Ola a todos. Chegan unhas festas que asociamos sempre á comida (que non se diga que os galegos non celebramos todo con boas champadas), ao frío, pero tamén ao colorido das luces de Nadal que enchen as rúas e tamén as nosas casas.
Nesta época tiramos tamén moito de internet e, sobre todo, do wifi, para comunicarnos coa nosa xente e con aqueles que están lonxe. Xa temos explicado en máis dunha ocasión que hai unha serie de elementos que interfiren na nosa conexión: estantes con libros, papel pintado, elementos metálicos, azulexos… Pero tamén outros aparellos que debilitan ou causan problemas, como microondas, outras redes wifi, vixía-bebés… E agora temos que sumarlle outro elemento: as luces da árbore de Nadal.
De seguro que máis dun pensa que isto o estamos inventando. Pero non. Acaba de salientalo nin máis nin menos que Ofcom, o regulador británico de telecomunicacións. E faino ao presentar unha app móbil na que consultar o estado da rede wifi, con recomendacións para mellorar o sinal.
Chegados a este punto, máis dun dirá: “E que teñen que ver as luces da árbore co sinal wifi? Nin que o alumeado fose sen fíos!”. É lóxico que vos preguntedes isto. E como nos aclaran dende Xataka Smart Home, aínda que todo isto pareza raro, o problema está causado pola “mala fabricación dalgunhas compoñentes baratas (conmutadores, condensadores, fluorescentes, etc.) que emiten cantidades inxentes de sinais de radiofrecuencia”.
Vamos, que ao final mercamos no primeiro lugar que atopamos e esa ringleira de pequenas luces contén equipos electrónicos que emiten tamén un sinal pola mesma banda que emprega o wifi. Como consecuencia, iso provoca desconexións na nosa rede, que esta vaia máis lenta ou mesmo cortes puntuais.
A recomendación, pois, é apagar as luces da árbore cando necesitemos tirar da conexión de internet para mellorar o rendemento. Ademais, na nosa web soswifi.mundo-R.com tamén temos unha serie de consellos para que o wifi vaia mellor, como empregar a banda de 5Ghz sempre que sexa posible, afastar do router os aparellos que crean as interferencias, cambiar a canle wifi…
Así que a próxima vez que o voso wifi vaia lento ou teñades cortes, analizade se preto tedes cacharros que poidan causarlle algunha interferencia ao voso router ou se na vosa casa hai tantas luces de Nadal que precisades unha planta eléctrica enteira para abastecervos Son cousas que aparentemente non están relacionadas, como vedes, pero que si inflúen (e moito) na vosa conexión.
Un saúdo!
Fonte da imaxe: Alby Headrick