Acaba de celebrarse na Cidade da Cultura de Compostela o "Demo Day" como peche á primeira edición do programa da aceleradora de contidos dixitais de R. Nesta xornada presentáronse os avances dos catro proxectos desenvolvidos na fase de aceleración do programa startups R DiCo Challenge.
A idea, demostrar en vivo a utilidade do produto ou servizo proposto e convidar a coñecer as súas vantaxes e viabilidade a clientes potenciais contando, ademais, coa participación e apoio ‘in situ’ do mentor de cada proposta.
Os condutores do evento foron voceiros de R e máis da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), colaboradora directa do programa. E, no miolo do acto, os mentores que guiaron o traballo dos proxectos elixidos e os voceiros de cada unha das catro propostas que chegaron á fase de aceleración.
Mentores e autores das catro ideas “aceleradas”
Así, durante algo máis dun hora, o auditorio coñeceu o detalle das ideas desenvolvidos no programa startupsR DiCo Challenge: xogos para a mente, teatro en realidade virtual, trámites áxiles e intelixencia televisiva.
Brain Games TV
Na contorna das aplicacións para Android TV, Norman Suárez, de Cuicui Studios defendeu o proxecto Brain Games TV, "mentorizado" por Antonio Ratón, responsable de desenvolvemento de Audiovisuais de R e do Grupo Euskaltel, quen explicou que “a plataforma aberta do Grupo Euskaltel, baseada en Android TV, achégalles a outras compañías e fai posíbel o desenvolvemento de aplicacións que enriquecen, co seu contido, o valor das nosas propostas audiovisuais. Desta volta incorporamos aos nosos decodificadores unha proposta de xogos e dinámicas deseñadas por pedagogos e validados cientificamente, para público infantil e adulto, que potencian a parte lúdica e nos permiten xogar, co mando da tele, a enredos para aumentar a nosa axilidade mental”.
Teatro Go
Na área dos contidos formativos e divulgativos innovadores, Jorge Algora, de Adivina Producciones, explicou o proxecto Teatro Go, ‘mentorizado’ por Diego Rodríguez Devesa, responsable de contidos de televisión de R. Trátase dun servizo de retransmisión en diferido de contidos culturais, especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180ª. Segundo Diego Rodríguez, “a aplicación permite que calquera persoa poida acceder de xeito sinxelo a esta clase de contidos, e gozar deles cun elevado grao de calidade e realismo, dende o salón da casa pero coma se estivese na primeira fila da platea. Así, as obras seguirán atopando o seu público tras o ciclo de estreas nos teatros”.
ALiCE
Míkel Díaz, do centro tecnolóxico Gradiant, falou polo miúdo do proxecto ALiCE (www.alicebiometrics.com), titorizado por José Cadavid, responsable de infraestrutura e servizos online de R e do Grupo Euskaltel. A proposta é un sistema de recoñecemento facial pensado para os clientes de R e doutras compañías. “Coa aplicación das chamadas tecnoloxías biométricas de ALiCE seremos quen de xestionar altas e realizar calquera operación contractual dende o móbil, con rapidez e seguridade, confirmando automaticamente a identificación dos usuarios e evitando a suplantación de identidade”, explicou Cadavid.
Datanimbo
E finalmente, no eido do Big Data aplicado ao consumo televisivo, Mario Pérez de Datanimbo Consulting mostrou os avances da súa proposta Visualización Big Data, que ‘mentoriza’ Esther Medina, Xefa do servizo de Innovación no Entorno Dixital da CRTVG. O proxecto consiste na posta en marcha dun sistema de machine learning orientado a profundar no coñecemento das comunidades de programas de televisión. Segundo Esther Medina Datanimbo “contribúe a detectar nas redes sociais comunidades reais de programas en directo da TVG e, polo tanto, facilítanos un maior coñecemento dos espectadores”
5 retos, 6 meses e 4 gañadores
Un total de 42 propostas (startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e algún centro tecnolóxico e universitario) responderon aos cinco retos tecnolóxicos lanzados o pasado decembro nos inicios da primeira edición de startupsR DiCo Challenge, que se pecha arestora tras 6 meses de traballo intenso.
En febreiro, o comité avaliador (dous representantes de R, dous da AMTEGA e máis un da CRTVG, patrocinadora dun dos retos) escolleron 20 propostas que pasaron á fase de preaceleración. Durante varias semanas, os emprenderores escollidos mativeron contacto directo cos seus mentores en obradoiros para preparar o seu modelo de negocio e a defensa da súa idea nunha xornada “Pitch Day” da que saíron os 4 proxectos definitivos que pasaron á fase de aceleración.
Innovación e talento
Daquela comezaron os procesos de mentorización, titorización, formación e seguimento durante catro meses nos que os proxectos contaron tamén coa axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento do traballo. Utilizaron, así mesmo, o espazo startups R no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura e traballaron man a man con operador galego, podendo acceder á súa infraestrutura e modelo de negocio e ás súas instalacións, ademais de camiñar a carón de R durante este tempo, gañando en visibilidade. Parellamente, quen traballaron no reto patrocinado pola CRTVG contaron cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.
Tras a xornada “Demo Day”, na que os proxectos gañadores recolleron un premio en recoñecemento ao seu traballo ao longo destes seis meses, ábrese agora un período de saída progresiva da aceleradora de todos eles.
Oxalá que sexa este o inicio dun camiño longo e frutífero para seguir descubrindo talento patrio, innovación e xente emprendedora en Galicia. Nesas estamos.
Fonte da imaxe: Clúster Audiovisual