Apetéceche un baño tranquilo en augas cálidas e en plena natureza? Non te perdas o noso percorrido polas mellores termas en Galicia, xa que contamos cun bo número de augas termais ao aire libre e moitas delas son gratuítas. A gran maioría das termas naturais de Galicia concéntranse na provincia de Ourense, convertida nun auténtico paraíso termal. Así que aquí atoparás onde están as termas gratis en Ourense e no resto de Galicia.
Estas son as termas naturais en Galicia das que che imos a falar aquí:
Termas gratis en Ourense (cidade)
- Pozas da Chavasqueira
- Termas do Muíño da Veiga
- Outariz e Burga de Canedo
- Piscina termal As Burgas: pechada por obras
Termas de pago en Ourense (cidade)
- Termas de A Chavasqueira: pechada por obras
- Termas de Outariz
Termas gratis en Ourense (provincia)
- Termas de Bande (Bande - Ourense)
- Baños do río Caldo (Lobios - Ourense)
- Termas de Barbantes (Cenlle - Ourense)
Termas de pago en Ourense (provincia)
- Termas de Prexigueiro (Ribadavia - Ourense)
Máis termas en Galicia
- Termas de Teáns (Salvaterra de Miño - Pontevedra)
Termas gratis en Ourense (cidade)
En Ourense, o termalismo ten máis de dous mil anos de historia e xa era algo moi popular en pobos como o romano. Actualmente, Ourense é a segunda rexión de Europa con maior actividade termal.
Así que imos percorrer as termas gratis en Ourense, a maior fonte de augas termais de Galicia.
Estas son as termas naturais que se atopan na cidade de Ourense e que son de acceso gratuíto.
A Chavasqueira
Entre as máis populares termas en Galicia atópase, sen dúbida, A Chavasqueira.
Estas piscinas naturais están situadas ao comezo do Paseo Termal do Miño e son de acceso gratuíto. Non confundir coas Termas da Chavasqueira, que son de pago e están actualmente pechadas tras un incendio.
As pozas da Chavasqueira gratis contan con vasos para bañarte que están a uns 40 graos de temperatura. Teñen un gran xardín onde podes instalarte e tomar o sol. E tamén dispoñen de vestiarios, baños e consignas para deixar as túas cousas.
Debes levar bañador, toalla, chanquetas e cadeado para a consigna.
O aforo é limitado e non poden entrar os menores de 10 anos.
Como chegar á Chavasqueira? Podes ir en coche e deixalo no aparcadoiro gratuíto ou en bus (liña 26). Outra opción é coller o Tren das Termas, que podes pagar directamente ao subir por 0,85€; pero nestes momentos non está a funcionar por avaría. Mentres podes utilizar a liña 19 - Termas.
Horario das pozas da Chavasqueira gratis:
- Aberto todo o ano: todo os días, de 10:00 a 20:00 h.
Non deixes de visitar esta terma gratis en Ourense, pero infórmate antes de ir porque ás veces teñen que pechar pola crecida do río Miño.
Termas do Muíño da Veiga
Tamén no Paseo Termal, e a escasos quilómetros de Ourense, aos pés dun vello muíño de madeira restaurado, atópanse as Termas do Muíño da Veiga.
Trátase dun grande espazo gratuíto de baño ao aire libre formado por cinco piscinas e rodeado dunha ampla zona verde recreativa.
Conta con vestiarios, aseos e armarios (debes levar cadeado).
A temperatura destas augas termais en Galicia, que son de mineralización débil e alcalinas, rolda os 40º.
Para chegar ás Termas do Muíño da Veiga, podes ir en coche e deixalo no aparcadoiro gratuíto situado a 300 metros.
Ou tamén podes utilizar o Tren das Termas, un pequeno tren de rodas que parte da Praza Maior de Ourense e percorre o río Miño, achegándote ás catro termas próximas: Chavasqueira, Outariz e Burga de Canedo e a citada Muíño da Veiga. Pero actualmente non está en funcionamento por avaría, como substituto habilitouse a liña 19 de autobús.
Horario das Termas do Muíño da Veiga:
- Aberto todo o ano: todo os días, de 10:00 a 20:00 h.
Antes de visitar esta terma gratis en Ourense, asegúrate de se está aberta porque pode pechar pola crecida do río Miño.
Outariz e Burga de Canedo
As termas de Ourense gratis máis grandes da cidade atópanse en Outariz e están formadas por dúas zonas: Outariz e Burga de Canedo, ambas as dúas ao carón dunha pasarela peonil.
Unha pasarela que divide estas termas gratis das Termas de Outariz de pago, que se trata doutro recinto.
