Oíches falar de ChatGPT? E de Alexa? Pois aí tes un par de aplicacións de uso diario da Intelixencia Artificial. Xa ves que non é ciencia ficción, senón tecnoloxía que podemos usar e aproveitar de múltiples maneiras e mesmo de maneira gratuíta. Contámosche que é iso da IA e recompilamos ferramentas interesantes coas que poderás mellorar as túas fotos, vídeos ou textos, realizar traducións e mesmo crear a túa propia banda sonora musical.

Que é a Intelixencia Artificial?

Dito dunha forma resumida, a Intelixencia Artificial é unha especialidade dentro da informática e da programación que combina algoritmos para que as máquinas "imiten" a intelixencia humana e sexan capaces de realizar certas tarefas tras recompilar datos e máis datos.

Actualmente, a Intelixencia Artificial é un tema de moda, e máis en Galicia, xa que A Coruña é a sede elixida para a AESIA, Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, o primeiro organismo deste estilo que funcionará en Europa.

Pero nin o concepto nin a idea son totalmente novos, pois debémosllos ao informático John McCarthy, alá polo ano 1956.

Aínda que é agora cando a tecnoloxía parece ser capaz de dar resposta ao que se entende por Intelixencia Artificial.

A Intelixencia Artificial na vida cotiá

Porque, aínda que non sempre sexamos conscientes diso, a Intelixencia Artificial (IA) forma parte da nosa realidade cotiá.

Por exemplo, está detrás dos populares asistentes de voz, como Alexa ou Siri, os ChatBots, a domótica e solucións de fogar intelixente, os GPS ou das recomendacións de contidos que che ofrecen as plataformas de streaming de contidos.

Pero hai moitas máis aplicacións e solucións que aproveitan as vantaxes da Intelixencia Artificial para mellorar e complementar as nosas actividades cotiás. Aquí vai unha pequena selección.

Ferramentas de Intelixencia Artificial que son gratis

ChatGPT e Open AI

Seguramente, a máis popular das solucións e a que descubriu a moitos/as a IA.

ChatGPT é un popular sistema de chat creado pola empresa OpenAI baseándose no modelo de linguaxe por Intelixencia Artificial GPT-3.

Como funciona? "Aprende" a partir de preguntas, respostas e correccións e, con toda esa información, é capaz de contestar de maneira coherente, natural e completa a practicamente calquera pregunta que lle fagas.

Bing Image Creator

Unha ferramenta que che permite crear imaxes dende palabras utilizando a IA e a tecnoloxía dunha versión avanzada do modelo DALL-E.

Só tes que escribir a descrición dunha imaxe, proporcionar contexto adicional, como localización ou actividade, e elixir un estilo de arte e terás a túa imaxe.

Intégrase por completo na experiencia de chat de Bing, implementada no modo Creativo. Así que, se queres crear unha imaxe, indica no propio chat "debuxar unha imaxe" ou "crear unha imaxe" e Bing Image Creator ocúpase diso.

Cutout Pro

Cutout Pro é unha plataforma de deseño visual "todo nun" que conta con múltiples ferramentas e opcións para a edición de fotos e vídeos, dende a eliminación de obxectos non desexados ou fondos a recortes especiais, efectos de animación ou coloreadores.

Tamén permite crear imaxes en alta calidade para comercio electrónico ou restaurar fotos antigas.

Ademais, as API de Cutout Pro permiten aos programadores integrar facilmente a IA noutras aplicacións utilizando tan só unhas poucas liñas de código.

Image Enlarger

Image Enlarger, ou como dar á túa imaxe calidade HD mediante un programa de software gratuíto con tecnoloxía de escalado.

Permite agrandar a imaxe sen pixelar, perder detalles nin introducir distorsión e conta cunha versión gratuíta con aloxamento na nube que podes usar tanto en dispositivos Windows como Mac.

Funciona con diferentes tipos de imaxes, como ilustracións ou fotografías, e dá a opción de elixir a versión ampliada preferida dunha listaxe con varios resultados.

Humata

Con Humata podes subir un arquivo e logo facerlle preguntas sobre o seu contido ou mesmo pedirlle un resumo, así que resulta práctico cando tes documentos longos e complexos.

En particular, esta plataforma está especialmente pensada para procurar e analizar información en PDFs e permite traballar con artigos que conteñan un máximo de 60 páxinas.

DeepL

Mediante a Intelixencia Artificial, DeepL consegue tradución automática entre máis de 20 idiomas diferentes.

As redes neuronais de DeepL son capaces de captar matices sutís grazas a cuantiosos modelos de tradución automática.

Para garantir a súa calidade, DeepL leva a cabo regularmente test a cegas, nos que os/as tradutores/as profesionais teñen que escoller a tradución que consideren máis precisa sen saber quen a fixo.

Hypotenuse AI

O seu funcionamento en sinxelo: proporciónaslle varias palabras clave e Hypotenuse AI convérteas nun artigo completo. É capaz de escribir en 25 idiomas diferentes.

Para que te fagas unha idea, Hypotenuse AI utiliza a visión por computador e o Procesamento da Linguaxe Natural (PLN) para xerar automaticamente descricións ou fichas de produtos co tipo de ton, estilo e estrutura que ti elixas.

Synthesia

Synthesia é unha plataforma de creación multimedia con IA que permite crear vídeos profesionais en minutos.

Simplemente debes escribir o teu texto (e podes facelo en máis de 120 idiomas) e terás un vídeo con voz e locucións de alta calidade.

Podes elixir entre máis de 125 avatares de IA predefinidos ou crear o teu propio AI Avatar.

Amper Music

Se o teu é a música, Amper Music é a ferramenta que che permite poñer a proba as túas dotes creativas musicais e crear música cun simple ordenador utilizando a IA.

Podes xerar melodías ou bandas sonoras ao teu gusto, elixindo estilo, duración e mesmo "estado anímico" ou, se xa tocas algún instrumento ou contas con creacións propias, probar novas composicións e mesturas.

AI Dungeon

É un videoxogo de aventura que usa a Intelixencia Artificial para xerar historias ilimitadas e personalizadas.

A partir dunha sinxela descrición en formato texto, déixache escoller tema, personaxe e nome para crear escenas, probas ou todo un xogo diferente que, ademais, podes compartir con outros usuarios.

Froito da Intelixencia Artificial xorden continuamente novas ideas, aplicacións e solucións dispostas a facerche a vida máis fácil. Todo un universo de innovación, gratis, ao teu alcance. Aprovéitao!