Galicia é terra de inventores/as. Así o demostran o abrelatas multiuso, o futbolín ou a calculadora que usamos cada día. E as 200 novas patentes rexistradas cada ano e as máis de 2.000 que levamos no que vai de século XXI. Presentámosche algúns dos máis sobresaíntes inventos e inventores/as galegos/as.

O abrelatas multiuso

O abrelatas multiuso, tamén coñecido como "o explorador español", saíu da mente creadora de José Valle Armesto, lucense de Negueira de Muñiz.

Emigrante en Xixón, montou un taller no que fabricaba a súa grande creación, considerada todo un fito do deseño industrial e que segue en uso a día de hoxe.

Sinxelo, pequeno, lixeiro e transportable, tiña catro usos distintos: conseguía abrir botellas, exercía de chave de parafusos e, por suposto, abría latas grazas á súa coitela puntiaguda, incluídas as de conservas.

O seu invento resultoulle moi rendible, non escatimou esforzos en publicidade e granxeouse unha boa reputación e cuantiosos clientes. En 1918, producía diariamente cento cincuenta mil chaves de arame para abrir latas de conservas.

O futbolín

A Alexandre Campos Ramírez, coñecido como Alejandro Finisterre ou Alexandre de Fisterra, debémoslle un deses inventos co que varias xeracións gozaron, e seguen gozando, de moitas horas de lecer e entretemento.

Poucas veces unha convalecencia ten resultado tan útil. Ferido na Guerra Civil Española, aproveitou a súa estancia no hospital para idear un "fútbol de mesa". Patentou o seu invento en Barcelona en 1937 e construíu un primeiro futbolín coa axuda dun carpinteiro vasco pero, en plena guerra, non conseguiu que ningunha empresa o fabricase.

Cal sería a súa sorpresa anos despois cando descubriu que o seu invento se estendera por Europa, aínda que a el nin se lle mencionaba, xa que o patentara un antigo compañeiro de hospital.

Co tempo, ninguén dubida da súa creación, aínda que moito menos coñecido é outro dos seus grandes inventos: o popular xogo "Hundir la Flota".

Por certo, moitos coñeceron a Alexandre través da canción que lle dedican Os Diplomáticos de Monte Alto e que foi emitida no popular Xabarín Club da TVG:

A calculadora

Ramón Silvestre Verea de Aguiar y García, natural da Estrada, enxeñeiro, xornalista, escritor e inventor da calculadora mecánica. En 1878 recibe a medalla de ouro na "Exposición Mundial de Inventos" e consegue a patente en EE.UU. da súa "máquina de calcular".

De ferro e aceiro, pesaba uns 26 quilos, tiña 14 polgadas de longo, 12 de ancho e 8 de alto e era capaz de sumar, restar, multiplicar e dividir directamente con números de ata nove cifras, sen encadear sumas (como se facía ata entón) e en só vinte segundos.

Ese primeiro modelo consérvase nos depósitos da sede central neoiorquina de IBM e forma parte da colección iniciada en 1930 polo fundador da empresa.

O primeiro ebook

Sabías que o primeiro ebook o ideou unha mestra de Ferrol? Ángela Ruiz Robles, dona Angelita para os seus alumnos/as, foi a artífice en 1949 dunhos taboleiros dixitais que nese momento soaban a ciencia ficción.

Tiñan dúas partes. A primeira estaba dedicada a coñecementos básicos de escritura, cálculo e lectura. O funcionamento era sinxelo e práctico: facendo presión, formábanse sílabas e palabras. A segunda, a base de bobinas, contiña información máis ampla de cada materia.

As lousas baseábanse en pezas intercambiables integradas nun sistema mecánico de aire a presión e tiñan unha capa exterior transparente e resistente que, ademais, incluía cristal de aumento e mesmo sons.

Aínda que nunca chegou a comercializarse, a Enciclopedia Mecánica de "doña Angelita" alixeirou as mochilas e as costas dos nenos da época e ten a honra de ser considerada o primeiro ebook da historia.

A boia sumerxible lanzatorpedos

Ao sadense Antonio Sanjurjo Badía ocorréuselle que unha boa forma de defenderse ante un posible ataque norteamericano tras a crise desatada pola guerra de Cuba era crear unha boia submarina lanzatorpedos. Por algo a Antonio se lle coñecía como "El Habilidades".

O 11 de agosto de 1898 foi a primeira inmersión desta "boia portaminas" na poza de Guixar. Era un sumerxible a pedais que podía descender ata unha profundidade máxima de dous metros. A súa velocidade dependía tanto dos materiais do invento como da forma física daqueles que debían pedalear para que se movese.

En resumo, todo un fito da construción naval que hoxe podes visitar no Museo Naval de Vigo.

Os motores de gasóleo

Eduardo Barreiros, nacido en Nogueira de Ramuín, provincia de Ourense, comezou dende moi novo a traballar con motores. E aí xurdiu a súa grande idea: modificar os motores de gasolina para que usasen gasóleo, máis económico, máis dispoñible e que, de paso, reducisen o seu consumo de combustible.

O éxito é inmediato e en pouco tempo crea o que se converterá nun grande imperio empresarial: a fábrica Barreiros Diésel. A súa creación de motores e as súas innovacións na fabricación de motores industriais convertérono nun dos maiores nomes do sector do automóbil, chegando a fabricar o 40% dos vehículos pesados de España. Da súa alianza con Chrysler sae, por exemplo, a fabricación de modelos míticos como o Simca 1000 ou o Dodge Dart.

Na actualidade, o enxeño galego segue en forma. Poida que che soen algunhas creacións recentes como o suxeitaparafusos que se adapta a todo tipo de chaves de parafusos, o tobogán inoxidable, a máquina que pela castañas, o sistema antiroubo de cable ou o invento para evitar atropelos.

Na maioría dos casos, persoas anónimas que lanzan a súa gran idea ao mundo confiando en dar o pelotazo. Co tempo veremos quen o consegue. Cal será o próximo grande invento galego?