“Unha noite no muíño, unha noite non é nada. Unha semaniña enteira, esa si é muiñada”, di unha canción galega. No noso caso pode dicirse que xa levamos máis dunha muiñada e cada día non deixa de ser algo novo, diferente e ilusionante, pero tamén con certo medo a non dar a talla ou a perder a confianza dos que nos apoiaron. Non soportamos a idea de defraudar porque sabemos que non serve de nada vivir do que xa leva un acadado.

Superada xa a década, estamos agora na nosa adolescencia e queremos seguir por aquí moito máis tempo, dando o estirón se é posible. Os últimos anos foron bastante movidos, cun esforzo moi grande baixando prezos por mor da crise, chegando a límites que fan perigar, coma se di, a nosa integridade. Pero dende este marabilloso curruncho do Noroeste resistimos, como os da aldea gala de Astérix e Obélix… iso si, cunha poción máxica imbatible, o voso apoio de sempre.

Aínda lembramos como alá polo 2000 o produto estrela era o teléfono fixo. A iso foise unindo internet e a televisión. No 2008 comezamos co móbil, máis adiante popularizouse o internet móbil… E entre medias fomos sacando moitos outros produtos e servizos.

Total, que como quen non quere a cousa, neste mes chegamos ao millón de servizos de teléfono, internet, televisión e móbil. Sabemos que as cousas importantes non se miden en cifras pero si que está ben de cando en vez pararse e mirar a responsabilidade que temos e o agradecidos que vos temos que estar porque apostades por nós.

Somos pequenos, pero sempre dixemos que iso non ten por que ser un defecto senón que, de feito, é unha virtude nun mundo cada vez máis globalizado… e por iso, quizais máis uniforme e aburrido. E aínda por riba, sen que iso do global se traslade a máis ‘igual’ para todos.

Graciñas unha vez máis!