O desafío da FIRST LEGO League (FLL) está lanzado: volver definir e revolucionar a forma en que facemos deporte, xogamos e nos movemos. 35 equipos e máis de 250 mozas e mozos de toda Galicia buscarán solucións innovadoras utilizando as ferramentas e a tecnoloxía de hoxe.

Queres ver o resultado? Pois sigue en directo a competición o sábado 29, dende as 9:00 h, na canle oficial de Youtube da FLL Galicia.

Desafíos para aprender e gozar coa ciencia e a tecnoloxía

Con estes retos, a FIRST LEGO League quere fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos. E ao mesmo tempo, desenvolver habilidades para o seu futuro.

Así o levan facendo dende hai 15 anos; 7 en Galicia, grazas á organización da Universidade da Coruña. Charlamos co profesor José Antonio Becerra Permuy, coordinador da FLL Galicia, para que nos conte máis detalles desta edición.

Como se organiza un evento destas características en pandemia?

Diría que, con moito esforzo, como sempre 😊.

Todo na pandemia foi complicado, pero consideramos que era mellor facer a FIRST LEGO League aínda que fose online, que non facela. Isto último sería como claudicar ante o virus. Non, en ningún momento dubidamos que tiñamos que facela.

A maior parte dos aspectos organizativos veñen xa traballados dende a organización nacional (a Fundación Scientia), que fai un traballo excepcional, o cal facilita moito a organización. Doutra banda, xa levamos máis dun ano adaptando a docencia e a investigación na Universidade á pandemia, co que “o online” píllanos xa curtidos.

FIRST LEGO League GaliciaComo xurdiu a idea de levar a competición tamén a Galicia?

Convidáronnos a ver o Open European Championship que se celebrou en 2014 en Pamplona, e foi un frechazo. Ver a tantos mozos e a tantas mozas realmente gozando dun evento educativo, compartindo con outros/as mozos/as o que aprenderan nun ambiente de diversión... Aos dos minutos xa tiña claro que había que celebrar a FIRST LEGO League na nosa Universidade. O entusiasmo foi compartido por moitas persoas á volta da viaxe, incluíndo as Direccións dos Centros e moitos compañeiros profesores. Tantas foron que no seguinte curso xa puidemos celebrala.

Hai moito talento que xorde deste tipo de desafíos?

Sen dúbida. É algo que poderán certificar os que exerceron de xuíces (moitos deles profesores) durante todos estes anos. Hai mesmo un premio a nivel internacional (o Global Innovation Award), dotado de 20.000$, para que o equipo gañador trate de levar á realidade a idea do seu Proxecto de Innovación.

Nos sete anos que a Universidade da Coruña leva organizando a FIRST LEGO League en Galicia, un equipo participante no noso torneo clasificatorio foi nomeado candidato para optar a ese premio representando a España en dúas ocasións, o cal dá unha idea da calidade do traballo dos participantes.

FIRST LEGO League GaliciaQue é o máis bonito desta competición?

Ver aos mozos/as e nenas/os pasalo realmente ben nunha actividade que, en definitiva, é de aprendizaxe. Ao final, a FIRST LEGO League pon de manifesto algo que todos os profesores sabemos; que a motivación é a clave para a aprendizaxe.

Dende R non podemos estar máis de acordo. E, como colaboradores da FIRST Lego League Galicia, lanzámosche o reto a ti tamén: Como podemos ser máis activos? Anímate a compartir as túas ideas nos comentarios 😊.