Gozar e aprender da natureza ou do mar, realizar actividades ao aire libre, coñecer xente... Apetéceche un plan de cámping en Galicia?

Aquí vai un repaso a algúns dos mellores cámpings que temos en Galicia. Custarache elixir!

Cámping Praia América

Comezamos polo Cámping Praia América. Nos seus 40.000 m2 ten capacidade para 1.500 persoas. É un dos máis populares de Galicia para os visitantes, atraídos especialmente pola súa localización en plenas Rías Baixas, en Nigrán, a só 10 minutos camiñando da praia.

A cidade de Vigo e pobos como Baiona ou A Guarda están tamén a tiro de pedra. E a só 10 minutos en autobús pódese tomar o barco para visitar un dos tesouros da zona: as Illas Cíes.

Dispón de bungalows de madeira totalmente equipados e dúas piscinas ao aire libre, solario con céspede, bar, terraza, restaurante, parque infantil, canchas deportivas...

Cámping Paxariñas

Pola mesma zona, en Portonovo, atópase o Cámping Paxariñas, un paraíso sobre o mar cun ambiente familiar e tranquilo. Un fantástico lugar para pasear e descansar na herba, tomar o sol e practicar deportes náuticos nas praias próximas.

O cámping conta con amplas parcelas e rúas perfectamente trazadas e asfaltadas para os seus bungalows e zonas de acampada.

Cámping Santa Tegra

Un pouco máis ao sur atópase o Cámping Santa Tegra. Está situado en pleno estuario do río Miño, con Portugal á fronte, e nas saias do Monte Santa Tegra, no que se atopa unha citania do século I e II a.c.

É un cámping completamente chairo con moitas árbores e sombras que permite aloxarse en cabanas, caravanas ou nas chamadas mobile homes.

Para os amantes do deporte, conta con pistas de minigolf e pádel e campo de fútbol sala.

Cámping O Muíño

Preto do mar ou en plena natureza? O Cámping o Muíño, en Oia, permíteche elixir a parcela que máis se adapte aos teus gustos.

En calquera caso, é un lugar ideal para chegar coa túa caravana, autocaravana ou tenda de campaña e perderte polos carreiros ou montañas de Oia ou bañarte na praia, o que prefiras.

O cámping conta con apartamentos e bungalows de 2 a 7 prazas, con opción de terraza.

E ofréceche unha chea de actividades e “planazos” para que goces do teu tempo de lecer: rutas en kayak, parapente, actividades de pesca, sendeirismo, praias fluviais ou visitas guiadas.

Cámping de Moreiras

O Cámping de Moreiras, no Grove, está de parabéns. Foi recoñecido como o "Mellor cámping de praia nacional" pola Federación Española de Cámpings.

Méritos non lle faltan xa que conta con bungalows con capacidade para ata 5 persoas, un equipamento inmellorable e vistas premium á Ría de Arousa. Tamén dispón de parcelas cunha tupida alfombra de herba e tendas en alugueiro.

Todo iso nunha paraxe rodeada de praias e rutas de sendeirismo onde gozar de deportes náuticos, mar, cultura e da mellor gastronomía das Rías Baixas.

Cámping das Illas Cíes

¿Un cámping no paraíso? O Cámping das Illas Cíes ofréceche a posibilidade de gozar das súas praias e paisaxes de ilusión. Pola súa especial localización, este cámping posúe o distintivo de Cámping Verde grazas á súa xestión e promoción ambiental.

Propoñémosche que te apuntes ao snorkel, xa que o club de Buceo Illas Atlánticas permite descubrir os fondos mariños do Parque Nacional.

O cámping conta con tendas xa montadas dispoñibles para o alugueiro e con parcelas nas que podes montar a túa propia tenda.

Cámping Ría de Arousa

Na península do Barbanza atópase o Cámping Ría de Arousa, unha das mellores opcións con lecer para toda a familia.

