Todos sabemos que o patrimonio arqueolóxico de Galicia é moi amplo aínda que de seguro que pouco coñecemos dos avances desta ciencia na nosa comunidade. Un dos expertos galegos neste tema é Manuel Gago, que nos adianta que queda aínda moito por descubrir.
Para os que non o coñezades, Manuel Gago é xornalista, doutor en Ciencias da Información, profesor da materia de Ciberxornalismo na Facultade de Xornalismo da USC, director do portal culturagalega.org e editor do blog Capítulo 0. Como vedes un currículo completiño, e iso que non o puxen todo .
Desta volta puidemos facerlle unha serie de preguntas a Manuel para coñecer un pouco a situación dos descubrimentos arqueolóxicos en Galicia, dun xeito máis próximo, e profundar moito máis na súa traxectoria que, como contaba antes, non se centra só na arqueoloxía.
- Como se lle deu pola arqueoloxía a un doutor en Xornalismo e profe de Ciberxornalismo? Parecen campos moi diferentes, non si?Aparentemente si, pero en realidade non. Hoxe en día a arqueoloxía é unha disciplina moi tecnolóxica, na que hai unha innovación constante e unha hibridación continua de tecnoloxías, técnicas, etc. Por outra banda é, se cadra, unha das áreas de humanidades nas que hai unha reflexión e disposición máis grandes a desenvolver novas linguaxes e modos de chegar ao público e crear novas narrativas. Así que se sumamos a innovación tecnolóxica e as gañas de contar cousas, aí temos o vínculo!
- É tanta a teima polo noso patrimonio arqueolóxico que o levou a fundar o web www.patrimoniogalego.net, cal é o obxectivo dese portal? Hai uns 8.000 bens catalogados. Quen pode participar e como ten que facer?En patrimoniogalego.net pode participar calquera. Só hai que ter vontade de participar nun proxecto colectivo e poñer o teu coñecemento en secuencia co dos demais para demostrar que en Galicia, entre todos xuntos, podemos facer algo pioneiro, un proxecto moi potente e único na súa envergadura en Europa. Patrimoniogalego.net non conta con diñeiro público, senón cun pequeno patrocinio privado da empresa Dinahosting -que nos paga o servidor. Nós alentamos que é un proxecto aberto no que para nada precisas ser un especialista. Un grupo de editores van axudarte cos aspectos se cadra máis burocráticos (PXOMs, etc., ou coas dúbidas que teñas).
- Formas parte, ademais, de moitas iniciativas e descubertas. É sorprendente saber que de cando en vez aparecen castros, por exemplo. Tanto é o patrimonio arqueolóxico que nos queda por descubrir en Galicia?Iso é o marabilloso deste país. Nestes momentos grazas ás novas tecnoloxías estamos localizando unha chea de xacementos que mesmo hai cinco anos pasaban desapercibidos. Desde campamentos romanos ata castros ou fortificacións medievais, por non falarmos de mámoas. A min mesmo non deixa de sorprenderme, pero dá conta da enorme riqueza cultural do noso país.
- Cal foi a descuberta que máis te emocionou?Son moitas, pero por falar dunha recente, podería dicir a relectura do petróglifo de Pedra Leirada. Este é unha estación de arte rupestre que está no meu concello, na Pobra do Caramiñal, e que tradicionalmente se interpretaba como un petróglifo de signos cruciformes, de cruces, vaia. Coñecía de sempre as lendas da pedra, chea de tesouros e encantos, como se fora un lugar moi importante para as xentes que subían ao monte da Curota.
Neste país no que nas pedras están debuxadas enigmáticas combinacións circulares ou fermosos cervos, as humildes cruces parece que son como de segunda categoría. Pero empregamos a fotogrametría para elaborar un modelo 3D do petróglifo, procesamos a información durante toda unha noite, e á mañá seguinte, alucinei cando descubrín que, en realidade, baixo as cruces medievais ou modernas, o petróglifo agochaba toda unha serie de combinacións circulares da Idade do Bronce ou do Ferro tan erosionadas que xa non eran perceptibles a simple vista. E esas cruces, dalgún xeito, estaban dialogando cos vellos motivos circulares, ordenadas ao redor deles. Dalgún xeito, estaba vendo a constatación arqueolóxica do "encanto" do que falaban as lendas. Pareceume marabilloso.
