Chegou o verán e con el as vacacións escolares. Un tempo que podería ser de descanso e diversión pode tamén converterse nunha dor de cabeza para os pais e nais que traballan. Nos últimos anos multiplicáronse as iniciativas de conciliación familiar e laboral en forma de campamentos, actividades e obradoiros para os/as pequechos/as. Se vives en Galicia ou por se vés visitarnos este verán, recompilamos para ti os plans máis divertidos con nenos e nenas. Unha selección de campamentos, obradoiros e actividades arredor do cine, banda deseñada, arte, historia, ciencia, música... Si, valos atopar das temáticas máis variadas, para que se adapten a todos os gustos e públicos.

Este recompilatorio de obradoiros e actividades con nenos e nenas de Galicia presenta propostas coas que poderás tomarte un respiro mentres deixas entretidos os/as máis pequeños/as cos/coas seus/súas monitores/as e outras coas que gozaredes a familia ao completo. Ademais de darche ideas para sorprender á xente miúda con plans alternativos, poden sacarte de apuros nun día de choiva en que se estrague o plan da praia ou da piscina. Imos aló?

campamentos de cine

Unha semana de cine

A escola de teatro AM Vigo convida a nenos/as e adolescentes de entre 10 e 18 anos a pasar unha semana do cine este verán cun campamento semanal no que poderán achegarse á linguaxe cinematográfica, ao tempo que desenvolven habilidades coma a escrita, a oratoria ou a expresión corporal. De xullo a setembro, de 10:00 a 14:00 h.

campamento webcomic

Crea a túa propia banda deseñada web

Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22, festival que se celebra durante todo o verán no Monte do Gozo, en Compostela, inclúe nesta edición ata tres campamentos relacionados co sector audiovisual. Un deles, centrado na creación de banda deseñada web, diríxese a afeccionados/as a partir de 14 anos, entre o 5 e o 9 de setembro. Ademais, os mércores de xullo e agosto os nenos e nenas de entre 3 e 4 anos teñen un programa específico infantil a cargo dunha empresa especializada.

Verán no Gaiás

Verán no Gaiás

Obradoiros de maxia, monicreques, contacontos, xogos e arte. Todos os mércores, entre o 13 de xullo e o 17 de agosto, a Cidade da Cultura de Santiago presenta unha proposta diferente para gozar do tempo de lecer en familia.

Arte contemporáneo

Arte contemporáneo

Os/as máis pequeños/as sós ou en compañía de adultos. O Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO, enche as mañás deste mes de xullo de obradoiros infantís (mércores e venres) e de laboratorios de experimentación e creación en familia (martes e xoves). Unha grande oportunidade para divertirse e coñecer materiais, técnicas e artistas.

Descubriendo a los tiburones

Descubrindo os tiburóns

O Acuarium Finisterrae, que forma parte dos Museos Científicos Coruñeses xunto coa Domus e a Casa das Ciencias, convida os/as seus/súas visitantes a participar en xullo e agosto no obradoiro experimental 'Tiburóns á vista', no que poderán descubrir curiosidades sobre esta especie. Todos os días ás 18:00 h.

Campamentos Petroglifos

Arqueoloxía e petróglifos

O Parque Arqueolóxico da Rocha de Campo Lameiro reforza a súa programación estival con obradoiros familiares, escape rooms e rutas de exploración, entre outras iniciativas. Para participar cómpre reservar con antelación.

Campamentos Roma Antigua

Na antiga Roma

O Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos, ofrece os sábados e domingos obradoiros para as familias sobre diferentes aspectos relacionados coa vida na Antiga Roma. Tanto os obradoiros coma a visita ao xacemento, único baño doméstico romano con palestra atopado no norte peninsular, son gratuítos.

Campamentos Muncyt

Ciencia e Tecnoloxía

Obradoiros infantís e xogos de pistas son algunhas das actividades que ofrece en xullo e agosto o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, Muncyt, na Coruña. O obxectivo é que os participantes se familiaricen coa colección do museo, inventores, novos descubrimentos ou campos como a astronomía, a bioloxía, a electrónica... A entrada é gratuíta.

Festivales

Unha morea de festivais

Moitas das numerosas festas que se celebran en Galicia durante o verán contan cunha zona infantil e actividades especialmente pensadas para os máis pequenos. Entre eles están o ‘Atlantic Fest’ de Vilagarcía, que conta cunha Zona Infantil; o ‘SinSal’ da illa de San Simón, que programa obradoiros interxeracionais e rutas de pedal surf; o ‘Festival da Luz’ de Boimorto, ou o ‘SilFest’ do Barco de Valdeorras.

Xa apuntaches os teus favoritos? Seguro que notaches que coa maioría destes plans aprenderán mentres se divirten. Feliz verán, familias R!