O museo do teléfono de Galicia é un dos grandes descoñecidos da nosa oferta cultural e tecnolóxica, xa que non aparece publicitado en ningunha web e en ningún folleto. Algúns xornais, como El Ideal Gallego, fixéronse eco nalgunha ocasión deste museo.
Trátase dunha colección particular do coruñés José Vázquez Pernas que ten exposta na súa casa de Sada. Se queres ir visitala xa che adiantamos que contactar con el non é nada doado, a non ser que teñas contactos no mundo das telecomunicacións ou do xornalismo .
Unha vez descuberto este museo, non puidemos deixar pasar a ocasión de que José nos contase como xurdiu esta marabillosa idea e como vai evolucionando o seu museo do teléfono.
Unha vida dedicada ás comunicacións
José traballou durante moitos anos no departamento de comunicacións de Fenosa, compañía que hoxe se coñece como Gas Natural Fenosa, onde se dedicaba ao mantemento e montaxe da rede de comunicacións con centrais e subestacións dende a dirección.
Foi nesa época cando comezou a súa paixón polos teléfonos e todos os aparellos que tiveran que ver coas comunicacións. E pouco a pouco comezou a coleccionar algúns destes obxectos.
Pero antes de retirarse, José comezou a darlle voltas á idea de facer un pequeno museo con todo o material que tiña. E a idea transformouse en realidade, e creou a súa propia colección.
A colección atópase no baixo da casa que José ten en Sada. Pero para poder ir colocando todas as pezas tivo que facer varias modificacións do local, para poder colocar axeitadamente todos os equipamentos que tiña.
Máis de 200 pezas
Hoxe en día son máis de 200 as pezas as que compoñen a colección do museo. E José ten previsto seguir aumentando a súa colección, aínda que o prezo dalgunhas das pezas que ten en mente é demasiado elevado. “Nalgunhas ocasións superan os 7.000 euros”, comenta José.
Pero estás equivocado se pensas que soamente vas atopar teléfonos neste museo. Hai centraliñas, de tipo electromecánicas, conmutadas ou de caravillas e modulares. E olliño!, todas en funcionamento. Ademais, tamén poderás botar unha ollada á multitude de compoñentes e accesorios de telefonía.
José explícanos que “hai varias pezas orixinais, pero a máis destacada é o Esqueleto, un teléfono do ano 1895 moi peculiar e único” .
E se agardas atopar algún terminal móbil na colección, esquéceo, porque aínda que José ten algúns non forman parte da mostra.
Como tes que facer para visitar o museo?
Toda a xente que visita o museo queda abraiada, principalmente os maiores, que ao ver moitos dos aparellos volven á súa mente moitos recordos.
Por outra banda, os máis novos aprenden moito cando se lles explica a historia, o funcionamento e as melloras de todos os teléfonos.
Se ti tamén queres visitar o museo do teléfono, podes facelo contactando con José no 685 273 535 e fixar unha cita con el.
Non o dubides, cando poidas visita o museo do teléfono, vas quedar encantado e coñecer moitas curiosidades (a non ser que xas un especialista en materia de comunicacións).
Un saúdo!
Imaxe de Wendy Scofield.