Que na nosa terra se come ben, ninguén o dubida. E así o reflicten as 19 insignias e os 17 restaurantes de Galicia con Estrella Michelin. Contámosche cales son, onde están e como é a súa cociña.

Terra

Todos los restaurantes gallegos con Estrella Michelin
Fonte: Terra

Comezamos pola máis recente incorporación ao universo das Estrellas Michelin en Galicia: o restaurante Terra.

Co cociñeiro Brais Pichel nos fogóns, o que naceu en Fisterra como un bar familiar de toda a vida gañou por méritos propios o seu oco entre os mellores restaurantes.

A mestura de tradición con cociña moderna, a aposta polo produto local (de maneira especial polos peixes frescos) e un menú degustación que se reformula continuamente son as súas cartas de presentación.

Árbore da Veira

Luis Veira propónnos alta cociña elaborada con produto fresco e de tempada e degustada nun local con excepcionais vistas ao mar e á cidade da Coruña.

En Árbore da Veira podes elixir entre tres menús degustación diferentes, Semente, Raíces ou Árbore, e unha carta de viños con máis de 200 opcións que se renovan cada trimestre.

Retiro da Costiña

restaurantes estrellas michelin galicia costina
Fonte: Retiro da Costiña

Retiro da Costiña, en Santa Comba, é un local elegante, con diferentes ambientes e espazos. Nel predomina o respecto polo sabor e as texturas innatas do produto, cociñado mediante novas técnicas de execución eficaces, pero sen artificios.

No seu menú Garatuxa, Manuel Costiña inclúe dende pataca de Coristanco a steak tartar, pichón de tres coccións ou crudités de cogombro e mazá.

Para redondear o conxunto, unha amplísima adega e penas de chocolate elaboradas artesanalmente unha a unha, e que tamén podes comprar.

As Garzas

restaurante estrellas michelin galicia garzas
Fonte: As Garzas

A pé de mar, en Barizo (Malpica), atópase un dos nosos restaurantes máis veteranos con Estrella Michelin: As Garzas.

O responsable dos seus fogóns é Fernando Agrasar, en cuxa cociña non faltan os peixes e os mariscos; materia prima local de calidade elaborada cun toque innovador. Imperdible o seu pan de elaboración propia.

As vistas, a terraza e o xardín converten esta mansión de estilo rústico nun impresionante paraíso culinario. Por certo, tamén ofrece aloxamento.

A Tafona

Unha cociña de corte moderno con moito sabor, boa técnica e elegantes maridaxes. Así define a Guía Michelin o traballo de Lucía Freitas no restaurante A Tafona, situado en Santiago de Compostela.

Con Galicia, a costa e a horta sempre presentes, a nova chef, que compra cada día os seus produtos frescos no Mercado de Abastos da cidade, acadou o recoñecemento de expertos e da clientela.

Casa Marcelo

Na zona vella de Santiago de Compostela está Casa Marcelo, con Marcelo Tejedor liderando o proxecto.

Unha cosmopolita combinación de sabores galegos con produtos xaponeses que tamén inclúe referencias culinarias a China, México ou Perú.

En casa Marcelo, unha gran mesa central dános a benvida a un local no que cociñeiros/as e comensais comparten espazo.

Culler de Pau

"En Culler somos intérpretes do noso territorio, tentamos que o comensal sinta a terra usando produtos que veñen dela, cociñando a nosa contorna". Así define o seu traballo a equipa de Culler de Pau, encabezado polo chef Javier Olleros.

Na carta deste restaurante do Grove destacan os produtos de tempada e estacionais, con máis pescados azuis no verán; cogomelos no outono; caldos e pucheiros para o inverno; brotes e herbas cando chega a primavera. E tres menús degustación a elixir: Descuberta, Marexada e Ronsel.

Culler de Pau xa suma dúas Estrellas Michelin.

Pepe Vieira

O outro restaurante galego con dúas Estrellas Michelin é Pepe Vieira, en Poio.

Pepe Vieira chama ao seu proxecto gastronómico "A última cociña do mundo".

No seu local, tres menús con nomes moi vinculados á tradición galega, como a súa cociña: "Romasanta", "O Señor de Andrade" e "A Santa Elección". Unha viaxe culinaria á mitoloxía de Galicia con toque vangardista.

Casa Solla

restaurante estrellas michelin galicia solla
Fonte: Casa Solla

Tamén está na localidade pontevedresa de Poio o restaurante Casa Solla.