Nos seus espazos naturais e ecosostibles albergan un bo lote de actividades como as Xornadas astrolóxicas. Apetéceche gozar dun ceo de verán vendo as estrelas máis preto que nunca?

E para os máis peques, unha ampla oferta de actividades con talleres de animación infantil, camas elásticas, actividades con ponis, inchables...

Cámping Valdoviño

A menos de 200 metros da praia de A Frouxeira e a 7 quilómetros de Pantín, o paraíso do surf en Galicia, atópase o Cámping Valdoviño. E se che apetece unha escapadela a Cedeira ou Ferrol, contas con autobuses que saen da porta do propio cámping.

O cámping dispón dunha zona de bungalows de primeira clase con vistas impresionantes, zona acampada e zona con tendas glamping. Se non sabes o que é glamping, agora cho contamos :)

É algo así como o cámping con encanto, e en Galicia contas con varias opcións interesantes. Ademais deste Cámping Valdoviño, son un referente o Cámping & Glamping Muiñeira de San Vicente do Mar, no Grove, o Cámping Baiona ou o Cámping Illa de Ons.

Cámping Fragadeume

O Cámping Fragadeume está instalado sobre unha antiga granxa do Parque Natural "Fragas do Eume". É un cámping de montaña e o enclave natural é un dos seus grandes atractivos, xa que permite descubrir rutas de sendeirismo que levan ao Mosteiro de Caaveiro.

Entre os servizos que ofrece están o alugueiro de bungalows, sitios para tendas e autocaravanas con electricidade, piscina, cafetería, xogos infantís, lavadora e terreos para practicar deportes ao aire libre.

Cámping de Teiraboa Base Camp

Ríos, montes e prados rodean o cámping de Teiraboa Base Camp. Situado moi preto do pobo de Arzúa, en pleno corazón de Galicia, é a opción ideal para gozar da contorna e pasar tempo coa familia.

Conta con parcelas para acampada ou caravaning de diferentes tamaños e ofrece outros tipos de aloxamento como caravanas fixas propiedade do cámping, bungalows ou pods (casetas). Todos teñen acceso libre á zona de xardín con grelladas, lavandería e tendedeiro, parque infantil, piscina ao aire libre, campos de fútbol e baloncesto e o restaurante.

Pola súa proximidade ao Camiño de Santiago, ofrece a posibilidade de facer unha etapa facilitando a comida e a viaxe de volta a Arzúa.

Cámping As Cancelas

Se es máis urbanita, a túa opción é o Cámping As Cancelas. Un paraíso verde no centro urbano de Santiago de Compostela que funciona como a parada perfecta para visitar Galicia.

Dispón de parcelas independentes de diferentes dimensións, con sombra e todos os servizos necesarios, e conta con dous tipos diferentes de bungalows: 4 e 5 prazas. Os animais domésticos son benvidos, pero deben ir atados e ser vixiados polos seus propietarios.

Cámping Cañón do Sil

Goza da Ribeira Sacra no Cámping Cañón do Sil. Das súas praias fluviais, paisaxes de ilusión e visitas a adegas nunha das nosas zonas con máis tradición vinícola.

As instalacións do cámping están baseadas na construción tradicional das casas da zona. Hai bungalows para familias, servizo de caravanas e mesmo dispoñen dun espazo para vodas ao aire libre ou baixo toldo.

Ah, e non perdas as impresionantes vistas dende o miradoiro privado.

Cámping "Os Invernadeiros"

Na localidade ourensana de Allariz atópase o Cámping "Os Invernadeiros".

Conta con 46 parcelas, con bungalós para entre 2 e 4 persoas.

O cámping destaca pola súa ampla oferta de posibilidades de lecer, entre elas a de entrar en contacto co mundo da equitación, montando en picadeiro, recibindo clases de hípica ou realizando rutas a cabalo.

Apúntaste ao cámping en Galicia? Non esquezas contarnos o teu plan.