“Recomendo a calquera persoa que loite polos seus soños e realice calquera tipo de deporte individual ou colectivo”. Non podemos estar máis de acordo con estas palabras de Julio César Andrés Maestu. O xogador do Celta Integra comparte compañeirismo e sorrisos con outras persoas con diferentes discapacidades e moitas capacidades na LaLiga Genuine Santander.
El é un exemplo de integración social e deportividade. Dous valores que en R compartimos coa familia da Fundación Celta Integra un ano máis, tras a renovación deste patrocinio tan especial.
E que hoxe queremos que coñezas un pouco máis da man de Julio César Andrés Maestu. Leva catro tempadas no Celta Integra e o seu adestrador, Alex Abalde, defíneo como comprometido, xeneroso e gran compañeiro.
Aquí deixámosche a entrevista completa con Julio César Andrés Maestu.
Sempre che gustou o fútbol?Si, sempre me gustou o fútbol, dende que era pequeno con 11 anos cando empecei a xogar no Casa Paco de Redondela, equipo federado da liga de Vigo.
Por que decidiches xogar ao fútbol no Celta Integra?Porque me axudaría a integrarme socialmente, daríame a oportunidade de pertencer a un grupo de persoas con diferentes discapacidades e moitas capacidades coas que me sinto moi identificado. Ademais, temos hobbies, afeccións e outros deportes en común.
Que é o que máis che gusta do traballo diario?A evolución e integración cos meus compañeiros de equipo, con tod@s os integrantes da Fundación Celta Integra e con todas as persoas que compoñen o RC Celta de Vigo.
Que ambiente hai no equipo? e que é o que máis che gusta?Hai un clima e ambiente moi bo e cariñoso, aínda que tamén hai momentos máis fríos; somos moitos e as relacións persoais son distintas. Pero como grupo e equipo estamos moi unidos e temos grande interese en conseguir os obxectivos marcados para a presente tempada.
O bo e o mellor é poder gozar e estar nas mesmas instalacións e campos de xogo e adestramento do primeiro e segundo equipo do RC Celta de Vigo.
Que é o que máis che aporta da experiencia de xogar nunha liga profesional como a Genuine?LaLiga Genuine Santander dáche a posibilidade de coñecer outras persoas con diferentes capacidades e discapacidades, competir e compartir momentos enriquecedores, por exemplo os sorrisos e gran compañeirismo que se respira dentro e fóra do terreo de xogo.
Como vos vedes este ano na competición?Como grupo vémonos moi unidos e cun ánimo xenial.
Cal é o equipo que máis respecto che dá?O que máis respecto me dá é o Athletic de Bilbao e o RCD Espanyol.
O verán pasado peregrinaches a Santiago cos teus compañeiros e os xogadores do Dépor Genuine, gustouche a experiencia?Si, foron uns momentos de compartir pensamentos e puntos de vista ao redor do fútbol como base, un moi bo rollo entre nós e @s compañeiro@s do DeporGenuine.
Recomendarías seguir o teu camiño a calquera persoa?Non, se non ten ningún tipo de discapacidade ou enfermidade parecida ás nosas. Aínda que si que recomendo a calquera persoa que loite polos seus soños e realice calquera tipo de deporte individual ou colectivo.
Que lle pides a este ano 2022 no persoal e o deportivo?Ao 2022 pídolle no persoal e deportivo estabilidade, continuidade no traballo, ademais de ter parella e aforrar. Atoparme ben e con boa saúde para poder participar e colaborar no maior número de actividades da Fundación Celta Integra.
Moitas grazas, Julio César Andrés, por esta charla tan enriquecedora.
E moita sorte esta tempada.
Es un crack!!