Como xa sabedes, este ano unímonos a un proxecto moi ilusionante co patrocinio do Depor Genuine e, agora, do Celta Integra. En ambos os dous casos trátase de equipos formados por xogadores do colectivo DI (persoas con Discapacidade Intelectual). En suma, unha aposta polo deporte, a integración social e a deportividade.
Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, quixemos charlar con Lucía Otero, adestradora do Depor Genuine:
- Vén de rematar a primeira fase desta tempada, como valoras o inicio da Liga?- Independentemente do resultado, estamos moi contentos co que vimos no terreo de xogo, competimos a un bo nivel en todos os partidos aínda que nos quedan cousas que mellorar. Contamos con incorporacións novas no equipo e esta primeira fase foi unha boa toma de contacto co formato da liga para eles.
- Durante este parada entre fases, como vos preparades para a seguinte quenda de partidos?- Pois seguimos traballando, adestramos tres días por semana, realizamos unha liga interna entre os nosos xogadores, competimos en fútbol sala e realizamos algún que outro amistoso con equipos como o Lugo, Celta ou Sofán.
- Cal é o teu obxectivo para esta tempada?- O principal obxectivo é crear un bo bloque cos xogadores que xa están neste proxecto dende o primeiro día e as novas incorporacións. Que os xogadores traballen e compitan ao máximo nivel posible e sobre todo desfrutar. A partir de aí tentaremos mellorar os resultados da pasada tempada.
- Donato estivo a acompañar os mozos na súa estrea en Tarragona. Seguro que lles fixo moita ilusión.- Poder contar coa presenza e o apoio dunha figura tan importante do fútbol, e da nosa cidade por toda a súa traxectoria no club é unha grande experiencia para todos: puidemos desfrutar dos seus consellos e experiencias vividas no fútbol.
- Que é o que máis emociona aos xogadores?- A nivel futbolístico o que máis lle emociona á maioría deles é poder marcar un gol, a pesar de que tentamos que comprendan que moitas veces é máis importante o pase ou un desmarque. Ao final o máis vistoso no fútbol é o gol e cando conseguen marcar é un momento moi emocionante para eles. Despois tamén no extradeportivo, as visitas de grandes futbolistas e grandes figuras do mundo do fútbol tamén é un grande aliciente para os xogadores e para o corpo técnico.
- E á adestradora? Imaxinamos que debe ser gratificante adestrar esta pequena familia.- Para min tamén é un proxecto ilusionante, non só por todo o que che achega a nivel deportivo senón tamén a nivel humano e persoal. Ver como evolucionan e traballan, a súa capacidade de superación e a satisfacción que proporciona ir alcanzando os obxectivos paso a paso, é indescritible.
- Algunha anécdota?"Ver como evolucionan e traballan, a súa capacidade de superación e a satisfacción que proporciona ir alcanzando os obxectivos paso a paso, é indescritible"
- Anécdotas, precisamente nesta sede, durante o transcurso do primeiro partido. Estaba a custarnos traballo finalizar as xogadas e durante o descanso, Donato, que nos acompañaba no banco, achegouse a un dos nosos xogadores e fregoulle a bota coas mans durante uns segundos e díxolle que saíse a xogar, e ao pouco de saír conseguiu marcar dous goles case consecutivos.
- Na liga Genuine empezaron 18 clubes e agora sodes xa 36. A forza de LaLiga Genuine Santander é imparable? Cres que seguirá crecendo?- Iso queremos, que este sexa un proxecto con futuro, aínda que é certo que aínda faltan clubes por unirse, esperemos que só sexa unha cuestión de tempo. Cada tempada son máis os clubes que se interesan por participar e por ser anfitrións desta liga que representa os valores do deporte en equipo e o xogo limpo.
- Nesta competición puntúan non só os goles, senón tamén o comportamento e accións de deportividade e xogo limpo de xogadores, adestradores e afeccións. Como valoras este sistema?- A día de hoxe, no panorama deportivo estamos a valorar moito máis os resultados que todo o proceso que hai antes, durante e despois dunha competición. Tanto é así que moitas veces chegamos a pensar que todo vale para gañar. Nesta liga non só basta con ser o mellor a nivel técnico ou táctico, tamén é importante a actitude dos xogadores e das persoas do corpo técnico de fronte ao rival, o árbitro ou os propios compañeiros. Creo que é un sistema que sería mesmo moi interesante poder trasladalo ao fútbol base e que axudaría a fomentar unha competencia sa.
- Cres que estes valores deberían servir como exemplo para o resto de ligas?- Si, como xa dixen antes, creo que podería ser unha boa experiencia trasladalo ao fútbol base sobre todo. Valorar todos os aspectos do deporte e non só os resultados, axúdanos a formar non só futbolistas senón tamén persoas.
- Dépor e Celta tamén se miden na Genuine. Hai a mesma rivalidade que nas categorías superiores?"Valorar todos os aspectos do deporte e non só os resultados, axúdanos a formar non só futbolistas senón tamén persoas"
- De momento non tivemos a sorte de poder coincidir nun encontro de liga. Si o fixemos en torneos e amistosos, pero sería unha grande experiencia. A rivalidade Dépor – Celta é inevitable sexa cal sexa a categoría na que se compita. No noso caso esa rivalidade está presente dentro do campo pero unha vez que saímos do verde mantemos moi boa relación, mesmo hai boa amizade entre algúns dos nosos xogadores.
- Vés de recibir o premio eWoman ao Mérito Deportivo de LaLiga, enfrontándote a deportistas como Verónica Boquete e Ana Peleteiro. Como che sentes?- O certo é que cando o club me informou de que estaba entre as finalistas, para min xa foi todo un recoñecemento, pensar que todo ese traballo que realizamos día a día non pasa desapercibido. Que poñan o teu nome xunto a grandes figuras do deporte nacional como Verónica Boquete ou Ana Peleteiro é unha grande honra, e xa ter a sorte de poder gañar é unha sensación única que che dá forzas e ánimos para continuar e para mellorar día a día.
- E para finalizar, como ves o apoio de empresas como R a LaLiga Genuine?- Poder contar co apoio dunha gran empresa como é R non só supón unha grande axuda dende o punto de vista económico senón tamén moi positivo xa que outorga maior relevancia e repercusión a este proxecto, dándolles visibilidade aos xogadores tamén en actos promocionais como poden ser presentacións ou firmas de autógrafos.
Dende aquí desexámosvos moitos éxitos este ano. Sorte, rapaces!