O municipio pontevedrés de Vilaboa acaba de unirse á listaxe de máis de 140 municipios con conexión directa ás redes de R.
Polo momento, máis de medio centenar de novos inmobles do núcleo de Costal xa poden gozar de accesos a Internet de ata 500 megas simétricos (subida e baixada) e de todos os servizos de nova xeración de R.
Despregadura de rede
R pechou unha primeira fase dos traballos de despregadura de rede neste concello da Ría de Vigo, aproveitando ao máximo as infraestruturas municipais do núcleo de Costal.
Coa recente incorporación destes 54 inmobles, Vilaboa inicia o seu camiño con R, que deixará conectadas, cando termine esta fase do Plan Avanza, preto de 800 residencias e empresas do municipio pontevedrés tamén nos núcleos de Balteiro, Larache, Riomaior, Muíño, Magarella, Barciela, Pazos, Pousada e Nores.
Vilaboa estrea rede avanzada de R
O concello de Vilaboa, situado ao fondo da Ría de Vigo, atópase situado entre as dúas cidades máis importantes da provincia: Pontevedra e Vigo.
Á situación privilexiada une as súas praias de augas tranquilas, como a de Deilán. Xa no interior, atópase un dos seus grandes atractivos naturais, o Parque de Cotorredondo, coroado polo Miradoiro, dende o que se poden ver as Illas Cíes, as Ons, Sálvora e a Ría de Arousa.
Vilaboa conta tamén con varios 'canastros' de gran valor etnolóxico repartidos polas distintas parroquias, todos eles con máis dun século de existencia.
E, dende agora, este municipio da provincia de Pontevedra xa dispón de conexión á fibra óptica de R.
10 millóns de investimento e fondos europeos
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
Nos tres plans vaise investir un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o despregamento no devandito núcleo de Costal, en Vilaboa, enmárcase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos doutros municipios do sudoeste de Galicia (Pontevedra), traballos que nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€.
Un segundo proxecto fala igualmente do despregamento de banda larga de nova xeración con tecnoloxía FTTH, esta vez en 154 núcleos de concellos do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo). Para estas actuacións, o investimento é de 2,6M€. O terceiro dos proxectos adxudicados desenvólvese en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo), cun investimento total de 3,58M€.
Máis de 60.000 fogares e negocios conectados
Preto de 30.000 novos fogares e negocios de Galicia quedarán conectados ás redes de nova xeración de R cando rematen as actuacións adxudicadas en 2018. A estes traballos hai que lles sumar as tarefas de extensión de redes avanzadas que desenvolveu R dende 2016 en virtude doutro concurso do Plan PEBA do Ministerio para lles achegar tamén a tecnoloxía FTTH a diferentes “zonas brancas” da xeografía galega; en concreto, para conectar 33.000 fogares e negocios, cuxos servizos están xa en fase de comercialización.
Deste xeito, cando finalicen os dous plans, máis de 60.000 novas residencias particulares e empresas quedarán preparadas para recibir os servizos avanzados de R.
A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, R chegou por primeira vez coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos concellos do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Mos, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía, Valga, Vilaboa e Ponte Caldelas.
Todas estas localidades poden gozar agora de accesos ultrarrápidos a Internet de 500 megas simétricos con velocidade garantida, do descodificador Android 4k da televisión dixital de R e de pura alta definición co servizo rebobina, para ver a tele como e cando se queira.
Así mesmo, as/os clientas/es de R poden aforrar no seu plan de datos móbiles e conectarse gratuitamente a arredor de 130.000 puntos da rede wificlientes R diseminados pola xeografía galega. E todo isto, cunha atención ao/á cliente/a próxima, de calidade e sempre dende Galicia.
Imaxe de Concello de Vilaboa: vista aérea de Vilaboa.