Nas piscinas públicas e gratis de Outariz podes gozar de tres vasos de auga quente e un frío, e na zona de Burga de Canedo, de tres vasos dobres de auga quente e un de auga fría.
Estas instalacións ao aire libre dispoñen de aseos, armarios e vestiarios.
Para chegar a Outariz e Burga de Canedo podes deixar o coche no aparcadoiro de Reza (pozas de Maimón), que está alén do río, e despois cruzar a pasarela peonil. E tamén podes estacionar no aparcadoiro de Muíño da Veiga, que está no mesmo lado do río que Outariz, pero un pouco máis lonxe, a algo máis dun quilómetro.
Outra opción é coller o Tren das Termas, que non funciona temporalmente por avaría, ou utilizar a liña 5 de bus que te deixa no aparcadoiro de Reza.
Horario de Outariz e Burga de Canedo:
- Aberto todo o ano: todo os días, de 10:00 a 20:00 h.
Piscina termal As Burgas
En pleno centro histórico de Ourense atópase a piscina termal As Burgas, de case 200 metros cadrados de auga termal ao aire libre.
É outra das termas gratis en Ourense que podes visitar, aínda que está pechada temporalmente. Así que che recomendamos que revises condicións, horarios e requisitos de acceso en cada época.
As instalacións contan coa piscina termal, con augas a unha temperatura de entre 38 e 40º C, e unha sauna húmida. Dispón de vestiarios con armarios.
Horario da piscina termal As Burgas:
- Temporalmente pechada.
Aproveita para achegarte ás dúas fontes das Burgas. Á beira da piscina termal está a “Burga de Arriba”, do século XVII, e no nivel inferior atópase a "Burga de Abaixo", de estilo neoclásico e co "Fervedoiro", un estanque con auga a burbullar e en ebulición.
Termas de pago en Ourense (cidade)
Hai outras dúas termas na cidade de Ourense, pero neste caso son de pago. Son as Termas da Chavasqueira, que están actualmente pechadas por un incendio, e as Termas de Outariz.
Sobre as Termas da Chavasqueira darémosche toda a información sobre servizos, prezos e horarios en canto volvan abrir, porque pode sufrir variacións tras as obras con respecto ás anteriores instalacións.
E sobre as Terma de Outariz tes todos os detalles a continuación.
Termas de Outariz
Unha das termas de Galicia situadas na cidade Ourense e con entrada de pago son as Termas de Outariz. Atópanse no Paseo Termal de Ourense e están separadas a escasos metros por unha ponte peonil das piscinas públicas de Outariz e Burga de Canedo, que son gratis.
As Termas de Outariz autodefínense como "a estación termo-lúdica de inspiración xaponesa máis innovadora de toda España" e conta con once termas exteriores ao aire libre e tres interiores.
Ofrecen dous circuítos termais de 90 minutos cada un: Circuito Zen e Circuito Celta.
Poderás gozar de chorros, jacuzzi, saunas, spa... e todo cunhas vistas ao río inmellorables. Ademais, conta con servizo de bar onde podes comer.
E se queres completar a túa experiencia, podes contratar tratamentos de beleza ou masaxes.
Como chegar ás Termas de Outariz? Podes acceder en coche estacionando nos aparcadoiros gratuítos de Muíño da Veiga e camiñar ata as Termas de Outariz, ou no aparcadoiro de Reza (pozas de Maimón) e cruzar a pasarela peonil ata as termas.
O Tren das Termas é o único vehículo que accede directamente ás Termas de Outariz, pero atópase fóra de servizo por avaría. En substitución, está habilitada a liña 19 de autobús.
Horario das Termas de Outariz:
- Luns, mércores e xoves: 10:00 - 23:00 h.
- Martes: pechado.
- Venres: 10:00 - 1:00 h.
- Sábado: 9:00 - 1:00 h.
- Domingo: 9:00 - 23:00 h.
Prezo das Termas de Outariz:
- Entrada xeral(2 horas): 6,40€
- Bonos mensuais
Termas gratis en Ourense (provincia)
Xa viches cantas termas hai na cidade de Ourense, pero tamén no resto da provincia de Ourense poderás gozar de augas naturais.
Atoparás máis termas naturais en Galicia gratis nas localidades ourensás de Bande, Lobios ou Cenlle.
Termas de Bande (Bande - Ourense)
Atópanse na área de influencia do encoro das Conchas, na localidade ourensá de Bande, así que están mergulladas boa parte do ano, excepto cando baixa o caudal do río Limia.
As Termas de Bande, de carácter gratuíto, contan con pozas, bañeiras, piscinas e mesmo un lago natural con auga quente perfecto para combater males reumáticos ou enfermidades relacionadas coa pel.
