As redes sociais están presentes na nosa vida diaria aínda que sabemos que teñen algúns riscos, de feito hoxe en día xa existen redes sociais para nenos e adolescentes que cobren as súas necesidades e evitan algúns desgustos. Se se fai un uso correcto, responsable e supervisado por adultos, non ten por que xurdir ningún tipo de problema.

A continuación detallamos algunhas das máis famosas e empregadas polo público máis novo.

  • Club Penguin Island

É a rede social máis veterana dirixida a nenos de entre 6 e 14 anos creada polo xigante Disney. A través do personaxe dun pingüín foméntase a creatividade, orixinalidade e habilidades do neno, entre as que destacan a administración do diñeiro, coidado de mascotas e traballo en equipo. Para poder acceder a esta rede social necesítase o permiso dun adulto que tamén pode limitar os tempos de conexión. En febreiro pechou a súa versión web, e agora só está dispoñible a versión móbil.

Dispoñible para Android e iOS .

  • Youtube Kids

É unha das máis coñecidas grazas á súa nai Youtube. Os máis pequenos da casa poderán gozar das súas series preferidas como 'Pocoyo', 'Doraemon' ou 'Peppa Pig' e de contidos exclusivos online como 'Bernard', O oso traposo', 'Masha e o Oso' ou 'Jelly Jamm' e tamén dispón de xogos e actividades. Os contidos están organizados por canles e listas de reprodución que facilitan a súa procura.

Os adultos poden deseñar a experiencia dos nenos coa rede social a través da súa configuración, algunhas das funcionalidades son a restrición de procura doutros vídeos e o temporizador que avisa cando se consumiu o tempo para ver vídeos.

Dispoñible para Android  e iOS.

youtube

  • Lego Life

Un dos últimos lanzamentos é a rede social de Lego dirixida para nenos menores de 13 anos. Polo momento non está dispoñible en España pero está previsto que pronto aterre no noso país.

O universo Lego trasládase a esta rede social na que os usuarios poderán crearse un avatar de Lego, customizalo ao seu gusto, realizar diferentes creacións coas pezas e compartilas cos seus amigos. Para poder acceder tamén é necesario a autorización dun adulto.

  • Banana Connection

Esta rede social está dispoñible para nenos entre 7 e 12 anos na que poderán visualizar vídeos de Youtube, crear listas de reprodución, escoitar a música dos seus grupos favoritos e participar en xogos de avións, coches, deportes e estratexia. Ademais de todas estas actividades, poderán crear unha comunidade cos seus amigos en función de afeccións e intereses comúns.

Esta rede social está dispoñible en inglés e castelán, a app tanto para Android e iOS lanzarase proximamente.

Redes para adolescentes

Non podemos deixar de lado as redes sociais máis coñecidas porque pode que o teu fillo adolescente menor de idade xa teña perfil en Facebook e Instagram. Pero, que non se estenda o pánico! seguindo unha serie de indicacións que nos suxiren as propias redes pódense establecer unhas premisas de seguridade. Facebook ten unha serie de indicacións de seguridade dirixidas aos pais.

Por outra banda, Instagram é a rede máis utilizada actualmente por adolescentes na que comparten imaxes de moitos momentos do seu día a día, algo que aos pais preocupa bastante. Esta rede tamén conta cunha serie de consellos para os pais preocupados.

Seguindo as indicacións de seguridade e privacidade que recomendan as redes sociais e un intercambio de información veraz cos teus fillos facilitará que o uso de redes sociais se realice dunha forma regular e sen desgustos . Así que xa sabes tira da túa tarifa de móbilR para poder acceder a estas apps e redes sociais.

E ti, como levas que os teus fillos accedan a redes sociais? Cales son as súas favoritas?

Ata a próxima!

Imaxe de Eric Patnoudes