Dende a aparición dos smartphones xurdiron aplicacións abondas para todos os gustos. Algunhas xa se fixeron imprescindibles e sen elas case non podemos concibir ás veces o noso día a día. Como, por exemplo, as apps da banca móbil ou a das citas co médico. Pero, ademais destas, esenciais e útiles, hai moitas outras aplicacións que che poden parecer moi raras pero que teñen millóns de usuarios.

Non entramos en debates máis profundos sobre se todas as aplicacións que temos nos nosos móbiles son útiles ou se as usamos demasiadas horas ao día. Hoxe imos falar de apps que teñen moitos/as usuarios/as e que, a máis dun, lle chamarán a atención.

Mergullámonos no catálogo das apps de Android e de iOS e seleccionamos as que nos pareceron máis estrañas. Son un claro exemplo da imaxinación e creatividade de enxeñeiros e programadores. E o mellor de todo é que podes usalas de balde.

Story board

Se es dos que aman a banda deseñada, os cómics ou o manga, temos unha aplicación que che fará moi feliz. "Story Board" é unha app, só dispoñible para teléfonos Android, que é capaz de crear un cómic a partir de calquera dos teus vídeos. Poderás transformar calquera videoclip que teñas en viñetas.

Agora podes ser o protagonista da túa propia banda deseñada. Só terás que gravar as túas aventuras e poñelas na aplicación. Todo o que graves trasnformarase nese formato de viñetas de cómic.

Proba de amor

Cando nos namoramos todo é felicidade, pero cando remata unha relación gustaríanos ter aforrado todo o tempo perdido. Pois xa é posible. "Love test" é unha app que calcula as posibilidades de éxito dunha relación amorosa en función do nome e do signo do zodíaco dos implicados.

Dende a aplicación aseguran que son quen de identificar as probabilidades de éxito dunha relación só con eses datos. O resto depende da túa confianza nos fados e na astroloxía ou no horóscopo, claro. O feito é que esta aplicación leva xa máis de 40.000.000 de descargas, claro exemplo do seu éxito. Está dispoñible para iOS e Android.

SnoreClock

Se dormes só e queres saber se roncas, ou se dormes acompañado e é a túa parella quen non che deixa durmir cos seus ronquidos, "SnoreClock" é o que necesitas.

Esta app gratuíta controlará todos os ruídos que fas pola noite. O seu funcionamento é sinxelo. Só tes que colocar o móbil ao lado da cama e premer o botón vermello de "SnoreClock" e á mañá seguinte terás toda a información sonora das túas horas de sono.

Ademais dos ronquidos, a aplicación rexistrará se falas mentres durmes ou se realmente algo interrompe o teu sono. Agora, cando a túa parella ronque e non te crea terás unha proba indiscutible. Está dispoñible en iOS e Android.

Hold the Button

Esta aplicación é para saber ata que punto temos paciencia: se é realmente infininta ou non tanta. Agora podes medila con "Hold the Button". E loxicamente vos preguntaredes como a mide, claro. Pois só co teléfono e cun botón. Estás disposto a pulsar a pantalla do teu smartphone? Si, é só iso. Manter pulsado un botón da pantalla do teu móbil.

Pois xa ten máis de 250.000 descargas. E para ver se es un dos máis pacientes, "Hold the Button" permíteche compartir os resultados obtidos mentres xogas con outros/as usuarios/as. Está dispoñible para dispositivos con sistemas operativos Android e iOS.

Fake Call

Esta aplicación, lanzada en 2019 para Android e iOS, permite simular a recepción dunha chamada telefónica. Isto é posible configurando a ferramenta e seleccionando o horario e a identidade do suposto contacto que se desexa comunicar co/coa usuario/a da aplicación. É dicir, ti decides de quen vas recibir a suposta chamada.

Para que serve esta aplicación? O seu uso pode resultar moi liberador, por exemplo, como mecanismo de escape a situacións incómodas e para evitar conversas aburridas.

A aplicación é gratuíta e en ningún momento se lle realiza a chamada real á persoa que a instala no seu teléfono. É dicir, só simula que te chaman pero non é tal. Dende o seu lanzamento xa foi descargada máis de 100.000 veces.

Clap Phone Finder

Cantas veces perdeches o teu móbil na túa propia casa ou oficina. Pois xa hai unha aplicación que che axuda a atopalo. "Clap Phone Finder" é sen dúbida unha app rara pero moi útil. Simplemente terás que bater as mans e atoparás o teu teléfono, que comezará a soar, vibrar ou mesmo acender a lanterna.

Está dispoñible, de balde, só para teléfonos Android.

Atopa o teu coche

Seguro que máis dunha vez esqueceches onde aparcaches o coche. Agora nunca volverás temer ese momento. Esta aplicación fará que o atopes nuns poucos clics usando un navegador web.

A app utiliza GPS e redes móbiles para memorizar a posición do teu coche e utiliza o navegador do teu smartphone para guialo ata o lugar onde estacionaches o teu vehículo. Así xa non terás que preocuparte por onde deixaches o coche. Está dispoñible para teléfonos Android.

Velocímetro

Hoxe en día estamos moi familiarizados coas aplicacións que miden os pasos que dás ao día. Pero "Velocímetro" vai máis aló. Como podes adiviñar polo seu nome, esta app tenta dicirche a que velocidade vas.

Pode ser moi útil e necesaria para establecer récords persoais de carreiras ou simplemente evitar multas innecesarias por circular uns poucos quilómetros por hora por riba dos límites de tráfico.

Esta aplicación está dispoñible en iOS e Android.

RunPee

"RunPee", dispoñible en iOS e en Android, é moi práctica para a maioría dos cinéfilos. A todos nos acontece algunha vez que estando a ver unha película no cinema, éntrannos ganas de ir ao baño; e non sabemos cal é o mellor momento para escapar. Non queremos perder nada importante na trama. A aplicación sacarache as dúbidas.

Só tés que seleccionar a película que estás a ver e activar un temporizador cando se inicie. Cando chegues aos, digámolo así, momentos "menos importantes" da película, a app notificaracho e poderás escapar ao baño. E o mellor é que o seu método de alerta é discreto, unha pequena vibración, para que non molestes aos/ás demais espectadores/as.

Bloqueo Detox

"Bloqueo Detox" é unha aplicación de bloqueo cronometrado deseñada para evitar que nos distraiamos. Está dispoñible para teléfonos Android.

Cando a instalas, tes que establecer un período no que non podes ou non queres utilizar o móbil, e a app deixarao inoperante durante ese tempo. Esta aplicación alegraralles a vida aos/ás máis cinéfilos/as, xa que se a pós en práctica xusto antes de entrar no cinema non se poderá acender a pantalla do móbil durante a emisión da película. E tamén é aplicable, claro, a ceas ou reunións.

Todas estas aplicacións teñen millóns de descargas. Son apps raras pero moi útiles en determinados momentos, xa que non todos temos as mesmas necesidades. Hai unha aplicación para cada requirimento, só tes que atopala. E se non existe, non dubides en deseñala. Non serías o/a primeiro/a en facerte millonario/a cunha idea coma esta.