Nesta zona, xa os romanos gozaban do manancial de augas termais e construíron un impoñente campamento romano, Aquis Querquennis.
Horario das Termas de Bande:
- Aberto todo o ano 24 horas.
Así que a entrada é libre para gozar destas termas en Galicia gratis.
Baños do río Caldo (Lobios - Ourense)
En Lobios, na comarca da Baixa Limia ourensá, están os Baños do río Caldo.
Un río que debe o seu nome, precisamente, á alta temperatura habitual das súas augas, que oscilan entre 55 e 77 graos.
Aproveitando un pequeno manancial de auga termal, habilitouse unha piscina, de acceso gratuíto, na que podes gozar das propiedades curativas e relaxantes das súas augas.
Na mesma zona hai área recreativa e unha praia fluvial.
Horario dos Baños do río Caldo:
- Aberto todo o ano 24 horas.
Goza doutra das termas en Galicia gratis.
Termas de Barbantes (Cenlle - Ourense)
O val do Miño é un auténtico paraíso de augas termais en Galicia.
Aí atópanse tamén as Termas de Barbantes ou Cenlle, tres pozas termais ao aire libre ás que podes acceder de maneira gratuíta.
Abertas ao público dende o ano 2013, contan, ademais, cunha zona axardinada de lecer, área e merenda, restauración e zona de aparcamento cunha área reservada a caravanas.
As augas das Termas de Barbantes son tépedas, teñen mineralización moi débil e resultan especialmente beneficiosas para casos de artrite ou reuma.
Horario das Termas de Barbantes:
- Todos os días: de 13:00 a 21:00 h.
Non perdas esta terma natural en Galicia gratis.
Termas de pago en Ourense (provincia)
Queremos falarche doutra das termas de Galicia na provincia de Ourense, neste caso de pago. Imos ata Ribadavia para coñecer as Termas de Prexigueiro.
Termas de Prexigueiro (Ribadavia - Ourense)
As Termas de Prexigueiro están situadas na localidade ourensá de Ribadavia.
Estas termas naturais en Galicia están formadas por un circuíto de estilo xaponés con cinco pozas de auga quente ao aire libre, ademais de dúas pozas de auga fría e un SPA.
Ademais, non esquecen o seu toque galego e, estando en Ribadavia, terra de viño, dispoñen de fantásticos tratamentos de beleza e viñoterapia nos que utilizan uvas de tipo treixadura e mencía.
Estas termas son de pago. A entrada xeral custa uns 6€, aínda que hai descontos para nenos/as e xubilados/as.
Horario das Termas de Prexigueiro:
- Luns: pechado.
- Martes, mércores e xoves: 11:00 - 23:00 h.
- Venres e sábado: 10:00 - 00:00 h.
- Domingo: 10:00 - 23:00 h.
Máis termas naturais en Galicia
Hai máis termas naturais en Galicia, aínda que son menos coñecidas, como as Termas de Caldas de Brués, situadas na marxe do río Viñao, ao seu paso por Boborás, na provincia de Ourense, para as que hai previsto un completo plan de rehabilitación.
Tamén na provincia de Ourense se atopan as Termas de Quintas, no Carballiño, xunto ao río Barbantiño, integradas por dúas pequenas piscinas de lousa e pedra.
Hai termas en Lugo, dentro do edificio do Balneario de Lugo, que se poden visitar realizando unha reserva previa.
E xa na provincia de Pontevedra, está outra das termas en Galicia que podes gozar, as Termas de Teáns, en Salvaterra de Miño, das que che falamos a continuación por se estás a buscar termas en Pontevedra.
Termas de Teáns (Salvaterra de Miño - Pontevedra)
En Salvaterra de Miño, na provincia de Pontevedra, están as termas ao aire libre máis grandes de Galicia: as Termas de Teáns.
Contan con 3 termas de auga quente e unha de auga fría.
O acceso é de pago. Debes abonar 4€ para gozar das súas augas mineiro-medicinais sulfuradas recomendadas para procesos respiratorios e dermatolóxicos. E tamén hai unha modalidade de abono de 30€ para 10 baños.
Horario das Termas de Teáns:
- Luns e martes: pechado.
- Horario de inverno (outubro a maio): 10:00 - 13:00 h. e 17:00 - 21:00 h.
- Horario de verán (xuño a setembro): 9:00 - 12:00 h. e 19:00 - 23:00 h.
Todas estas instalacións converten a Galicia nun referente do termalismo e ofrécenche unha fantástica opción de lecer que combina saúde e entretemento. Goza das mellores termas en Galicia.
Fonte imaxe cabeceira: Turismo de Ourense.