Apetéceche gozar dalgunha das fantásticas casas rurais que temos por toda Galicia? Xa sexa para ir só, en parella ou en familia e descubrir a montaña, gozar da praia, practicar deporte, realizar visitas culturais ou simplemente para desconectar e relaxarte, unha casa de turismo rural sempre é un bo plan.
En Galicia contamos con algunhas das mellores casas de turismo rural de España. É complicado facer unha listaxe coas mellores, de xeito que aquí che deixamos a nosa particular selección de casas rurais. Como verás, son lugares con encanto, ideais para as túas próximas vacacións, escapadelas ou fins de semana especiais.
Casa Fontequeiroso
Comezamos no recuncho máis occidental de Galicia, onde se atopa a Casa Fontequeiroso.
Nada mellor que empezar o día cunhas boas torradas de pan de aldea para descubrir ese enclave privilexiado próximo ao cabo Touriñán e á praia de Nemiña, o paraíso dos amantes do surf. Tamén é a meta da penúltima etapa do Camiño dos Faros.
Casa Rural San Cibrán
Relax, deporte, gastronomía, mar e montaña. Aos pés do Monte Pindo e a tan só 1,5 quilómetros da espectacular praia de Carnota atópase a Casa Rural San Cibrán.
Apetéceche gozar da natureza e a paisaxe dende unha cama balinesa? Tes ademais unha piscina á túa disposición e todas as comodidades que poidas imaxinar.
Casa Rural Entre Os Ríos
Se queres descubrir un lugar único onde reinen a pedra, a auga, o verde e o viño, toma nota da Casa Rural Entre Os Ríos, situada na Pobra do Caramiñal.
Dispón de suites de diferentes tamaños que contan con jacuzzi ou bañeiras de hidromasaxe con cromoterapia.
Para os/as amantes do viño, conta cunha adega propia na que se poden degustar os seus estupendos caldos.
Torre do Río
Nada menos que 10.000 metros cadrados pensados para que desconectes e te relaxes a pouco máis de 1 quilómetro de Caldas de Reis, unha das vilas termais con máis tradición de Galicia.
Torre do Río é un complexo téxtil rehabilitado que data do s. XVIII e está bañado por un meandro do río Umia. Podes gozar dunha piscina natural con fervenza, miradoiro e terrazas ou, se refresca, refuxiarte á calor da cheminea do seu salón.
Casa Lourán
Á beira da Serra da Loba, en Monfero, e entre castiñeiros centenarios atopamos Casa Lourán, a tiro de pedra para visitar as Fragas do Eume.
Casa Lourán é unha casa tradicional galega nunha contorna ideal para practicar actividades ao aire libre e pasear, e na que os hóspedes poden participar na elaboración dos produtos caseiros que serven no seu comedor e visitar a súa granxa.
Casa Rústica O Facho
A Casa Rústica O Facho está situada en plenas Rías Baixas, xunto ao Monte do Facho e Cabo Home. Ás fantásticas praias próximas súmase a posibilidade de realizar actividades multiaventura, rutas de sendeirismo polos faros e miradoiros ou rutas en kayak pola enseada de San Simón.
A casa dispón de habitacións ou casas completas coas que poderás gozar do spa, a piscina e a terraza nunha contorna natural e chea de vida.
A Maquía
Só, coa túa parella, coa familia e, se queres, tamén coa túa mascota. A Maquía atópase nas Rías Baixas, a pé de praia e na ladeira do Monte Castrove.
Conta cunha cómoda piscina onde tomar o sol, darte un mergullo ou simplemente gozar das vistas á Ría de Pontevedra.
Se queres ter especial privacidade, ten un ´refuxio’, ou suite júnior, separado do edificio principal, co seu propio jacuzzi, terraza e xardín.
Casa Rural Rectoral Fofe
A Casa Rural Rectoral Fofe ten moita historia. Foi fogar de sacerdotes e sufriu o asalto de bandidos.
Actualmente, as súas estancias e as obras de arte que colgan das súas paredes de pedra acollen unha casa rural na que gozar de masaxes terapéuticas, da lectura ou simplemente de boa compañía nun dos recunchos máis descoñecidos do sur da provincia de Pontevedra.
Casa do Fidalgo
Imos á provincia de Lugo. No lugar de Machuco (A Pontenova), no interior do "triángulo dos trasnos" formado por tres pobos (Bogo-Vilarxubín-Sampaio) está unha das casas rurais máis orixinais de Galicia: a Casa do Fidalgo.
Consta de tres edificacións: a casa, o hórreo e o mesón-sidraría, que antigamente era un alpendre e hoxe en día conserva o forno orixinal de pan.
A Casa do Fidalgo é un paraíso para os amantes do sendeirismo ou a pesca do salmón, sen esquecer que está moi preto da Mariña e a súa emblemática praia das Catedrais.
Casa Rural O Crego
Se che gusta o turismo rural de montaña e buscas desconectar, nos Ancares está a Casa Rural O Crego.
A casa é un exemplo de conxunto arquitectónico tradicional da zona: casa de dúas plantas con cortes, adegas e vivenda na planta baixa; estancias como a lareira salón ou o "palleiro" na superior; e, no centro do seu patio, un hórreo.
Ademais de gozar da natureza en estado puro, podes apuntarte a talleres de cerámica ou artesanía.
Casa Grande de Cristosende
A Casa Grande de Cristosende é unha casa nobre do século XVI desde cuxo xardín podes gozar dunhas vistas inmellorables do Canón do Sil e da Ribeira Sacra.
E non deixes de visitar o seu restaurante e probar a gastronomía típica da zona acompañada dun bo viño Mencía ou Godello.
Pazo de Bentraces
O Pazo de Bentraces construíuse no século XV como residencia episcopal do Mosteiro de Celanova. Hoxe é un aloxamento de deseño tradicional que mima cada detalle das súas habitacións, salóns ou da gran biblioteca, e dende o que podes percorrer a Ribeira Sacra.
Non deixes pasar a oportunidade de relaxarte, pasear ou ler nos seus 20.000 metros cadrados de leira poboada de carballos, pérgolas con prantas gabeadoras, cipreses, buxos, magnolios e glicinias centenarias.
Xa ves que temos para todos os gustos e públicos. Cóntanos, cal é a túa casa de turismo rural galega favorita? Que aloxamentos de turismo rural visitaches en Galicia e cales te namoraron?