As aplicacións de mensaxería instantánea dos nosos móbiles teñen revolucionado a nosa maneira de comunicarnos. Ata tal punto que case xa non chamamos por teléfono. Facémolo todo con mensaxes escritas, mensaxes de voz e os famosos emojis. Hoxe imos ensinarche como facer emojis personalizados para divertirte nas túas conversas polo móbil.
Facer os nosos propios emojis é do máis sinxelo. Así, con eles podemos expresar o que moitas veces non nos sae (ou non queremos dicir) con palabras. Hai moitas formas de personalizar emojis e hoxe ensinámosche un par delas para todo tipo de móbiles.
O xeito máis sinxelo de personalizar emojis
Gboard, o teclado de Google para dispositivos móbiles, permítenos crear emoticonas personalizadas para WhatsApp e para outras aplicacións de mensaxería. Esta app de escritura é a que vén por defecto na gran maioría dos smartphones que contan co sistema operativo Google.
Se non a tes, podes descargala na Play Store e configurala para que funcione. A propia aplicación indica como activala. Lembra en "Axustes" darlle acceso total ao teléfono.
Despois de habilitala, debes activar a función "Suxestións de emojis", dentro da configuración de Gboard. Por defecto xa vén activada.
Crea o teu emoji paso a paso
Unha vez feitos estes dous pasos, podes crear emojis grazas á función integrada de Emoji Kitchen.
Primeiro abre calquera aplicación compatible como WhatsApp, Twitter ou Telegram. Dálle a abrir ao panel de emoticonas do teclado Gboard. Selecciona dous emojis diferentes para mostrar unha fila de suxestións baseadas nas que escolliches. Toca para enviar e xa está: emojis novos e híbridos.
Este teclado é compatible con WhatsApp, Telegram, Twitter, Instagram, Messenger, Signal, TextNow e LinkedIn.
Crea emojis da túa cara en Android
Se o que queres é ir un paso máis aló e que os novos emojis sexan teus propios (coa túa imaxe) tamén hai varias formas de facelos. Para crear emojis das nosas caras (tamén chamados memojis) en Android, o máis sinxelo é usar Facebook e algunhas aplicacións adicionais para perfeccionalos.
Comezamos abrindo Facebook desde a aplicación móbil. Vai ao menú "Máis opcións", que se atopa na parte superior dereita, na icona das tres liñas horizontais.
Desprázate cara a abaixo e seleccione a opción "Avatar". Unha vez aí, todo o que tes que facer é escoller as túas características faciais e físicas para que o teu avatar se pareza o máis posible a ti.
Gardar o memoji para poder usalo
Deseguido, vai ao menú "Configuración" de Facebook, que está situado na parte superior dereita, nas tres liñas horizontais. Selecciona de novo a opción "Avatar" e, ao entrar, atoparás todas as opcións de stickers que se crearon cando deseñaches o teu avatar. Aí seleccionas o que queres usar en WhatsApp.
Unha vez seleccionado o sticker, aparecerá unha ventá emerxente, debes facer clic en "Máis opcións" e escoller "Chats de Messenger".
Despois, compárteo no chat que elixas e garda a imaxe do memoji.
Converte o memoji nun sticker
Entra de novo na Play Store. Necesitaremos descargar a aplicación Wemoji. Unha vez que teñas a aplicación instalada no teu smartphone, pulsa no botón "Crear Sticker" e escolle a foto do memoji que gardaches antes.
Abrirase o editor de imaxes para que lle poidas dar o tamaño que desexas ou, se queres, modificalo no que gustes.
Agora fai clic na opción "Gardar" que se atopa no recuncho superior dereito e, finalmente, presiona en "Si". Crea o teu novo conxunto de stickers ou gárdao no que xa creaches.
Finalmente, se entras no teu WhatsApp, na sección de stickers, poderás atopar o memoji que creaches.
Crea emojis da túa cara en iOS
A partir do sistema operativo iOS 12 e as súas últimas versións (iPhone 8 e posteriores), os/as usuarios/as poden crear un memoji que se axuste coa súa personalidade e estado de ánimo e envialo a través de WhatsApp.
Para crealo, comeza abrindo a aplicación de "Mensaxería" e toca o botón "Redactar" para crear unha mensaxe. Ou toca unha conversa xa existente.
Preme o botón "Memoji", despois pasa o dedo cara á dereita e toca o botón "Novos Memojis".
Personaliza as características do memoji, como o ton de pel, os ollos, a forma da cara ou o peiteado, e fai clic en "Aceptar".
Despois de crear o memoji, vai ao teclado de iOS, fai clic na icona "Emoji", a que está á esquerda da barra espazadora.
Agora só tes que desprazar as iconas de emojis de dereita a esquerda: aparecerán os teus stickers personalizados. Fai clic no sticker que desexes e enviarase como calquera outro adhesivo de WhatsApp.
Agora que che mostramos dúas formas de conseguir emojis novos e personalizados, cal usarás primeiro? Serás dos que bombardeará con emojis da túa cara a todos os teus amigos? Fagas o que fagas, lembra, sempre con moderación. ;)