De entrada, non perdas o seu sorprendente prato estrela: a empanada.

Pero hai moito máis neste local que aposta polo marisco das rías galegas e a horta ecolóxica para elaborar pratos que coidan especialmente os acabados e os detalles. Mellor se son acompañados de licores e viños da terra; non hai que esquecer que o seu cociñeiro, Pepe Solla, comezou como sumiller.

Yayo Daporta

Un impoñente edificio de pedra acolle na céntrica rúa Hospital de Cambados o restaurante Yayo Daporta.

Na parte baixa, espazo para racións e picoteo informal; na parte alta, cociña galega con chiscadelas a outras latitudes que ofrece os mellores peixes e mariscos de tempada elaborados cun toque actual. Por exemplo, cóctel de albariño en dúas temperaturas, vieira asada con espagueti mariño e galo de curral ou a mítica lamprea á bordelesa.

E todo iso maridado cos mellores viños galegos da man de Esther Daporta.

Eirado da Leña

Iñaki Bretal é o chef de O Eirado da Leña, merecedor da primeira Estrella Michelin da cidade de Pontevedra.

Na súa cociña, o protagonista é o produto galego tratado con respecto e sinxeleza.

Situado na praza da Leña, en pleno centro histórico, trátase dun local pequeno, con só seis mesas e un reservado, que ofrece dous menús diferentes: Curricán e Palangre.

Ceibe

restaurante estrellas michelin galicia ceibe
Fonte: Ceibe

Galicia é a despensa que nutre o restaurante Ceibe, situado en Ourense.

Produtos de tempada elaborados por Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes de maneira sinxela e natural seguindo a tradición culinaria galega e dando lugar a dous menús degustación marca da casa: Enxebre e Esmorga.

Á súa maneira, Ceibe rememora as antigas e humildes casas galegas nun día de festa, cando ofrecían os mellores manxares aos seus invitados/as.

Nova

restaurantes estrellas michelin galicia nova
Fonte: Nova

Cociña de raíces herdada dos nosos maiores e con predominio de produtos frescos. Así é a aposta gastronómica do restaurante Nova, capitaneado en Ourense por Julio Sotomayor e Daniel Guzmán.

Ofrece tres menús degustación que cambian cada semana en función do produto de tempada e que inclúen 8, 10 e ata 13 pases.

Miguel González

restaurante estrellas michelin galicia miguel gonzalez
Fonte: Miguel González

Miguel González é merecedor de Estrella Michelin pola súa cociña baseada en produto do mercado, da lonxa ou do campesiño amigo.

Un restaurante situado nunha mansión de pedra centenario da localidade ourensá de Pereiro de Aguiar que improvisa cada día en función do produto fresco que lle convence.

Maruja Limón

Outro clásico da restauración galega que non falta na Guía Michelin é Maruja Limón, situado en pleno centro de Vigo.

Un local no que o chef Rafa Centeno aposta por actualizar a cociña galega combinando sabores e texturas nunha carta na que conviven o tartar de tenreira galega e berros coa robaliza madurada á brasa e o "tocinillo" de vainilla.

Maruja Limón dispón dun local minimalista con dúas zonas diferentes: o comedor estilo tradicional e a barra informal, con vistas aos fogóns.

Silabario

restaurante estrellas michelin galicia silabario
Fonte: Silabario

No restaurante Silabario (Vigo) Alberto González elabora unha proposta de cociña accesible, a partir de 32 euros por persoa, en base a tres menús degustación diferentes: Berbés, "Tiempo", Raíces e Solaina.

A súa localización é excepcional, nunha azotea céntrica e acristalada con fantásticas vistas á ría.

Asador O Pazo

restaurante estrellas michelin galicia pazo
Fonte: Asador O Pazo

Os asadores tamén son recoñecidos con Estrella Michelin. Así ocorre co Asador O Pazo, de Padrón, con Óscar Vidal como chef, que conseguiu entrar na cobizada listaxe en 2022 e aí se mantén en 2023.

O seu lema xa resolve dúbidas: Galicia á brasa. Na súa carta, os nosos produtos de mar e de terra, con volandeiras, carneiros, choco de Rianxo ou costeleta de vaca loura de Bandeira. E de sobremesa, torta de Padrón, xeado de leite queimado ou queixo "Da Josefa" con marmelo.

Vaia pedazo de oferta gastronómica que temos en Galicia. E seguro que seguiremos sumando restaurantes galegos con Estrella Michelin.

Fonte imaxe cabeceira: Terra.