- Un dos seus compañeiros de andanzas é Xurxo Ayán. Que aprendeu dos arqueólogos?Pois unha cousa moi interesante é que os arqueólogos sempre están moi interesados na vida que tivo o sitio xa despois de que foi abandonado, e moitas veces preocúpanse de saber que fixeron arqueólogos anteriores naquel lugar, a historiografía do xacemento, contalo e incluílo como algo importante. É o caso dos pioneiros da arqueoloxía en Galicia, a Xeración Nós, etc. O que aprendín dos arqueólogos é que moitas veces o propio proceso de descuberta do que se investigou sobre un lugar, das xentes que estudaron un castro ou un dolmen, é tan interesante como os propios achados arqueolóxicos que o sitio dá.
- Nas vosas iniciativas de campo tratades de que todo o mundo se implique. É importante achegar o patrimonio aos veciños e á sociedade en xeral?É fundamental porque, ademais, o noso marco legal salienta que sobre o patrimonio cultural temos unha responsabilidade pública. E pública non quere dicir do Estado: público é o que é de todos. O futuro da sociedade galega pasa pola recuperación do seu patrimonio cultural non só por motivos turísticos, senón porque así crearemos unha sociedade máis rica, máis cohesionada e vertebrada. Se algo levo aprendido nestes anos é que o patrimonio cultural une.
- Pero non só te centras no patrimonio arqueolóxico senón tamén na noso patrimonio cultural en diferentes ámbitos gastronomía, viaxes, deseño, etc. Como podes coordinar todos estes temas?É que a nosa vida é multimedia, multisensorial e multisoporte. Mirade, a nosa vida é como un monte ao que lle pegan os ventos. Ás veces veñen do norte, ás veces do sur, outras do leste. E cada vento trae unha cousa distinta. O norte seca e frío, o sur calor e chuvia...Creo que esa é unha boa explicación. Gústame fascinarme con cousas moi diferentes e estudar cada unha delas e, ás veces, mesturalas a ver que pasa. Así que deixo que ás veces me pegue máis o vento dun lado e outras doutro.
- Un vídeo que sorprende a todo aquel que o ve, e onde se che ve a ti de guía é “Unha viaxe á illa dos mortos”. Hai moitos misterios por resolver relativos aos nosos antepasados?Desde logo. A nosa visión do pasado é fragmentaria e inevitablemente interpretada desde o presente. Pero queda tanto por investigar -e divulgar- que non nos vai dar a vida para tanto. Unha cousa que indica cando fas as cousas ben é cando investigas un lugar e saes del con máis preguntas que respostas.
Vento e Chuvia é un proxecto literario, un proxecto no que a imaxinación desempeña un papel fundamental. Agora ben, eu quero reivindicar a literatura como unha sorte de I+D para a ciencia. Porque ao escribir unha ficción que tentas basear nos datos -que ás veces poden ser mínimos- estás obrigado a construír algo coherente. Iso axúdache a pensar, a racionalizar, a intentar entender os esquemas a partir dos datos que teñas, da comparación con outros lugares... O pensamento especulativo e imaxinativo moitas veces axuda a orientar o enfoque do que se pode estar a procurar a nivel de ciencia. Así que Vento e Chuvia dalgún xeito permitiume ordenar os meus pensamentos sobre unha posible relixión e mitoloxía da Idade do Ferro en Galicia, aínda que insisto, é esencialmente literatura.
- Ademais, o libro complétase cunha experiencia multimedia a través dun código que se consegue ao mercar o libro. Considera que é importante que innovar tamén no sector editorial?É fundamental, por suposto. Pero fíxate que eu creo que a innovación tecnolóxica no sector editorial pasa hoxe en día por entender as transformacións na experiencia de lectura e mellorala ou "aumentala". En Herdeiros pola Forza, os códigos QR permiten conectar os capítulos con información ampliada en Youtube. En Vento e Chuvia explorei as posibilidades do contido premium para compradores con funcionalidades (mapas, etc.) que non podían entrar na edición orixinal. En maio saco unha novela con Xerais e centrareime desta volta máis na innovación en marketing, a través da converxencia entre o libro con outras industrias culturais, e tamén nos contidos estendidos.
- E agora unha pregunta difícil desas de “papá ou mamá?”: con que te quedas, co teu blog ou con culturagalega.org?Si que é difícil, pero fíxate que máis que opoñerse, en realidade son complementarios. Teño a sorte de que me interesa moito persoalmente o sector no que traballo a nivel profesional, pero iso tamén fai que Capítulo Cero en realidade poida estar máis especializado en contidos moito máis concretos e non necesariamente galegos. Así que nese sentido estou ben contento.
Un saúdo!