Baenacode é unha nova marca de moda téxtil que naceu no ano 2013 en Galicia. A súa creadora é a deseñadora Laura Baena Botana (Carral - A Coruña, 1988). Laura acaba de regresar de Madrid despois de participar na última edición da MBFW Madrid, concretamente no espazo Samsung EGO dedicado ás novas promesas da moda.
Estamos ante outro dos novos talentos que de seguro van dar moito que falar dentro e fóra das nosas fronteiras. É que xa se sabe: Galicia Calidade.
Da pintura á moda
Laura formouse en Deseño e Creación de Moda e Patronaxe en Goymar, entre os anos 2006 e 2009. Aínda que sempre quixo ser pintora, no último ano de bacharelato houbo un xiro na súa cabeciña e decantouse polo deseño de moda.
Ao pouco de rematar a carreira comezou a traballar no departamento de deseño de Kina Fernández, onde segundo as súas palabras “aprendeu moito”porque puido tocar “moitos paus”.
O soño cumprido
Posteriormente estivo desempeñando distintos traballos. A crise acababa de chegar e o sector da moda era un dos afectados. Pero ela nunca tirou a toalla e seguiu loitando polo seu soño.
Chegou un día no que Laura se decidiu e creou a súa marca de moda. O rexistro fíxoo en 2012 e ao ano seguinte lanzou a súa primeira colección. Era a de primavera-verán 2013 e con ela acudiu a unha pequena feira de moda en Barcelona. Este foi o seu primeiro soño cumprido.
Fashion Week Madrid
No ano 2013 Laura presentouse para participar no espazo Samsung EGO da pasarela de moda de Madrid. Desa vez non houbo sorte, pero o pasado mes de marzo cambiaron as tornas.
A deseñadora carralense foi seleccionada para participar neste oco para novos talentos coa súa colección outono-inverno 2017/18 e primavera-verán 2018. Neste espazo aberto, os asistentes á MBFW Madrid puideron ver e comprar as súas prendas.
Vivir da súa paixón
Ao longo dos días que estivo participando no Samsung EGO, Laura recibiu moitas visitas que lle compraron algunhas das pezas da súa colección. E algunhas das persoas interesadas quedaron “chafadas” cando lles dicía que as prendas da colección primavera-verán 2018 aínda non estaban á venda . Hai que agardar a principios do próximo ano, cando estarán á venda na súa web e nas tendas nas que dispoñen das prendas de Baenacode.
Facendo balance dende os seus comezos en solitario coa súa marca, e despois de asistir por primeira vez a unha pasarela de renome, Laura asegura que “agora penso que podo empezar a vivir disto, do meu traballo, do que me gusta. Ata o de agora, estes últimos anos, foi como facer un máster no que aprendín moito”.
Baenacode
Baenacode é unha marca de moda textil na que o único que se externaliza é o traballo de costura. Laura conta cunha pequena rede de costureiras na comarca das Mariñas coruñesas, ás que lles leva as súas prendas para que fagan a “arte final”.
Este proceso xa se facía en Galicia nos anos oitenta e noventa. Daquela grandes marcas da moda galega levaban as súas prendas a costureiras de toda a vida, que contaban con máquinas industriais nas súas casas.
Prendas exclusivas
O resto do proceso de creación das prendas de Baenacode, fainos Laura. De feito as súas prendas son únicas, xa que as corta ela mesma á man, unha a unha. E ademais fai moi poucos modelos de cada prenda, porque a exclusividade é unha das premisas desta marca.
As teas tamén as elixe ela mesma. Encárgaas a fábricas de Francia e Italia e os estampados tamén os deseña e os debuxa ela, mentres que unha empresa de Granada fai a estampación nas telas.
Carral como marco do catálogo
Para a colección da vindeira tempada contou coa axuda de amigas e amigos que lle botaron unha man nas fotos e exercendo como modelos. Esta colección está inspirada en Coney Island e nos parques de atraccións. Para tomar as fotografías, Laura e o fotógrafo Marcos Pereiro decidiron empregar as localizacións de Carral para o catálogo. Como di Laura, “son da idea de para que imos facer as cousas fóra, se se poden facer aquí”. Nas datas que se fixeron as fotos estábanse celebrando as festas de Carral, e como a colección estaba baseada nos parques de atraccións veulles como “anel ao dedo” 😉.
Slow fashion
Laura practica a filosofía da “slow fashion”: deseña as súas prendas con calma e con cariño. Prefire deseñar menos e con calidade, que moito e “daquela maneira”. De feito, Baenacode soamente lanza dúas coleccións ao ano, cando a maioría das marcas de moda lanzan 5 coleccións, as precoleccións, a colección "cruceiro", etc. O que deriva é que casas como Dior ou Gucci cambien de director creativo cada ano e medio pola saturación mental que sofren.
Comprar menos e mellor
As prendas das coleccións de Baenacode son versátiles, todoterreo e en moitas ocasións son fondo de armario. Os clientes desta marca valoran as súas prendas pola súa exclusividade e calidade. A súa deseñadora é da idea de Vivienne Westood á hora de crear e vender as súas prendas: “Compra menos, escolle ben, fai que dure”.
Ao que aspira Laura con Baenacode é que “a xente vaia contenta coa miña roupa, que lle dea uso, que a valoren e a consideren especial”. E de seguro que é así, porque cada vez máis xente de aquí e de aló apostan por lucir estas prendas.
Agardamos que siga nesta traxectoria e que dentro duns anos a poidamos ver en pasarelas internacionais presumindo de talento galego.
Ata a próxima!