Os galegos e as galegas non podemos queixarnos. E é que vivimos nunha contorna chea de natureza. Pero, saberías diferenciar as plantas e árbores que te rodean? Isto xa é para nota. Non te preocupes porque podes identificalas facilmente co teu móbil grazas a unha serie de aplicacións. Deste xeito saberás cal é o nome dunha planta ou dunha árbore facendo unha foto co teu teléfono.

Seguro que non tes que percorrer moitos quilómetros para ver un bosque cheo de carballos, piñeiros ou castiñeiros. Aínda que vivas nunha cidade, a natureza non está tan lonxe.

Se es dos amantes do medio ambiente ou dos que che gusta escapar a zonas máis campestres, seguro que non terás problemas para coñecer toda a flora. Para os que só vexan herbas nun prato en forma de ensalada, traémosche algunhas ferramentas para que aprendas a identificar as plantas e árbores que hai na túa contorna.

Só necesitas ganas, actitude e un móbil. Se miras pola fiestra e ves un monte, deberías saber que árbores o forman. Así que xa non hai escusa para non recoñecelos. Colle o teu smartphone, prepárate para camiñar e descarga unha destas aplicacións:

PlantSnap

PlantSnap

Usando a cámara do teu móbil poderás identificar plantas e flores online xa que a aplicación promete identificar ata o 90% de todas as especies de plantas, flores e árbores, incluso recoñecéndoas polas súas follas ou polos seus froitos.

Ademais, PlantSnap está dispoñible en Android e iOS e ofrece a posibilidade de crear a túa propia biblioteca de plantas e flores, catalogando as especies que atopes. E é totalmente gratuíta.

Arbolapp

Arbolapp

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) é o artífice de www.arbolapp.es. É unha das ferramentas máis fiables que podes atopar. Por que? Pois porque está centrada unicamente nos bosques da Península Ibérica e das Illas Baleares. Feito aquí e para os de aquí.

Está dirixida a todas as persoas que queiran iniciar ou afondar no coñecemento das árbores da súa contorna. Utiliza unha linguaxe sinxela e ten explicacións accesibles para todos os públicos. Podes resolver as túas dúbidas por zonas concretas, polo tipo de flores, froitos ou follas da árbore. Ofrece un total de 143 especies descritas en 122 fichas con información sobre árbores autóctonas e as máis frecuentemente asilvestradas.

E os compañeiros do CSIC pensaron en todo. Saben que moitas veces nas túas escapadelas á natureza, a cobertura ou os datos non van como nos gustaría, polo que a aplicación funciona de forma autónoma sen conexión a internet.

PlantNet

PlantNet

Podemos dicir que é a raíña das aplicacións deste estilo na Play Store e, ademais, conta cunha boa garantía científica. Detrás está a "Fundación Agropolis" de Córdoba e é capaz de identificar as plantas mediante unha comparación coas imaxes xa existentes na súa base de datos botánica. E ti podes facer crecer a súa fiabilidade. Todos os usuarios da aplicación poden "doar" as súas fotos para seguir engordando a súa base de datos.

Se a ferramenta identifica a túa foto cunha das que xa ten, darache unha boa cantidade de información sobre a planta en cuestión. Este proxecto científico, que leva en marcha dende 2014, está dispoñible de balde en Android e iOS.

Google Lens

Google Lens

Non, non liches mal. Por suposto que non é unha aplicación especializada para identificar plantas, pero é capaz de recoñecer as especies vexetais máis comúns. E se tes algunha dúbida e non descargaches ningunha aplicación, esta é a solución máis sinxela.

A súa forma de proceder é similar ás outras catro aplicacións, pero utilizando as fotos que hai no propio buscador de Google para buscar coincidencias. E se as identifica, ofrecerache información moi interesante sobre as plantas ou árbores que buscabas.

Como sabes, cando accedas a Google desde o teu móbil, na barra superior, á dereita de todo, verás unha icona de cámara. Fai clic na icona, fai unha foto da flor ou arbusto que che interese e mira se Google atopa algunha coincidencia.

PictureThis

PictureThis

Esta aplicación é unha das máis utilizables do mercado. Identifica plantas e flores con só unha foto e ten máis de 30 millóns de usuarios que a apoian.

Pero o máis interesante e o que a fai diferente para o usuario é que che ofrece información e consellos sobre o coidado da flora, polo que pode ser a ferramenta ideal se che interesa a xardinería e o cultivo de hortalizas.

Por exemplo, PicturesThis ofréceche guías de coidado das plantas, a creación do teu propio ficheiro coas túas favoritas, a posibilidade de configurar avisos de rego, poda ou pulverización... Nunca che morrerá ningunha planta. Está dispoñible de balde en Android e iOS.

Agora xa non tes escusa para poñer roupa cómoda e ir ao monte ou aos parques naturais máis próximos a ver se o teu coñecemento da natureza é tan amplo como esperabas... Diferenciarás entre un carballo e un castiñeiro?