A historia que levou a Elena Ferro ata onde está ten a súa orixe hai máis de 100 anos, cando o seu avó comezou a facer zocos artesanais. Por entón, era o calzado por excelencia en Galicia, tan estendido como infravalorado polos seus propios usuarios que o identificaban coa pobreza. Elena di que ela nunca tivo que decidir ser zoqueira. Simplemente é o que aprendeu dende nena. Devolverlle a dignidade aos zocos galegos é a tarefa que ocupou máis tempo na súa vida e agora, por fin, a recompensa faise patente no éxito de Eferro, a súa marca de zocos que segue a elaborar artesanalmente desde Vila de Cruces. Ela mesma contou a súa historia nos Parladoiros do Mercado da Colleita.