Ola a todos. Hoxe queremos avisarvos de melloras na nosa aplicación móbil para Android. Son cambios que nos pedistes . Falando disto, perdoade se durante unhas semanas notades moitos cambios e probas na app, posto que estamos a traballar duro para que teñades aí case que absolutamente todo o control sobre os vosos servizos con R: dende ver a tele, mandar un fax, diagnosticar se hai un problema na túa liña, ata ver o consumo de datos móbiles ou acceder ao novo wificlientes R (que está a piques de saír e que mellorará moitísimo o que coñecíades en probas).

Sabemos que aínda temos partes da app e da web de clientes sen terminar de amoblar, pero veredes que vai pagar a pena a espera. Grazas pola vosa paciencia e lembrade que aquí estamos para escoitar atentamente melloras que queirades propoñer. A app é para vós!

O primeiro e máis destacable desta nova versión (2.1.12) é que nada máis abrir a app xa tedes arriba ben visible o consumo das vosas liñas móbiles. Xa non tedes que ir ao botón de as miñas facturas > ver consumo dende a última factura. Agora só hai que seleccionar a liñae ver canto levades gastado da vosa tarifa.

Outro cambio visible na primeira pantalla é o buscador. Se non tedes claro onde atopar algo, só tedes que escribir que queredes facer. Por exemplo, podedes teclear “roaming” e xa che devolve o resultado para activalo ou desactivalo.

Por outra banda, vimos que á hora de ver a TV web R había certos problemas cos móbiles de Samsung, porque o seu navegador non reproducía ben a emisión. Así que agora tedes a opción de ver a televisión nun navegador independente, para evitar esa incidencia.

Ademais, se ides a widgets, veredes que temos un, polo que o podedes poñer directamente na pantalla inicial e controlar o consumo sen ter entrar na app.

Mola, a que si? 

widgetR

Por último, poñemos un enlace á app de Ookla por se queredes medir a vosa conexión móbil. É unha app allea a R, pero son os mesmos que levan o noso velocímetro para internet fixo. Así que se o queredes ter no móbil, é preciso descargar a súa app.

Un saúdo!