Ola a todos. Son moitos clientes os que nos comentan que é bastante complicado iso de coller un bono de datos extra en caso necesario, unha vez esgotados os megas ou xigas da tarifa de móbilR. Así que dende o 1 de setembro o o proceso será moi sinxelo.

Unha das ideas que nos destes no seu día foi que á hora de acceder á app móbil de R non se consumisen datos, para facelo a máxima velocidade e renovar o bono doadamente nun intre. Isto non foi posible porque non temos xeito, a día de hoxe, de diferenciar a nosa app doutras á hora de navegar ou conectarnos á internet. De todos os xeitos, fixemos un cambio que cremos que é bastante útil, para que o proceso sexa automático. Pero xa vos adiantamos que, como usuarios, tedes todas as opcións para cambiar ao voso gusto cando sobrepasades os datos na tarifa.

1.- Cambio automático: máis datos para ti a máxima velocidade.

Que fixemos exactamente?: Cando te pases dos datos contratados ampliámoschos automaticamente con outro bono de 500MB por 2,95€. É dicir, que abaratamos nun 40% a opción que hai agora (500MB por 2€). Deste xeito, se necesitas máis datos, xa se renovan sen que teñas que facer nada. Hai, iso si, un máximo de cinco renovacións en cada factura. Pero arestora non terás que acceder a velocidade reducida na web nin chamarnos.

2.- “Prefiro seguir navegando a velocidade reducida”.

“Si, pero eu non quero nada de nada -dirá algún-. Sempre me paso e non me interesa pagar máis”. Pois non hai problema. Se queres que se reduza a velocidade unha vez superado o bono, só tes que indicalo na web de clientes: no botón “autoactivación de bono de datos” podes establecer o comportamento que ti desexes.

“Claro, claro, pero mentres, se me despisto, xa me cobrades”, comentará outro cliente. Pois non vai ser así porque:

  • se estás ao tanto do que che estamos a contar e nos indicas a túa preferencia na web, xa terás activado o sistema que mellor che vaia. Hai unha personalización ao teu gusto.
  • aínda que non esteas ao tanto disto, a primeira vez que te excedas do bono de datos contratado, recibes un SMS no que che informamos de todo. Ollo, e non se cobra ningún dato. Nese momento aplicámosche o bono de 200MB sen custo, indicámosche como sería o proceso a próxima vez e o importe. E, ademais, poñémosche un enlace directo á “autoactivación de bono de datos” para que cambies no momento se non che interesa renovar automaticamente os bonos de datos.

Transparencia total, porque o que procuramos é darlles facilidades aos que necesitan renovar os seus datos e que o proceso sexa máis cómodo.

3. “Eu non navego moito, nunca sobrepasei o meu plan de datos”.

Se es do que non se pasa nunca dos datos consumidos, loxicamente para ti todo segue igual. Pero se es dos que se pasa nalgunha ocasión, tanto se te pasas dos datos por primeira vez este mes ou máis adiante, (por exemplo, en outubro de 2017) recibirás un SMS con este aviso previo. Calquera que se pase recibirá esta notificación con toda a información, non só durante uns días, senón a primeira vez que lle ocorra, sexa cando sexa.

4. Bonos de datos extra tendo velocidade reducida.

Queda un último escenario: “Que pasa se eu, de forma puntual, necesito un bono de datos extra para navegar a máxima velocidade?”. Tampouco hai problema. Se tes desactivados os bonos automáticos podes coller os que hai dispoñibles agora mesmo seguindo o proceso actual, que leva un pouco máis de tempo e é máis caro, como che dixemos. É dicir, poderías escoller entre 100MB por 1,5€ ou ben entre 500MB por 6€ (cun máximo de cinco ampliacións en cada factura).

O dito, a idea é darvos todas as facilidades e que, coma sempre, teñades o control da vosa liña de móbilR, tanto se necesitades ampliar de forma automática os datos coma se queredes controlar ao máximo o gasto e non pasarvos un can da cota da tarifa. Isto comezará a aplicarse, como dicimos, dende o 1 de setembro e se xa o deixas activado ou desactivado, aplicarase ese comportamento dende esa data.

Para calquera dúbida, aquí seguimos ;-)

Un saúdo!