapa medieval de Ribadavia.
Ribadavia e o medievo
A localidade ourensá de Ribadavia conta cun impresionante barrio xudeu, con rúas de pedra, os seus balcóns e prazas con soportal e laxas no chan.
No século XV, a presenza de cristiáns e xudeus vendendo e comprando viño do Ribeiro no estranxeiro foi enorme e supuxo unha época dourada para a zona.
Ademais, non hai que esquecer que Ribadavia chegou a ser capital do reino de Galicia entre os anos 1065 e 1071, así que o seu poderío comercial estaba acompañado dunha poderosa nobreza e clero.
Testemuñas desta época son os seus impoñentes castelos e fortalezas, como o Castelo e o Pazo dos Sarmiento ou o Palacio da Inquisición, e un centro histórico que actualmente se converte no epicentro da Festa da Historia.
Aquí queda a nosa recomendación de plan festivo estival. Achégate a Ribadavia e viaxa ao medievo coa Festa da Historia.
Fonte imaxe cabeceira: © Rholden / Festa da Istoria