Cando debe ter o seu primeiro teléfono móbil un/a neno/a? Non hai resposta fácil nin universal pero si existen unha serie de pautas que che axudarán a decidir cal é o mellor momento para dar ao neno/a un móbil, recomendacións de uso e cales son os modelos máis apropiados.
Idade do primeiro móbil para nenos/as
Segundo UNICEF, a idade media na que os nenos dispoñen do seu primeiro móbil é antes de cumprir os 11 anos.
Aínda que os expertos apuntan a que a idade recomendada para ter o primeiro teléfono móbil oscila entre os 12 e os 14 anos, o certo é que o 25% dos/as nenos/as de 10 anos e un 70% dos que teñen 12 anos xa usan un móbil de forma habitual.
Cando dar un teléfono móbil ao neno/a
O/A neno/nena necesita realmente un teléfono móbil? Esta é a primeira pregunta que debes facer, xa que o teléfono non é unha ferramenta indispensable en todo momento.
Polo outro lado, hai factores, esencialmente sociais, que inclinan a balanza. Para algúns, non ter móbil pode ser un motivo de exclusión social ou illamento e carrexar dificultades para o desenvolvemento interpersoal dos/as pequenos/as. Para outros, darlle un teléfono a un neno sería darlle un dispositivo que vai limitar a súa atención e o vai introducir en dinámicas non demasiado positivas.
Pola nosa banda, recomendámosche este vídeo de Raúl Ordóñez, experto pedagogo en educación dixital:
Darlle o móbil ao neno de forma gradual
Unha forma gradual e moi efectiva de afacer ao neno/a a usar os teléfonos móbiles é crear un perfil propio no móbil da nai ou o pai. Así irá descubrindo as súas funcionalidades e usos, ao mesmo tempo que o adulto sabe como está a interactuar co dispositivo. Ten en conta que inicialmente seguirá as túas pautas e recomendacións e mesmo imitará usos maternos/paternos pero co tempo irá adquirindo hábitos propios.
Para tomar a decisión sobre o mellor momento para darlle un teléfono móbil, pensa nas circunstancias familiares e tamén no carácter e madurez do neno/a.
Malia a súa idade, debe ter capacidade suficiente para facer un emprego responsable do móbil e evitar caer en usos inadecuados. E esta madurez debe trasladarse tamén a como trata o seu teléfono, que ten un custo e un posible deterioro, polo que hai que coidalo e mantelo en bo estado.
Regras e normas de uso do teléfono móbil para os/as nenos/as
Unha vez tomes a decisión de facilitar un teléfono móbil ao neno/a, o primeiro é establecer, ou máis ben pactar, unhas regras e normas de uso.
Marca pautas claras de horarios, tempos e espazos de uso. Por exemplo, só cando está fóra de casa ou nunca durante as comidas e especialmente a partir de certa hora pola noite. Existe unha síndrome chamada “vamping tecnolóxico” que se refire á diminución da calidade do soño por estar fronte a unha pantalla pouco tempo antes de durmir.
En todos os casos, o obxectivo é evitar un uso continuado e mesmo aditivo.
Non está de máis unha supervisión diaria da súa actividade a través do móbil. Mellor enfocalo máis cara a compartir que vixiar. É dicir, pode servir para que aproveitedes para contar que fixo ao longo dese día. Chamoute alguén? Coñeces algún xogo novo?
Os perigos da tecnoloxía
Non evites falarlle dos perigos e riscos que entraña un uso abusivo dos teléfonos móbiles. Non se trata de asustalo, senón de facelo consciente destes, porque tarde ou cedo entrará en contacto con eles e así estará mellor preparado para reaccionar.
Mesmo podes explicarlle en que consisten certos ciberdelitos habituais como o ciberbulliyng, grooming (adultos que se fan pasar por menores para enganalos) ou a difusión de imaxes sen o seu consentimento.
É importante insistir na importancia de que nunca envíe fotos comprometidas.
Recomendacións para o teléfono móbil dos nenos/as
A nai ou o pai debe ser quen configure o terminal e instale as aplicacións necesarias, incluíndo xogos.
Supervisa contactos e chamadas, por exemplo, de números descoñecidos. E se ten contas en redes sociais, asegura a súa privacidade.
De entrada, podes utilizar aplicacións de control parental. A maioría dos teléfonos tráenas de serie e achegaranche tranquilidade. Tamén hai aplicacións de xeolocalización que permiten coñecer onde se atopa o neno/a en cada momento e que, ademais, serven para localizar o teléfono se se extravía, algo bastante habitual no caso dos nenos/as.
Unha das maiores inquietudes de pais e nais é que páxinas pode visitar en internet o neno/a. Para evitar isto podes filtrar contidos e bloquear certas webs, como aquelas que teñen contido para adultos ou xogo en liña. Agora ben, as posibilidades da Rede son infinitas e ademais reinvéntanse cada día, co cal che vai resultar moi difícil acoutar as páxinas ás que acceda co seu móbil.
Que debe ter un teléfono móbil para nenos/as?
É obvio que os/as pequenos/as non necesitan un terminal con gran capacidade de almacenamento nin multitude de cámaras.
En termos xerais, un móbil adecuado para eles/as sería:
Como usa o/a neno/a o teléfono móbil
Aos poucos, o/a neno/a irá gañando confianza e responsabilidade respecto ao seu teléfono móbil e poderá ir adquirindo maior independencia dixital de forma progresiva.
En calquera caso, o móbil é unha forma idónea de contactar co neno/a sempre que o necesites, tanto de forma individual como familiar, creando, por exemplo, un grupo privado no que participe toda a familia.
E para el/ela é unha forma de socializar e de falar cos seus amigos/as ou compañeiros/as do colexio de forma rápida e segura.
Non hai unha idade exacta nin regras universais en canto ao uso dos teléfonos móbiles por parte de nenos e nenas. Cada pequeno/a e cada familia son diferentes e contan coas súas propias necesidades, pero esperamos axudarvos con estas pautas de uso xenéricas que poden aplicarse na maioría dos casos.